O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

12 oct 2022

20º aniversario en Pireneos

 


Xa somos maiores de idade!!! Xa temos 20 anos e na casa deixáronnos ir de excursión!!! A organización preparounos unha saída, nada máis e nada menos que, a Pireneos, ó Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido en Huesca. Que luxo!!

Declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO, o Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido inclúe un conxunto de catro vales (Ordesa, Añisclo, Escuaín e Pineta), que están ó redor do Monte Perdido, o macizo calcáreo máis alto de Europa.

Pois nós percorremos tres deles: Ordesa, Añisclo e Pineta.

Comezamos o mes de outubro subindo ó autobús que nos levou ata Pamplona, onde fixemos unha paradiña dunhas horas que nos serviron para almorzar e percorrer as rúas do centro da cidade, incluíndo o percorrido dos encerros de San Fermín. Algúns estivemos acompañados duns amigos de Loli que nos fixeron de anfitrións, o cal agradecemos.

Seguimos viaxe ata Jaca, onde paramos para xantar e visitar a cidade. A media tarde xa saímos cara a Torla, o que ía ser o noso destino, e aloxámonos no hotel Edelweis. Un hotel fantástico, onde estivemos moi a gusto toda a semana e moi ben atendidos por Miguel e compañía.

O domingo xa comezamos a primeira das rutas achegándonos ata o “Cañón de Añisclo”. Estivemos acompañados polo noso guía de cabeceira e especialista en Pireneos, Carlos Garrido, que estivo con nós toda a semana, ó cal agradecemos moito xa que é un pracer camiñar con el.

O Cañón de Añisclo é un dos lugares máis espectaculares de Aragón. Trátase dun profundo canón esculpido durante millóns de anos pola erosión do río Bellós. Conta con numerosas fervenzas e un bosque frondoso que o converten nun lugar único. Nós seguimos a ruta de Ripareta. Algúns continuaron en dirección a Fuenblanca aínda que non deu tempo a chegar por non arriscarnos a meternos na noite. As vistas son espectaculares!! Ó principio do camiño está a ermida de San Úrbez incrustada nunha cova e adicada a ese santo e pastor que viviu alí no século VIII.


Mentres, as compañeiras que forman o chamado “Grupo Alternativo” fixeron unha ruta ata a localidade de Broto, onde pasaron o día coñecendo ese precioso lugar.

O luns tocaba a ruta máis esixente da semana, a “Pradera de Pineta”. Aquí é o río Cinca o que forma un dos máis espectaculares cursos fluviais da zona. Dende o final do val saen varias rutas, unha delas é a chamada “Los Llanos de La Larri”. Parte do grupo fixo esta ruta pasando por un bosque de faias e por varias pradeiras verdes e cunhas vistas especaculares. O resto do grupo animouse a subir ata o Balcón de Pineta. Tras unha forte e prolongada subida chegamos ó miradoiro desde o cal se aprecia unha espectacular panorámica do val. Logo continuamos a ruta ata chegar ó lago Marboré (2.590 m de altitude), para gozar da excelente vista de todo o glaciar. Todo un espectáculo xeolóxico! Unha paisaxe practicamente lunar!!

O grupo alternativo fixo unha ruta en coche chamada “La ruta de los miradores” accedendo a varios dos puntos onde se pode apreciar toda a beleza do lugar.

O martes pola mañanciña todas e todos subimos ó autobús para achegarnos ata a localidade de Riglos e facer a ruta que rodea os famosos Mallos de Riglos. Os “mallos” en Aragón son esas extraordinarias formacións xeolóxicas de cor vermella que foron levantadas hai uns 65 millóns de anos cando se formaron os Pireneos. A posterior erosión da auga deu lugar a estas impresionantes paredes rochosas que son un paraíso para os escaladores. Cando estabamos no alto do sendeiro, recibimos con sorpresa a algunhas das compoñentes do grupo alternativo encabezadas por Luci, o que supuxo un gran esforzo para elas e unha gran alegría para todos os demais.


Xa pola tarde fomos de visita ó castelo de Loarre. O castelo de Loarre é un castelo románico situado na localidade de Loarre, na serra de Loarre, (provincia de Huesca, Aragón). Foi declarado Ben de Interese Cultural e Monumento Nacional en 1906. Fixemos unha visita guiada que resultou moi amena. O guía fíxonos pasar un rato moi agradable.

Para o mércores quedaba a ruta estrela, xa que nos achegamos ata a pradera de Ordesa para facer a ruta pola Senda dos Cazadores.

Esta é unha das rutas máis bonitas do Val de Ordesa. Comezamos o percorrido no aparcadoiro da Pradera de Ordesa. Pronto comezamos unha forte subida, pero dirixidos por Carlos Garrido fíxose sen problema. Chegamos ó miradoiro de Calcilarruego cunhas vistas espectaculares. A partir de aí vai unha senda en continuo descenso ata chegar ó mítico lugar da “Cola de Caballo”. Trátase dunha fervenza espectacular, que desta volta non o era tanto xa que tiña pouca auga. O regreso foi pola pista máis fácil seguindo o curso do río que está inzado de bonitas fervenzas como as chamadas “Gradas de Soaso”.


E xa no último día da nosa estadía en Torla, saímos ben cedo cara a bonita localidade de Alquézar, declarada Conxunto Histórico Artístico.

Antes de pasear polas bonitas rúas desta localidade, fomos facer o percorrido polas pasarelas. Esta ruta permite admirar a beleza do último treito do río Vero. Primeiro hai un tramo de escaleiras de madeira que facilitan o descenso. Pronto atopamos un desvío para ver a cova de Picamartillo. Volvendo ó sendeiro, o camiño segue río abaixo a través dunha espectacular pasarela metálica instalada na parede rochosa. Pasamos por unha vella presa e mais a antiga central hidroeléctrica. Ó rematar as pasarelas, o camiño vólvenos levar a Alquézar, acompañados por varias parellas de voitres que sobrevoaban por riba das nosas cabezas. Paseando por esta bonita localidade, observamos numerosos “callizos”, algunhas casas nobres dos séculos XIV a XVII, e sobre todo, a súa fabulosa Colexiata de Santa María, do século XVI.

A media tarde collemos o autobús para ir cara a vila medieval de Aínsa. Cabe salientar a súa porticada Praza Maior, a igrexa románica de Santa María, un dos mellores exemplos románicos do Alto Aragón. Continuamos a visita paseando polos restos do seu castelo. Algúns visitamos tamén o Ecomuseo da Fauna Pirenaica, onde recuperan as aves rapaces feridas.

O venres pola mañá, collemos o autobús para a volta a casa facendo parada en Burgos. Tivemos tempo de pasear polo casco vello de Burgos e visitar o “Museo de la Evolución Humana”, moi recomendable.

O sábado saímos para facer o tramo final da volta e paramos unhas horiñas en León. Da man da nosa compañeira Ángeles e mais a súa familia, leoneses de pro, coñecemos o máis importante do centro leonés, que precisamente estaba de festa e había moi bo ambiente,  como é a súa catedral, a Praza Maior na que había o mercado dos sábados, a colexiata de San Isidoro (coñecida como “La Capilla Sixtina Leonesa”)...

Ás 8 da tarde, o noso fantástico condutor David, deixounos de novo en Matamá, un pouco cansos pero moi satisfeitos da semana vivida polos Pireneos para celebrar o 20º aniversario do Souto do Vello. 

Para ver as fotos fai clic 

aquí1

aquíGA

aquí2

aqui3

aquí4




5 comentarios:

  1. Gran crónica, como siempre. Tremenda experiencia que agradecemos todos y que no podemos expresar con palabras. Las caras de satisfacción lo dicen todo. Muchísimas gracias a aquellos que participaron en la organización de este magnífico viaje. No lo olvidaremos nunca.

    ResponderEliminar
  2. Una semana inolvidable sin duda, gracias por haberme dejado acompañaros en esos días tan fantásticos,un saludiño para todos.

    ResponderEliminar
  3. Xa mirei 5 veces as fotos e todavia non me creo que fora capaz de facer as camiñatas foi una semana inolvidable e quero dar as gracias a organizacion e a Garrido por confiar en nos porque nunca pensei e o fosemos capaces de tanto e a David que foi un estupendo compañeiro e gran conductor.

    ResponderEliminar
  4. Moi boas fotos, en este grupo aparte de ter a mellor dirección, tamen temos bos fotografos.
    Todos temos que felicitarnos polas rutas que fixemos, pero mais ainda polo gran compañerismo e a boa sintonia entre todos, sen esquecer o gran traballo que fixeron, Bacelos, José Luis, Telmo e algún mais que tamen axudou cando o necesitaron, sempre sin esquecernos de Carlos Garrido un gran sendeirista e un mellor compañeiro.
    Este tipo de andainas se estaban facendo cada cinco anos, persoalmente penso que xa temos uns aniños e non digo que todos os anos, pero penso que cada dous estaria ben.
    Felicidades a todos e a seguir facendo camiño.
    Un saudo

    ResponderEliminar
  5. Parabéns a todas e todos por ter gozado desta increible experiencia nos Pireneos. Eu gocei coas vosas fotos e teño un pouco de envexa e moita morriña porque me lembro das veces que fun feliz na vosa compañia. Desexo moita saúde ao grupo para que poidades seguir camiñando e logo festexando nos 20 vindeiros anos.

    ResponderEliminar