O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

24 oct 2025

A Pontenova - Taramundi

 

Como vén sendo habitual os andaríns do Souto do Vello collemos unha fin de semana de outono para facer unha escapada. Desta volta a organización propúxonos unha saída pola ficticia fronteira galaico-asturiana e achegámonos ata A Pontenova, na provincia de Lugo. A idea era facer unha ruta en Taramundi e outra alí na Pontenova.

O sábado achegámonos ata Taramundi para facer a Ruta da Auga, unha das máis coñecidas da zona. Foi unha boa opción xa que conta con poboacións con encanto, bosques propios da fadas, fervenzas, paisaxes e museos.

Iniciamos a andaina na parte baixa da vila e achegámonos ata Mazonovo, alí tiñamos concertada a visita ó bonito Museo de los Molinos, considerado o maior museo de muíños de España.Trátase dun museo interactivo, participativo e ben coidado.

Á saída e tras un pequeno ascenso desviámonos á dereita por un sendeiro para cruzar o ríoTuría e seguir ascendendo por un bosque autóctono de castiñeiros e amieiros. Polo camiño atópase un desvío que nos levaría á fervenza da Salgueira. Nós non fomos porque neste momento non hai fervenza por falta de auga.

Continuamos ata os Esquíos e logo As Veigas, dúas das poboacións tradicionais e moi bonitas de ver. As Veigas é unha poboación formada por casas de pedra con lousados, situado nunha contorna de gran beleza. É un exemplo de arquitectura tradicional ben conservada.


De alí fomos ata Os Teixois, conxunto etnográfico de gran beleza tamén e que conta cun importante grupo de enxeños hidráulicos como mazo, roda de afiar, pequena central eléctrica, muíño, batán, e todas en bo estado de funcionamento.

Alí aproveitamos para xantar antes de tomar o camiño de regreso a Taramundi.

Aínda houbo tempo para unha cervexiña e mais a visita que algúns fixeron ó “museo de la cuchillería”, onde xa estiveran as amigas do grupo alternativo.

Logo o autobús tróuxonos ata A Pontenova para aloxarnos no hotel San Briz a maioría, e outros na pensión Navia.

No restaurante do San Briz ofrecéronnos unha suculenta cea moi ben elaborada e moi ben atendidos polo persoal de sala.

Xa no domingo, e con preocupación polas condicións meteorolóxicas, preparámonos para realizar varias rutas nunha. Primeiro fixemos a Ruta das Minas, para continuar pola do Ferrocarril e rematar coa ruta do Muiñeiro Namorado. O tempo deixounos facer todo iso con tranquilidade.


A ruta das Minas é unha interesante ruta que sae dos antigos fornos de calcinación na praza central de A Pontenova. Aí pódese comprobar unha das actividades máis importantes que houbo neste municipio, a actividade das minas de Vilaoudriz, onde obtiñan carbonato de ferro que se calcinaba nos fornos para poder comercializalo e obter fósforos que se utilizaban como fertilizantes.

O punto máis interesante é a visita ás antigas Minas de Vilaoudriz, a Mina Consuelo.

Máis adiante fomos á zona onde chegaba o antigo tranvía aéreo (hoxe hai unha tirolina) coas tolvas cargadas do mineral cruzando o río Turía. Ó chegar atravesamos un túnel e chegamos a outro forno de calcinación do grupo de minas Boulloso onde aproveitamos para comer o bocadillo das once.

Despois dun tramo pola que chaman Ruta do Ferrocarril, chegamos ó comezo da Ruta do Muiñeiro Namorado.

Esta é a historia que figura na páxina de Turismo do Concello:

Historia na que se basea o percorrido desta ruta:

Segundo conta a historia, recollida da tradición oral polos máis anciáns do lugar, case un século atrás, no muíño que había xunto as vías do tren e do que aínda hoxe se conserva a súa estrutura exterior, traballaba un mozo muiñeiro. Fillo de pais tamén muiñeiros, naceu no oficio polo que entendía como ninguén os complexos engrenaxes que movían as moas do muíño, sendo ademais, un dos que mellor dominaba a arte do picado das pedras cando estas se gastaban ao moer o grao.

Grazas ao carácter alegre e extrovertido deste mozo muiñeiro, e a que era un dos mellores no seu traballo, e grazas tamén a que o seu muíño estaba ao lado da vía do tren da liña “Villaodrid- Ribadeo” (moi próximo ao apeadeiro de “O Cairo”), eran moitas as persoas doutras localidades que frecuentaban o seu muíño, tendo ademais moito éxito entre as mozas que lle levaban o grao para moer.

Un día achegouse polo muíño unha moza atraída polo balbordo da xente que alí se encontraba. Acaba de baixar do tren que viña de Ribadeo e, malia que ninguén sabía quen era nin de onde viña, ou quizais por iso, nada máis vela o muiñeiro quedou prendado dela.

A rapaza, procedente de Neguri – Biscaia, resultou ser a filla dun importante home de negocios financeiros e un dos principais inversores da Sociedad Minera de Villaodrid e, o que nun principio pensaba ser unha visita curta simplemente para coñecer as principais instalacións da Sociedad Minera que o seu pai financiara, debido a este encontro casual co xove muiñeiro, pronto se converteu nunha estancia de varios días.

Durante os días seguintes, era frecuente ver os dous mozos pasear o seu amor ao longo do regato de O Cairo, percorrido que esta ruta recrea case no seu estado orixinal tal e como o viviron os nosos protagonistas.

Cando o pai da rapaza se decatou da verdadeira razón pola que a súa filla prolongara a súa estancia nesta zona e comprobou que o rapaz co que se vía era un simple muiñeiro, obrigou a súa filla a regresar a casa de inmediato e prohibiulle volver a visitar estas terras.

A filla, lonxe de aceptar a imposición do seu pai, aproveitaba as numerosas e longas ausencias do seu pai por negocios, para visitar o seu amado muiñeiro, tratando iso si, de que ningún dos encargados da Sociedad Minera a recoñecese e lle dese o chivatazo a seu pai.

Agora, os paseos á beira do regato eran máis furtivos, pasando a maior parte do tempo no interior do muíño ou nas proximidades da boca da Mina de O Cairo, lonxe das miradas indiscretas dos demais muiñeiros e dos “dixomedíxome” das lavandeiras que baixaban todas as tardes lavar a roupa ao regato.

Malia todas estas precaucións, non tardou en sabelo o pai da moza de que a súa filla lle desobedecera e, anoxado, para lograr impoñer o seu desexo e evitar que se seguise vendo co xove muiñeiro, decide enviar a súa filla a estudar a Bos Aires (Arxentina). O xove muiñeiro, pola súa parte, non se resigna a perdela polo que, dende o porto de Ribadeo, embárcase como polizón nun cargueiro que se dirixe cara a Mar del Plata.

Algúns afirman que, cando se atopaba a tan só unhas poucas millas do seu destino, o xove polizón foi descuberto e este, para evitar ser repatriado, lánzase á auga. A tripulación do cargueiro viu como desaparecía aos poucos minutos entre as ondas do inmenso Océano Atlántico, sen volver a saberse nunca nada máis del.

Outros, sen embargo, sosteñen que o mozo foi capaz de chegar á beira e, aínda que nunca chegou a atoparse coa súa amada, si fixo fortuna producindo e exportando fariña de trigo de calidade (un oficio co que nacera e que, como xa se mencionou, dominaba como ninguén).

Hai, por último, uns poucos reticentes que non cren nin unha palabra do que aparece aquí reflectido, considerándoa unha lenda máis das moitas que a xente inventaba para facer máis levadeiras as longas noites de inverno.”


 A ruta comeza na desembocadura do regato de O Cairo no río Eo. Está formada por 2 tramos enlazados. Nós só fixemos o primeiro tramo de 2,4 km (só ida) cun desnivel moi suave e que vai seguindo o sendeiro paralelo ó regato de O Cairo, no cal vai facendo unha serie de saltos escalonados debido ós numerosos banzados que nel se levantaron para facilitar o rego dos prados que antigamente existían nesa zona. Ademais do rego, a auga deste regato tamén se aproveitaba para mover as engrenaxes de varios muíños repartidos ó longo deste percorrido, sendo os máis importantes dous muíños que hai ao final deste tramo, próximos a Figueirarrúa.


Volvemos polo mesmo camiño ata o autobús que nos achegou ata Meira onde estaban agardando as do grupo alternativo que pasaran o día nesta bonita localidade.

Co mesma comezamos a volta a casa despois dunha fin de semana moi ben aproveitada.

Novamente aproveitamos para agradecer a boa acollida de todo o persoal do hotel San Briz e da pensión Navia que fixeron que tiveramos unha estancia moi agradable.

Xa estamos convocados para o día 16 de novembro para comezar un novo proxecto onde percorreremos a preciosa Ribeira Sacra ourensá.


Para ver as fotos fai clic aquí.

25 sept 2025

Fervenza de Liñares (A Lama)

 Despois dun negro verán por mor dos lumes, comezamos a nova tempada de sendeiros por unha das xoias da provincia de Pontevedra como é o concello de A Lama. Pertence á Rede Natura 2000 e está considerada como parte dunha área de alto valor ecolóxico a nivel europeo sobre a conservación de hábitat natural, fauna e flora silvestre. A ver se o coidamos!!!


Basicamente a ruta transcorreu seguindo o río Xesta, que nace na parte alta da Serra do Suído, que baixa entre brañas e turbeiras ata a súa desembocadura no río Oitavén, deixando atrás a vella ponte dos arrieiros ou chamada Ponte de Liñares, que foi o primeiro que visitamos despois de saír da aldea de Liñares.

Máis abaixo da ponte, o río encáixase e cae precipitándose e formando a famosa fervenza da Freixa ou de Liñares. Hoxe non lucía nada ben xa que o río leva moi pouca auga.


Parte da ruta que fixemos vai pola denominada “Tralos pasos do río Xesta”, o PR-G-24 que transcorre pola parroquia de Xesta pasando tamén polas localidades de Cortegada e Paradela.

Esta ruta recuperou os vellos camiños e sendas de servizo das augas para os numerosos muíños que imos atopando.


Por estes camiños chegamos ata a área recreativa de Os Prados, onte puidemos comer aproveitando unhas raioliñas do Sol que ía e viña.

Despois iniciamos o regreso a Liñares atravesando o fermoso bosque de acivros de Portomartiño.


Bonita ruta para comezar a vixésimo cuarta tempada, que terá continuidade o vindeiro 17 de outubro desprazándonos ata A Pontenova para gozar dunha fin de semana que promete.


Para ver as fotos fai clic aquí. 


12 jun 2025

Fin de tempada por Beade e Bembrive

 


O pasado domingo chegamos ó final da tempada 24-25 e para celebralo organizamos un xantar campestre no precioso Parque Forestal de Beade. Pero antes había que facer ganas de comer, para iso preparamos unha bonita ruta polos roteiros preparados polas Comunidades de Montes de Vigo.

A saída foi dende o mesmo Parque Forestal para facer un bonito percorrido seguindo parte do curso do río Eifonso.


O descenso deste fermoso río dá lugar á formación de pequenas fervenzas como a de Bouzafría. Tamén pasamos por diversas construcións como muíños, pasarelas, etc., algúns en mal estado outros totalmente renovados.

Pasamos polo lugar de Couso onde hai outra bonita área recreativa e a presa do Galleiro.

Outros dos lugares de interese polos que pasamos foron a coñecida como aldea da Fraga ou Casas Vellas, poboado abandonado dende o século XVIII e “A casa das auga”, lugar que acumulaba as augas coas que se abastecía a Vigo no século XIX. 

Nesta ruta contamos coa colaboración dun guía local, nin máis nin menos que o amigo Suso, a quen agradecemos moito. Como agradecemos tamén á súa dona Luci que fixo de guía para o grupo alternativo facendo unha pequena ruta moi bonita nos arredores do parque.

Ó chegar de novo ó parque forestal xa tiñamos preparados uns exquisitos chouripáns quentiños que preparamos nos asadeiros habilitados e uns pratos de chourizo leonés agasallo da nosa amiga Maribel. Repartidos polas distintas mesas do lugar demos conta dun bo xantar regado con viño agasallo de Fernando, o noso colleiteiro de confianza. Xa de sobremesa non faltaron as rosquillas Ancla, agasallo de Kico regadas con sidra de Bembrive agasallo dos recentes avós Isa e Bacelos.

E como se adoita facer nestas ocasións, rematamos a xornada coa actuación estelar do grupo Os Soutiños que fixeron as ledicias de propios e achegados.

Rematada unha nova tempada, xa quedamos convocados para comezar a 25-26 no mes de setembro, mentres tanto a descansar e gozar do verán con familiares e amigos.


Para ver as fotos fai clic aquí.

14 may 2025

Couto Mixto - Lobios

 


Unha nova saída de fin de semana para O Souto do Vello. Desta volta trasladámonos ata o Gerés-Xurés para camiñar entre Galiza e Portugal.

Toda a semana estivemos pendentes e soprando un pouco para que a fin de semana viñese con bo tempo. Non foi así, estivo un tempo máis invernal que primaveral, pero iso non diminuíu a ilusión dos andaríns e andarinas para afrontar o “Camiño privilexiado” o sábado e a Corga da Fecha o domingo.

O primeiro que fixemos foi achegarnos ata Santiago de Rubiás, unha aldea do concello de Calvos de Randín, que formaba parte do chamado Couto Mixto.


Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capitalRubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000 habitantes entre os anos 1862 e 1864.

En Santiago estaba agardando Ricardo, un guía que nos explicaría a historia deste curioso lugar ó tempo que visitabamos a igrexa onde se atopa unha réplica da Arca das Tres Chaves, onde se gardaban os documentos do Couto Mixto.

Rematada a visita comezamos a andaina polo chamado “Camiño privilexiado”. Os habitantes do Couto dispuñan dun camiño privilexiado que, partindo do Couto, atravesaba as terras de Calvos de Randín, na Galiza, e de Turei, en Portugal. Estaba delimitado por mouróns ou marcos de pedra, marcados con diversos sinais, como cruces.

Utilizado para o tránsito de persoas e de mercadorías, as autoridades de ambos os países non podían realizar ningunha aprehensión dentro dos seus límites (nin tan sequera de contrabando), nin podían molestar os seus usuarios.
Os habitantes do Couto non necesitaban de licenza para o porte de armas de calquera clase (de caza ou de defensa), nin dentro do Couto, nin no Camiño Privilexiado.

Hoxe máis que camiño privilexiado habería que chamalo camiño enchoupado, pola cantidade de auga que atopamos e que dificultou a marcha en moitos momentos.

Mentres os andaríns facían a ruta, o grupo alternativo continuou a visita e logo desprazáronse ata a localidade de Montalegre onde fixeron algo de turismo e coñeceron a súa gastronomía.


Xa pola tarde todos xuntos fomos ata o hotel Lusitano en Lobios para pasar a noite despois dunha estupenda cea no restaurante do hotel.

 O domingo fixemos unha bonita ruta en busca da Corga da Fecha, unha fervenza espectacular que baixaba ben chea de auga ofrecendo un marabilloso espectáculo.


Esta ruta está considerada unha das máis atractivas que se poden facer no Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés e é o resultado da unión do Sendeiro da Corga da Fecha, o Sendeiro da Cabaniña do Curro e a antiga calzada romana Vía Nova XVIII, que unía a actual Braga coa actual Astorga.

Rematamos a andaina cun paseíño ó pé do río Caldo ata chegar ás instalacións do Balneario. Algúns probaron a temperatura das augas do río antes de subir ó autobús para a volta a casa.

Unha estupenda fin de semana a pesar de que o tempo non acompañara todo o que debía.

Quedamos convocados para o vindeiro 8 de xuño para celebrar o remate da tempada 24-25.


Para ver as fotos fai clic aquí.

10 abr 2025

Trilho do megalitismo - Castro Laboreiro

 

O Souto do Vello segue fiel ós seus costumes e por iso neste primaveral mes de abril fixemos a habitual visita ó noso Santuario do Bacalhau.

Esta mañá de domingo dirixímonos cara a Castro Laboreiro para facer unha pequena ruta pola Serra do Gerés, pura natureza chea de fervenzas, miradoiros, penedos, núcleos megalíticos e outras marabillas que conforman este parque natural digno de conservar.

Tal como indicaba o cartaz publicado neste blog, iniciamos o percorrido na branda de Outeiro para pasar pola branda de Rodeiro. Continuamos o camiño cara o Planalto de Castro Laboreiro pasando por varios núcleos megalíticos parándonos a observar algunhas das mámoas que atopamos.

Continuamos pegados á fronteira coa Galiza onde atopamos o núcleo megalítico do Alto da Portela de Pau.

Camiñando por unhas boas pistas de montaña cun ollo posto nas ameazantes nubes negras que viñan do sur chegamos ó punto de partida sen necesidade de sacar o chuvasqueiro. Alí nos agardaba Rubén que nos achegou ata o restaurante Miracastro para gozar do habitual menú cos fumeiros, bacalhau e cabrito ben regados. Moitas grazas a todo o persoal do restaurante pola acollida.


Despois do xantar e antes da actuación estelar dos Soutiños, fixeron entrega de diversos agasallos a varias persoas que dun xeito ou doutro se encargan de organizar e dinamizar as saídas mensuais, en especial Bacelos que dedica horas para que todo saia o mellor posible.

Temos que agradecer a colaboración de todos os asistentes durante todo o ano, salientando o traballo de Ángeles que elaborou uns libros preciosos coas fotos da saída que fixemos a Riaño. Moitas grazas de parte de todos os agasallados.

Rematada a actuación dos Soutiños, Rubén tróuxonos ata Vigo pensando xa na seguinte saída que será a fin de semana do 10 e 11 de maio que visitaremos e coñeceremos a historia do Couto Mixto.


Para ver as fotos fai clic aquí.


20 mar 2025

Polas terras de Pantón (Frontón)

 


Por fin puidemos facer realidade o desexo de realizar esta ruta polas terras de Pantón, en concreto pola localidade de Frontón de onde é orixinaria a nosa compañeira Josefa. Despois de darnos a benvida agasallándonos cun cafeliño e mais unhas roscas da confitería Ancla, Josefa, moi emocionada tamén pola presenza das súas fillas e irmá, fixo de guía polas ruelas de Frontón amosándonos a súa casa, a vella escola onde asisitiu, e como non os preciosos miradoiros da


ruta. Un dos primeiros que visitamos foi o de Pena Pombeira, o lugar máis alto do concello de Ferreira de Pantón, a 707 m de altitude, contemplando dende alí o final do curso do río Sil antes de deitar as súas augas no Miño. Máis tarde chegamos ó miradoiro da Cruz, que como o nome indica está coroado por unha grande cruz dende a que se pode contemplar unha fermosa paisaxe salientando a igrexa de San Vicente de Pombeiro. Esta xoia do románico do século XII foi a seguinte parada da nosa ruta.


Como é habitual en moitas outras igrexas da zona, San Vicente de Pombeiro formou parte, alá polo século X, dun mosteiro do que hoxe non quedan máis que algunhas pegadas. A igrexa foi construída entre os séculos XII e XIII, aínda que en etapas posteriores sufriu diversas reformas. É de planta basilical, con tres naves e outras tantas ábsidas semicirculares. A particular entrada principal está disposta entre dous contrafortes.

Continuando por un bonito sendeiro chegamos ata os sartegos antropomórficos de O Preguntoiro. Trátase de catro tumbas escavadas na rocha. Unha delas está sen rematar, hai outras dúas perfectamente visibles e outra medio agachada xa que conserva a lousa orixinal que a tapaba. As tumbas están orientadas de leste a oeste polo que se confirma que se trata dun soterramento cristián. Polo tipo de tumbas fai pensar que son de época medieval, séculos X ou XI. Aínda que hai algunha teoría que as localiza no período cristián da época sueva.

Xa despois desta visita continuamos sendeiro pasando pola aldea abandonada de Penaveada para chegar ata San Cosmede.

Como remate desta preciosa e emocionante ruta puidemos degustar as ricas rosquillas Ancla agasallo do noso amigo Kico.



Moitas grazas a todos e todas. Xa estamos agardando que chegue o vindeiro 6 de abril para encamiñar os nosos pasos cara ó noso santuario do bacalhau.


Para ver as fotos fai clic aquí

11 feb 2025

Pinzás

 No mes de febreiro temos por costume facer unha pequena ruta e rematar cun cocido como é debido. Este ano volvemos a un lugar coñecido como é o restaurante Florentiña en Pinzás.

Chegamos co autobús nunha mañá gris con brétema e ameazando chuvia, chuvia que, aínda que non copiosa non deixou de molestar durante toda a mañá. Dende logo o día non era o axeitado para gozar dunha paisaxe ben bonita pero si que se prestaba para o remate que nos agardaba.

Comezamos a camiñada en Pinzás, na Serra da Groba e dirixímonos cara á Alpuxarra e o Curro. Como non podía ser menos, saudaron o noso paso algunhas vacas que pacían tranquilamente a pesar do mal tempo.


Cun descenso prolongado fomos cara a Fervenza do río Pequeno, un pequeno regato como o propio nome indica que deita as súas augas no río Miñor. Nun determinado lugar forma unha pequena fervenza nun recuncho con moito encanto. Lástima que non puidemos gozar dela como é debido.

Continuando a marcha pasamos pola aldea da Portavedra e arrodeamos o Chan do Cereixo. Aquí atópase un xacemento arqueolóxico datado no Pleistoceno. Está localizado entre as concas do río Miño e do río Miñor e foi ocupado en diversas ocasións por diferentes comunidades de humanos ó longo de centos de miles de anos.

Baixo os paraugas chegamos de novo á Casa Florentiña onde puidemos cambiar as roupas un pouco molladas e pasar ó comedor para degustar unha reconfortante sopa e mais as talladas que viñeron a continuación acompañadas de boas patacas e verzas ben ricas.


E para rematar a xornada, fantástica actuación dos Soutiños ó completo que fixeron as ledicias dos bailaríns e non bailaríns.

 



Temos que rematar esta crónica lamentando o falecemento do pai de Suso Montero (Vitrasa) e da nai de Suso de Matamá. Dende O Souto do Vello enviamos as nosas máis sinceras condolencias e unha forte aperta que axude a soportar estes dolorosos momentos.


Para ver as fotos fai clic aquí.

15 ene 2025

Aldán - Costa da Soavela

 


Pasadas as festas do Nadal e en boa forma, damos comezo as andainas neste novo ano 2025. O pasado domingo, 12 de xaneiro, achegámonos ata Aldán para facer un precioso e interesante roteiro costeiro, a Costa da Soavela.


Saímos do porto de Aldán estando unha mañá de inverno preciosa, cunha brétema que anunciaba un día claro en canto o sol saíse con forza, e así foi, o día estivo fantástico cunha temperatura axeitada para camiñar.


A primeira parte da ruta transcorreu por algunhas das mellores praias da zona: Vilariño, Arneles, Pinténs, Castiñeiras e Area Brava.

Pasamos pola beira das ruínas da fábrica de conservas de Curbera para coller rumbo cara ó faro de Punta Couso e gozar das vistas.

Deixamos as praias atrás para comezar a ascender polos altos da costa da Soavela ata chegar ó Facho de Donón. Alí paramos a comer xa que estaba un día fantástico, sen nada de vento como adoita haber por eses lares. Moi poucos restaurantes poden presumir dunhas vistas tan marabillosas, coas Cíes e Ons ós nosos pés.

De alí xa comezamos o camiño de volta cara ó famoso cruceiro de Hío onde rematamos a xornada de hoxe. Bonita camiñada de primeiro de ano e agardando pola segunda que vai ter un remate feliz degustando un exquisito cocido en Pinzás o vindeiro 9 de febreiro.


Rematamos esta crónica lamentando profundamente a perda da nai do noso amigo-guía Bacelos, polo que enviamos as máis sinceras condolencias a el e toda a súa familia. Unha aperta moi grande.



Para ver as fotos fai clic aquí.