O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

24 oct 2025

A Pontenova - Taramundi

 

Como vén sendo habitual os andaríns do Souto do Vello collemos unha fin de semana de outono para facer unha escapada. Desta volta a organización propúxonos unha saída pola ficticia fronteira galaico-asturiana e achegámonos ata A Pontenova, na provincia de Lugo. A idea era facer unha ruta en Taramundi e outra alí na Pontenova.

O sábado achegámonos ata Taramundi para facer a Ruta da Auga, unha das máis coñecidas da zona. Foi unha boa opción xa que conta con poboacións con encanto, bosques propios da fadas, fervenzas, paisaxes e museos.

Iniciamos a andaina na parte baixa da vila e achegámonos ata Mazonovo, alí tiñamos concertada a visita ó bonito Museo de los Molinos, considerado o maior museo de muíños de España.Trátase dun museo interactivo, participativo e ben coidado.

Á saída e tras un pequeno ascenso desviámonos á dereita por un sendeiro para cruzar o ríoTuría e seguir ascendendo por un bosque autóctono de castiñeiros e amieiros. Polo camiño atópase un desvío que nos levaría á fervenza da Salgueira. Nós non fomos porque neste momento non hai fervenza por falta de auga.

Continuamos ata os Esquíos e logo As Veigas, dúas das poboacións tradicionais e moi bonitas de ver. As Veigas é unha poboación formada por casas de pedra con lousados, situado nunha contorna de gran beleza. É un exemplo de arquitectura tradicional ben conservada.


De alí fomos ata Os Teixois, conxunto etnográfico de gran beleza tamén e que conta cun importante grupo de enxeños hidráulicos como mazo, roda de afiar, pequena central eléctrica, muíño, batán, e todas en bo estado de funcionamento.

Alí aproveitamos para xantar antes de tomar o camiño de regreso a Taramundi.

Aínda houbo tempo para unha cervexiña e mais a visita que algúns fixeron ó “museo de la cuchillería”, onde xa estiveran as amigas do grupo alternativo.

Logo o autobús tróuxonos ata A Pontenova para aloxarnos no hotel San Briz a maioría, e outros na pensión Navia.

No restaurante do San Briz ofrecéronnos unha suculenta cea moi ben elaborada e moi ben atendidos polo persoal de sala.

Xa no domingo, e con preocupación polas condicións meteorolóxicas, preparámonos para realizar varias rutas nunha. Primeiro fixemos a Ruta das Minas, para continuar pola do Ferrocarril e rematar coa ruta do Muiñeiro Namorado. O tempo deixounos facer todo iso con tranquilidade.


A ruta das Minas é unha interesante ruta que sae dos antigos fornos de calcinación na praza central de A Pontenova. Aí pódese comprobar unha das actividades máis importantes que houbo neste municipio, a actividade das minas de Vilaoudriz, onde obtiñan carbonato de ferro que se calcinaba nos fornos para poder comercializalo e obter fósforos que se utilizaban como fertilizantes.

O punto máis interesante é a visita ás antigas Minas de Vilaoudriz, a Mina Consuelo.

Máis adiante fomos á zona onde chegaba o antigo tranvía aéreo (hoxe hai unha tirolina) coas tolvas cargadas do mineral cruzando o río Turía. Ó chegar atravesamos un túnel e chegamos a outro forno de calcinación do grupo de minas Boulloso onde aproveitamos para comer o bocadillo das once.

Despois dun tramo pola que chaman Ruta do Ferrocarril, chegamos ó comezo da Ruta do Muiñeiro Namorado.

Esta é a historia que figura na páxina de Turismo do Concello:

Historia na que se basea o percorrido desta ruta:

Segundo conta a historia, recollida da tradición oral polos máis anciáns do lugar, case un século atrás, no muíño que había xunto as vías do tren e do que aínda hoxe se conserva a súa estrutura exterior, traballaba un mozo muiñeiro. Fillo de pais tamén muiñeiros, naceu no oficio polo que entendía como ninguén os complexos engrenaxes que movían as moas do muíño, sendo ademais, un dos que mellor dominaba a arte do picado das pedras cando estas se gastaban ao moer o grao.

Grazas ao carácter alegre e extrovertido deste mozo muiñeiro, e a que era un dos mellores no seu traballo, e grazas tamén a que o seu muíño estaba ao lado da vía do tren da liña “Villaodrid- Ribadeo” (moi próximo ao apeadeiro de “O Cairo”), eran moitas as persoas doutras localidades que frecuentaban o seu muíño, tendo ademais moito éxito entre as mozas que lle levaban o grao para moer.

Un día achegouse polo muíño unha moza atraída polo balbordo da xente que alí se encontraba. Acaba de baixar do tren que viña de Ribadeo e, malia que ninguén sabía quen era nin de onde viña, ou quizais por iso, nada máis vela o muiñeiro quedou prendado dela.

A rapaza, procedente de Neguri – Biscaia, resultou ser a filla dun importante home de negocios financeiros e un dos principais inversores da Sociedad Minera de Villaodrid e, o que nun principio pensaba ser unha visita curta simplemente para coñecer as principais instalacións da Sociedad Minera que o seu pai financiara, debido a este encontro casual co xove muiñeiro, pronto se converteu nunha estancia de varios días.

Durante os días seguintes, era frecuente ver os dous mozos pasear o seu amor ao longo do regato de O Cairo, percorrido que esta ruta recrea case no seu estado orixinal tal e como o viviron os nosos protagonistas.

Cando o pai da rapaza se decatou da verdadeira razón pola que a súa filla prolongara a súa estancia nesta zona e comprobou que o rapaz co que se vía era un simple muiñeiro, obrigou a súa filla a regresar a casa de inmediato e prohibiulle volver a visitar estas terras.

A filla, lonxe de aceptar a imposición do seu pai, aproveitaba as numerosas e longas ausencias do seu pai por negocios, para visitar o seu amado muiñeiro, tratando iso si, de que ningún dos encargados da Sociedad Minera a recoñecese e lle dese o chivatazo a seu pai.

Agora, os paseos á beira do regato eran máis furtivos, pasando a maior parte do tempo no interior do muíño ou nas proximidades da boca da Mina de O Cairo, lonxe das miradas indiscretas dos demais muiñeiros e dos “dixomedíxome” das lavandeiras que baixaban todas as tardes lavar a roupa ao regato.

Malia todas estas precaucións, non tardou en sabelo o pai da moza de que a súa filla lle desobedecera e, anoxado, para lograr impoñer o seu desexo e evitar que se seguise vendo co xove muiñeiro, decide enviar a súa filla a estudar a Bos Aires (Arxentina). O xove muiñeiro, pola súa parte, non se resigna a perdela polo que, dende o porto de Ribadeo, embárcase como polizón nun cargueiro que se dirixe cara a Mar del Plata.

Algúns afirman que, cando se atopaba a tan só unhas poucas millas do seu destino, o xove polizón foi descuberto e este, para evitar ser repatriado, lánzase á auga. A tripulación do cargueiro viu como desaparecía aos poucos minutos entre as ondas do inmenso Océano Atlántico, sen volver a saberse nunca nada máis del.

Outros, sen embargo, sosteñen que o mozo foi capaz de chegar á beira e, aínda que nunca chegou a atoparse coa súa amada, si fixo fortuna producindo e exportando fariña de trigo de calidade (un oficio co que nacera e que, como xa se mencionou, dominaba como ninguén).

Hai, por último, uns poucos reticentes que non cren nin unha palabra do que aparece aquí reflectido, considerándoa unha lenda máis das moitas que a xente inventaba para facer máis levadeiras as longas noites de inverno.”


 A ruta comeza na desembocadura do regato de O Cairo no río Eo. Está formada por 2 tramos enlazados. Nós só fixemos o primeiro tramo de 2,4 km (só ida) cun desnivel moi suave e que vai seguindo o sendeiro paralelo ó regato de O Cairo, no cal vai facendo unha serie de saltos escalonados debido ós numerosos banzados que nel se levantaron para facilitar o rego dos prados que antigamente existían nesa zona. Ademais do rego, a auga deste regato tamén se aproveitaba para mover as engrenaxes de varios muíños repartidos ó longo deste percorrido, sendo os máis importantes dous muíños que hai ao final deste tramo, próximos a Figueirarrúa.


Volvemos polo mesmo camiño ata o autobús que nos achegou ata Meira onde estaban agardando as do grupo alternativo que pasaran o día nesta bonita localidade.

Co mesma comezamos a volta a casa despois dunha fin de semana moi ben aproveitada.

Novamente aproveitamos para agradecer a boa acollida de todo o persoal do hotel San Briz e da pensión Navia que fixeron que tiveramos unha estancia moi agradable.

Xa estamos convocados para o día 16 de novembro para comezar un novo proxecto onde percorreremos a preciosa Ribeira Sacra ourensá.


Para ver as fotos fai clic aquí.

1 comentario:

  1. Que finde semana más bonito gracias o Souto do vello un 10 para hotel san briz pola cena e desayuno e para os camareros e camareras

    ResponderEliminar