O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

19 nov 2025

Castro Caldelas - A Teixeira

 


Tiñamos moita gana de facer o percorrido pola  Ribeira Sacra Ourensá. Un percorrido que nos pode levar unhas 7 ou 8 etapas pero que pagará a pena xa que poderemos gozar dun contorno que non nos cansamos de apreciar en calquera época do ano pero sobre todo no outono. Aínda que xa estamos no inverno, a paisaxe está vestida de outono e iso puidemos comprobalo este domingo.

Iniciamos o percorrido coa etapa Castro Caldelas- Fábrica da Luz, aínda que por mor de que o tempo non axudou, só fixemos a etapa ata A Teixeira. Iso non nos impediu enchernos das marabillosas cores desta estación, manifestándose sobre todo nas viñas que atopas ó longo do percorrido.

A praza principal de Castro Caldelas foi o punto de partida e despois de achegarnos ás portas do castelo comezamos a baixar por sendeiros cheos de castiñeiros.


A primeira parada de mérito fixémola para visitar as ruínas do Mosteiro de San Paio da Abeleda, situado nun enclave realmente estratéxico que dá realmente noxo ver o estado ruinoso no que se atopa.

Continuamos camiño cunha pequena subida que nos levará ata un precioso sendeiro que dá acceso á fervenza do Cachón entre preciosos bosques acompañando o río dos Vaos formando preciosos saltos de auga ata chegar ó gran salto que neste momento trae bastante auga.


Damos media volta e tomamos o camiño que nos conducirá ata o núcleo de A Teixeira. Cruzamos a estrada á altura da Galería, un pequeno museo de arte ó aire libre dun dos veciños. Dende alí ascendemos por un estreito sendeiro para entrar polas ruelas de A Teixeira e buscar un lugar abrigado para xantar. Algúns atoparon o bar “Museo do viño” onde nos acolleron moi amablemente xa que o día estaba bastante desagradable.

Demos por rematada a ruta neste punto xa que non nos daría tempo de chegar ó destino. A seguinte etapa comezarémola aquí.

Quedamos emprazados para o vindeiro 14 de decembro para facer a última saída do ano.




Para ver as fotos fai clic aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario