A organización deixou para final de ano unha andaina
con poucas costas. Debeu pensar que para iso xa está xaneiro, aínda que para
moita xente neste tempo as costas son todo o ano. O certo é que a ruta foi ben
doada e chea de cor, de historia e de bo tempo…a pesar das ameazas.
Volveron acompañarnos un grupo dos amigos e amigas da
Pedra Jallada que ademais estrearon uniforme.
Saímos da vila termal de Cortegada, onde acaban de
inaugurar un balneario, para ir pola
beira do río Miño coas súas augas encoradas por mor do encoro de Frieira.
Pasamos por carballeiras preciosas poboadas de carballos de boa altura que
aínda conservan gran parte das súas follas.
Pasamos pola vella e importante aldea da Barca que foi abandoada
pola construción do encoro. Esta aldea de gran valor etnográfico, foi no seu
día centro de comunicación. Por ela pasaba o “Camiño real de Castela”, nese
lugar cruzaban o Miño as barcas que transportaban persoas e mercadorías, de aí
que houbese un gran dinamismo económico e cultural.
Seguimos ata Meréns, unha bonita aldea onde se
encontran os pazos de Puga e o pazo dos Louredo. De aí continuamos ata a outra
vila termal da zona, Arnoia, onde paramos a xantar.
Despois, nunha hora e 40 minutos chegamos a Ribadavia,
entrando polo corazón do barrio xudeu, conxunto único en Galicia. Despois de dar un paseo e catar algún que outro viño, concentrámonos na fermosa Praza Maior para buscar o autobús e coller camiño de volta a Vigo.
Antes de rematar non queremos esquecernos daqueles que
por culpa do pé ou dos ombros, ou do que sexa, faltaron a esta cita e que os
botamos de menos. Dende aquí desexamos unha pronta recuperación para que nos
poidan acompañar na seguinte saída.
Para ver as fotos preme aquí
No hay comentarios:
Publicar un comentario