Estamos no remate
da tempada 14. Iso supón arredor de 150 saídas , ou sexa 3 000 km
aproximadamente de pateadas polo chan
galego (e algunhas polo “estranxeiro”), que multiplicados por unha media de 45
sendeiristas son 135.000 km. Se calculamos 1400 pasos por km temos a cantidade
de 189.000.000 de pasos dados…case nada!!!
Pois ben, esta
tempada rematou na Illa de Arousa, se tivesemos que dar todos eses pasos,
cantas voltas habería que dar? Tranquilos, a organización só nos fixo dar
unha para relaxarnos na praia pola tarde. Deste xeito puidemos contemplar a
beleza das paisaxes que nos ofrece a contorna: praias, cons, peiraos, barcos, dornas, camiños… Percorrido fácil, moi fácil pero
espectacular. Non só polo que ves no camiño senón que vas divisando
a zona do Barbanza, A Pobra do Caramiñal, O Grove, Cambados ou Vilanova.
Nós saímos do porto de Xufre, acompañados do amigo Uxío e familia que nos levaron por algúns lugares pouco habituais. Collemos polo paseo
cara á punta do Campelo e logo chegamos ó faro
en Punta Cabalo. Continuando pola que chaman a ruta dos cons, pasamos
pola Punta de Niño de Corvo e chegamos ó mirador do Con do Forno, desde onde se
pode contemplar unha espectacular vista de toda a Illa. Continuando ruta
pasamos pola praia da Aguieira, o muíño de marea na Enseada Brava ata
adentrarnos no Parque Natural de Carreirón,
de 1,3 Km2, declarado Parque
Natural, unha zona especial para a protección de aves pola Comunidade
Europea e que está situado na parte sur da Illa. Saíndo del e continuando pola
senda camiño da ponte de entrada paramos nunha das bonitas praias que alí hai.
Entre as praias de Lavanqueira e Camaxiñas fixemos o xantar. Logo puidemos
gozar do bo tempo, da temperatura da auga e dos paseos pola area. Que mellor
maneira para rematar unha boa tempada. A opinión dos sendeiristas era que
querían que pasase o verán para comezar a 15ª. Feliz verán para todos e todas e
como di o noso xefe “a facer os deberes para chegar a tope en setembro”.
Saúdos.Para ver máis fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario