O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

1 jun 2016

Camiño dos Faros (Corme - Arou)

Antes de comezar esta crónica, o grupo de sendeiristas do Souto do Vello queremos enviar un cariñoso saúdo á familia de Loli e Suso lamentando a perda dun ser querido. Ánimo!

Continuando coa proposta dos nosos amigos trasniños, responsables do Camiño dos Faros,  a organización do Souto do Vello preparou unha fin de semana saíndo de Corme para chegar á praia de Arou. Parecía que a climatoloxía non ía estar de boas connosco, pero ó final só nos molestou un pouco na mañá do sábado, que non nos permitiu  gozar das espectaculares vistas dunha das zonas máis marabillosas de Galicia como é a Costa da Morte.
A xornada do sábado comezou en Corme pasando polo sendeiro da praia de Arnela ata chegar á praia de Osmo, unha tranquila praia que remata nunha furna, De aí pasamos á praia máis grande de Corme, a praia da Hermida desde onde se pode ver a illa da Estrela onde existen restos dun pequeno castro e a antiga ermida de Virxe da Estrela.
Logo comeza a subida ó mirador do monte da Facha. Dende aí hai unhas espectaculares vistas de toda a ría que dan paso a unha suave baixada ata a praia de Valarés, unha das máis coñecidas desa parte da costa. Dende aí e rodeados de branca area cruzamos o Monte Branco, espectaculares dunas que deron paso ó malecón que nos levou ata Ponteceso,  vila natal de Eduardo Pondal, autor do poema que se converteu no noso himno.
Tras un tramo pola estrada, fomos cara ó monte das Pías, praia Urixeira e paseo pola ría para coller a senda do río Anllóns, que é onde comeza a terceira etapa dos Trasnos. A partir de aí deixamos de ver o mar porque collemos o Rego dos Muíños. Cambiamos o mar por un precioso regato que baixa formando pequenas cascadas e recunchos moi bonitos que animan a parar para escoitar, ulir, reflexionar… Esta senda levounos ata o castro da Cibdá de Borneiro. Despois da visita obrigada a estas excavacións continuamos camiño para rematar a xornada no dolmen de Dombate, un dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia. O autobús levounos a Laxe para encamiñarnos ó hotel Bahía de Laxe onde nos recibiu o seu dono Manolo, personaxe imprescindible se queres coñecer ben a Costa da Morte. Despois de instalados nos cuartos preparámonos para a cea no bar O Gaitieiro. Alí a algúns case se lles atragoan os riquísimos fideos con ameixas e a manteigosa carne que nos puxeron ó ritmo das patadas que daban en Milán.
A xornada do domingo foi simplemente espectacular, con distintas paisaxes ó longo do percorrido que fixemos cun tempo marabilloso. Sobre as 9 e cuarto da mañá arrincamos da praza de Laxe e collemos camiño do faro, que é igual ó do Roncudo. Como todos, as vistas son espectaculares. A carón del hai unha escultura en bronce que se titula “A Espera”. 

Nós non esperamos máis e continuamos camiño pasando pola Furna da Espuma, onde parece que neva cando o mar está picado, a praia dos Cristais, característica porque está chea de anaquiños de cristais  de cores ben puídos que o mar devolveu. Seguindo chegamos á praia de Soesto, lugar privilexiado para os amantes do surf. A continuación, e por unha pasarela, cruzamos a lagoa de Traba.  A partir de aquí pasamos por un dos tramos máis espectaculares da ruta, fomos atravesando por unha gran cantidade de rochas, furnas e pequenas calas de cantos rodados…grandes penedos de granito con diversas  formas que fan voar a imaxinación en busca de parecidos. Andando andando chegamos a Camelle, corazón da Costa da Morte e lugar onde está o museo de Man, un alemán que chegou aquí hai moitos anos e quixo gozar da beleza desta natureza creando un auténtico museo ó aire libre que o Prestige case acaba con el e que si acabou con Man. Collemos á esquerda e o camiño levounos ata Arou, punto final da nosa andaina de fin de semana. Dende aquí partiremos na próxima etapa para continuar con este Camiño dos Faros.

Non podemos esquecernos das nosas acompañantes que fixeron as súas rutas particulares e que gozaron tamén destas paisaxes á súa maneira.

Para ver as fotos fai clic aquí. 

4 comentarios:

  1. A Carballeira esta leda por as mostras de agarimo que recibiu dos compoñentes do Souto do vello

    ResponderEliminar
  2. Que maravilla de andaina de cronica e de fotos lendo a cronica e mirando as fotos un volve a camiñar por eses maxicos lugares que nos levan os do Souto do Vello a verdade que foi un fin seman estupendo, magoa polo acontecido o familiar de Loli e Suso unha forte aperta para todos eles, polo demais todo estupendo e con moitas gañas de volver, unha aperta a todos e permitirme que en especial a os que fan posible que visitemos eses e outrs lugares incribles.

    ResponderEliminar
  3. graciñas andarin de parte dafamilia de loli e suso

    ResponderEliminar
  4. Falarei en nome do grupo pouco andarín.A verdade é que o pasamos moi ben! Temos unha nova fichaxe' Elena, que nos fixo rir a cachón.Grazas á organización por levarnos.Prometo volver.

    ResponderEliminar