O Souto do Vello
"20 anos de camiñadas" 2002-2022
O Souto do Vello no cume galego!
31 may 2026
13 may 2026
Costa Ártabra
Xa van alá 8 anos cando comezamos este bonito proxecto chamado “O camiño do mar” que nos levaría a percorrer a costa norte galega. Esta fin de semana tocaba parte da Costa Ártabra, concretamente no concello de Valdoviño.
O sábado saímos
de Vigo cara a localidade de Vieiteiro, moi preto da famosa praia de Pantín.
Tras un pequeno treito por estrada chegamos ó principio da praia da
Frouxeira. Poderíase cruzar a longa praia polo areal, pero optamos por virar á esquerda para rodear a bonita lagoa do mesmo nome. O camiño é un precioso paseo baixo a arboreda observando a fauna e flora da lagoa. Atravesando a aldea de Lago, dirixímonos á praia, continuación da praia da Frouxeira, completando así o paseo da lagoa.
Aproveitamos para
repoñer forzas ó soliño e continuar logo coa ruta. Continuamos polo areal
observando de fronte o novo e curioso faro da Frouxeira ou faro de Meira.
Despois de rodealo tiñamos intención de achegarnos ata a ermida da Virxe do
Porto, xa que nese momento poderíase ver ó estar a marea baixa. Pero o ceo
ameazaba bronca e aceleramos o paso para chegar ó autobús antes de que
descargase a treboada. Non deu tempo. Un pouco humedecidos collemos rumbo a
Ferrol para chegar ó hotel e darnos unha reconfortante ducha.
O domingo pola mañá atopámonos coa sorpresa do fallo das predicións, que non daban chuvia ata a tarde e sen embargo non nos deixou en toda a mañá. Pouca pero molesta, non nos permitiu gozar como é debido dunha preciosa costa e unhas vistas ó val incribles.
O autobús achegounos ata o lugar onde nos recollera o día anterior, e dende alí comezamos o sendeiro que nos levou ata a aldea de Taraza. Despois de pasar pola praia de Meiras e logo dun tramo por estrada, comezamos a subida a Montefaro. Unha espectacular atalaia onde se atopan restos das baterías de costa que se colocaran no 1926 para a defensa da costa Ártabra.
Dende o alto hai
unhas espléndidas vistas da punta Frouxeira para atrás e do cabo Prior para
adiante.
No remate da
etapa hai unha baixada cara a praia de Ponzos que é espectacular. Como ameazaba
chuvia dirixímonos ata o centro de Covas onde nos agardaba o autobús para a
volta a Vigo.
Mentres os andaríns gozaban dos sendeiros pola costa, o grupo alternativo fixo a súa ruta de turismo tamén pola zona. O sábado coincidiron con nós polos arredores de Valdoviño e o domingo paseo por Ferrol, Redes e Pontedeume, aínda que a chuvia impediulles aproveitar ben os paseos.
Agradecemos o
traballo do persoal do hotel Silva unha vez máis, así como a xenerosidade do
amigo Kico que puxo á nosa disposición a súa furgoneta.
Continuaremos co
proxecto moi pronto porque nos agardan lugares tan bonitos como o cabo Prior.
Para ver as fotos fai clic aquí.
4 may 2026
14 abr 2026
Vale de Poldros - Branda da Aveleira
Continuamos coa nosa
tradición por estas datas de visitar o que chamamos “Santuario do Bacallao”,
porque para nós é un auténtico santuario. Proba diso é que este ano xuntámonos
ata 80 persoas para degustar os afamados bacallao e cabrito do restaurante
Miracastro en Castro Laboreiro. Acompañáronnos na andaina e mais na comida, un
grupo de andaríns de Pedra Jaiada de Ribadetea, liderados polo amigo Kico e na
degustación unha representación importante no noso “grupo alternativo”.
Para facer un pouco de
boca tocou facer un paseíño dende a Branda de Vale de Poldros ata a Branda da
Aveleira, no concello de Melgaço.
Desta volta comezamos a andaina na branda de Santo Antonio, que ben podería pasar por unha aldea dos Hobbit. O tempo frío e desapracible non permitiu que nos detivesemos moito tempo contemplando as bonitas construcións.
Fixemos unha preciosa
subida a través do glaciar que forma o val do río Vez gozando dunhas bonitas vistas
con esas ladeiras inzadas de chorimas primaverais.
Aproveitamos para visitar a mámoa do Batateiro como representación das múltiples que hai pola zona. Dende alí dirixímonos á branda da Aveleira onde rematamos a nosa ruta non sen antes ter que abrir os paraugas debido á fría chuvia que caeu por momentos.
Esquecemos todo iso en
canto subimos ó autobús para dirixirnos cara a Castro Laboreiro. O persoal do
Miracastro xa nos agardaba con todo preparado. Temos que agradecer o detalle
que aprazasen o peche por reformas do local para que nós puidesemos cumprir co
precepto do bacallao.
Unha vez máis non
defraudaron nin as entradas, nin a sopa, nin o bacallao, nin tampouco o
cabrito. E para rematar as obrigadas tetiñas castrexas. Unha opípara comida,
coma sempre.
Na sobremesa os
compañeiros e compañeiros sendeiristas quixeron agradecer o traballo de
organización agasallando cunha bonita caricatura ós colaboradores. Moitas
grazas de parte de todos eles.
E para rematar,
fantástica actuación do grupo “Os Soutiños” acompañados dun animoso e numeroso
grupo de baile que encheron o salón xa baleiro de comensais.
A media tarde, volta
para Vigo e pensando xa na vindeira saída o 9 e 10 de maio ata a comarca de
Ferrol para continuar co Camiño do Norte.
Para ver as fotos fai clic aquí.
13 abr 2026
19 mar 2026
Rianxo - río Té
O pasado domingo 15 de
marzo fixemos un dos percorridos máis completos que se poden facer nunha
xornada xa que gozamos dunha ruta urbana, unha ruta fluvial, outra por monte,
para rematar polas praias.
Para iso achegámonos ata
o concello de Rianxo, na comarca do Barbanza. A meteoroloxía acompañounos unha
vez máis cun día de sol marabilloso e unha temperatura ideal para camiñar.
Comezamos no peirao de Rianxo, ó pé da ermida de San Bertolomé. Dende alí fomos percorrendo as rúas desta bonita vila, berce de escritores e poetas como Castelao, Manuel Antonio ou Rafael Dieste, pasando por diante das casas onde moraron algúns deles.
Tamén tivemos tempo de
escoitar as ofertas dos vendedores e vendedoras do mercado dominical.
Non faltou a parada e
foto diante do famoso santuario da Virxe de Guadalupe.
Saímos da vila polo
paseo marítimo pasando polo grupo escultórico da santa Compaña e mais polos
restos do Castelo da Lúa.
Xa logo entramos no sendeiro fluvial do río Té, un sendeiro no que fomos acompañados en todo momento polo marmurio das augas, o verdor da natureza e un bosque formado por carballos, castiñeiros e amieiros. Nalgúns tramos hai unhas pozas de auga cristalina que animan ó baño e noutras os desniveis forman preciosas fervenzas.
Pero un dos atractivos
importantes que ten este percorrido é a cantidade de grandes muíños, hoxe en
día en ruínas, que fan pensar da importante economía da zona.
Tamén pasamos por
importantes núcleos de poboación como poden ser Brión ou Asados.
Non faltou unha pequena
subida cara ó miradoiro de Leiro, que non chegamos a coroar por falta de tempo.
Paramos a comer en Brión
e continuamos a marcha pasando polo famoso petróglifo d’Os Mouchos.
Xa continuamos cara ó mar para pasear polas praias de Lodeiro, de Porrón, do Tronco e a de Tanxil onde se atopa a imaxe da Virxe de Guadalupe.
De aí xa continuamos ata
o punto de partida onde nos esperaba un doce remate, xa que o amigo Kico nos agasallou
cunhas ricas rosquillas Ancla, deliciosas coma sempre.
Despois desta preciosa
xornada, quedamos emprazados para o vindeiro 12 de abril onde, puntualmente,
cumpriremos coa anual visita ó noso santuario do bacalhau.
Para ver as fotos fai clic aquí.

-42.jpg)
-24.jpg)










