O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

5 jul 2022

Fin de tempada en Vilar de Mouros

 


O pasado domingo, día 3 de xuño, celebramos o remate da vixésima tempada de andainas do noso grupo. Xa estamos consolidando a maioría de idade!!

Para a ruta e a posterior festa, desprazámonos ata a freguesía portuguesa de Vilar de Mouros, concretamente ata a capela do Señor dos Passos, lugar onde se celebra o famoso festival de música de Vilar de Mouros.

O primeiro que fixemos foi percorrer o lugar ó pé do río Coura, dende a praia fluvial, onde se pode ver unha aceña con catro rodas totalmente restaurada, ata a preciosa ponte románica que data dos séculos XIV ou XV,  a cal cruzamos para comezar a ruta.


O percorrido ten momentos moi interesantes, como son as bonitas vistas sobre o Miño, Vilanova de Cerveira ou a illa Boega. Por suposto, gozamos das fermosas vistas da beira galega do Miño: A Guarda, Tabagón, Goián, etc.

Subindo chegamos ata o alto do monte Góis, aínda que non fixemos cume xa que unhas antenas co recinto pechado impídenos acceder e gozar das vistas.

Comezamos a baixada e chegamos ata o lugar onde se atopa o Cruceiro da Independencia. Un miradoiro excepcional para contemplar todo o esteiro do Miño.

E dende alí continuamos a baixada ata chegar ó punto de inicio.

Os incondicionais aproveitaron para refrescarse antes de dar boa conta das viandas preparadas para a ocasión. Non faltaron as rosquillas Ancla e o pipote de viño para acompañalas grazas a Kico.

E para poñerlle o ramo á tempada, non podía faltar a soberbia actuación do grupo muscial “Os Soutiños”. Despois dun primeiro pase na propia carballeira onde comemos, fixeron un pasarrúas ata o palco onde continuaron coa súa actuación acompañados dun animado grupo que non parou de bailar.


Así demos por rematada a 20ª tempada  e despedímonos ata setembro onde nos agardan novas andainas e algunha que outra celebración. Bo verán.

Para ver todas as fotos fai clic aquí.