O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 ene 2024

Ruta Máxica de Oia

 

Vimos de gozar duns días “máxicos” onde todo é paz e felicidade, comer e beber ben, e ata veñen uns homes disfrazados que nos deixan agasallos para todos e todas. E toca comezar a camiñar...pois que menos que facelo pola Ruta Máxica e Oia.

E así foi, este domingo pasado achegámonos ata alí para facer  este percorrido histórico-arqueolóxico e paisaxístico pola serra da Groba, coñecida como Ruta Máxica de Oia, entre Mougás e Oia (O Arrabal).

Entre outras cousas puidemos gozar de distintas vistas panorámicas entre os montes e vales e Mougás e Viladesuso, achegámonos a dous castros, varios grupos de rochas gravadas ou petróglifos, estivemos nas pozas de Mougás, vimos varias fervenzas ó longo do camiño, cruzamos o Sobreiral do Faro, primeiro espazo natural protexido de Galicia...


Comezamos o percorrido cunha pequena subida que nos levou ata o castro da Cabeciña, onde hai unhas fermosas vistas e xa temos algúns petróglifos ó seu pé. Pronto chegamos ás pozas de Mougás onde fixemos unha pequena parada para repoñer forzas. Un pouco máis adiante atopamos a fervenza máis alta do lugar, que coas chuvias caídas ultimamente baixa espectacular. Cunha pequena subida chegamos ata o Outeiro da Cheira e moi preto está o picadeiro co seu petróglifo das Goteiras. De alí fomos ata o Castro dos Mouros.


Agora xa camiñamos polo val de Viladesuso e dirección ó sobreiral.  Despois de pasalo chegamos ó miradoiro da Pousadela cos seus petróglifos fronte ás illas Orelludas.

Baixando por unha pista máis estreita chegamos ata o famoso petróglifo da Auga dos Cebros onde o noso profe Telmo nos deu unha precisa e preciosa charla.

Pronto chegamos ó punto onde se inicia ou remata a ruta oficial. Nós continuamos baixando ata chegar ó Camiño de Santiago polo que fomos en dirección ó Mosteiro, fin da nosa ruta.

Ó pé da súa fachada fixemos unha pequena tertulia para comentar os pormenores da primeira ruta do ano cunha cervexiña na man.

Subimos ata a estrada principal onde nos agardaba Rubén para traernos de volta a Vigo.

Quedamos emprazados para a andaina do cocido o día 3 de marzo ás 8 da mañá.


Para ver as fotos fai clic aquí.