O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

18 may 2023

Corrubedo...montes e praias

 


Texto elaborado polo noso amigo Antonio, que foi quen deseñou a ruta que fixemos o pasado domingo, 14 de maio, pola bonita vila de Corrubedo.

“O sendeiro circular SR-1, percorre toda a costa da península de Corrubedo, e aumentándoo ata o monte Tahume, sae unha ruta de dificultade baixa nos seus 18km, pasando incluso polos dous cumios-miradoiros da zona, monte do Facho de 138 m. e o Tahume de 240m. 

O inicio da ruta é no recheo do porto onde está a praia da Robeira e o monumento ós mariñeiros de Corrubedo falecidos no mar, e comezámola subindo ata a igrexa da parroquia “Sta. María da Asunción-1907” onde se atopa o monumento que conmemora o 50 aniversario do naufraxio e rescate por parte do pobo de Corrubedo do iate inglés “O Debonair” 1960-2010. 

Continuamos camiñando en dirección N polas pequenas rúas da vila na que se mesturan as casas de labradores cos seus patios interiores, alboios, canastros e as bufardas das cortes e as dos pescadores coas ménsulas para secar as redes e a roupa e ata non hai moitos anos o rechamante cor da pintura das súas fachadas. 


Facemos a primeira parada na praia da Robeiriña onde se atopan as ruínas dunha das 3 factorías de salgado que houbo na vila, chamada a de Carraspello na que se salgaba nas súas tinas bacallau, abadeixo e sardiñas e na finca secaban o congro.
 

Seguimos pola rúa das Delicias e baixamos as pequenas praias das Furnas ata chegar á praia da Ladeira onde se atopa a duna móbil máis grande do noroeste español, este areal coa súa continuación coa do Vilar chegan ata os 5Km de lonxitude. 

Saimos da vila e entramos no monte polo merendoiro da “Laxe da Gata” de Teira e que nos levará ata o cumio e miradoiro do monte Facho (138m) no que a maleza esconde restos castrexos dun castro. En días claros divísanse  as 3 Illas Atlánticas e os montes da Groba en Baiona-Oia. 


Comezamos a baixada ata o antigo camiño de pes de outeiro dos pobres, que era usado polas xentes que viñan a traballar a Corrubedo dende Xuño, Queiruga, Porto do Son… ata o ano 1945 que fixeron a estrada. Seguindo o camiño, hoxe unha pista, chegamos á aldea de Espiñeirido co seu cruceiro, e dende aquí camiñaremos por pistas e camiños ata a aldea rehabilitada de Olveira da Arriba.

Despois de tomar as 11, encaramos polo sombrío monte redondo a subida tendida o monte Tahume (240m) onde se atopan as antenas e radares de salvamento marítimo, así como restos do castro e da gran cruz de ferro que o coroa, e poderemos gozar das fermosas vistas de 360º dende Fisterra á Groba e do val que discorre entre a costa e os montes do Barbanza. 

Iniciamos a baixada polas 12 reviravoltas e o tramo de escaleiras que nos leva á capela de San Bieito de Seráns onde na súa campa e fonte milagreira deterémonos a xantar. 

Despois de recuperar forzas baixamos pola aldea de Seráns ata a praia  da Recabeira onde iremos polo paseo de madeira e senda da costa ata o faro de Corrubedo, pasando pola pequena praia do Rial, co seu muíño na duna, a punta de Pardiñeiras, a punta da Laxe Brava ou Teira, a cruz do naufraxio, a furna Brava, as brañas de Teira, a punta do Corgo, o penedo miradoiro de Outeiro da Mina, as praias das Barreiras e de Balieiros, a praia e furna do Portiño, a Punta do francés, as Covas e por varias zonas de pedras de pelouros-coídos que o mar e o vento ó longo de moitísimos anos as erosionaron e lle dan esas formas redondeadas. 


Facendo un pouco de historia do faro de Corrubedo, comezou moito antes do século XII, sendo un facho que estaba na ladeira N do monte Facho na aldea de Teira, e alimentábase de carburo. Esa pouca luz que tiña, dende o mar pouco se podía ver, e se había néboa xa non se vía nada de aí tantos naufraxios na zona. O que  estaba claro é que na aquela época estaba mal situado, polo que no ano 1954 entrou en servizo o actual faro, e foi durante moito tempo o único da costa galega coa súa luz vermella. Era coñecido como o “faro comunista”. Hoxe é branca como os demais. Tamén tiña unha torre de trompetas que rezumaban  os días de néboa, pero hoxe en día cos sistemas modernos de navegación dos barcos, hai anos que deixou de soar e tanta  modernidade chegou, que o faro hoxe está totalmente automatizado e sen ningún persoal que o dirixa, atopándose estes na vila de Vilagarcía de Arousa. 

Abandonamos o faro en dirección SW pola senda da costa ata a fin da ruta pasando pola punta Buraseira, a furna Brava, Punta outeiro dos corvos, furna das Galletas, enseada da chan de Teira, punta do pozo Salgueiro,  pedras de pelouros-coidos do Cantón, punta paxariñas, punta Praxeiro, o Cantón,  casas dos pescadores e praia do Prado e remate no paseo marítimo da Farola do murallón. 

Despois da tan saudable, vistosa e cultural ruta, ben merece unha parada nos numerosos bares da vila para degustar os produtos espectaculares que dá as riquísimas augas deste mar.”

Pois nós fixémoslle caso a Antonio e rematamos cunha fresca cervexiña nunha das terrazas no porto.

Despois desta bonita ruta quedamos convocados para o vindeiro 4 de xuño para facer a penúltima andaina da tempada.

Para ver as fotos fai clic aquí.