O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

27 feb 2018

Circular por Celeiros (Chandrexa de Queixa)

"As bruxas de Vozqueimado
deixan as vasoiras fóra,
para tomar enmeigado
ao que camiña a deshora.
Lobo na sombra enfoulado
que cando aos vultos ouveas
pos o silencio esgazado,
feito farrapos de tea."

Así reza o poema que escribiu V. Paz Andrade dedicado ás bruxas que dis que había na localidade de Vozqueimado, en Chandrexa de Queixa.

Pois alá fomos os andaríns do Souto do Vello para comprobalo. Efectivamente alí estaban as vasoiras, pero como nós non camiñamos a deshora non fomos enmeigados. Quizás algo enmeigados quedamos despois de comer o cocido, e demais viandas, que nos puxo Gerardo cando rematamos a nosa andaina.
Moi cedo saímos de Vigo cara ó concello de Chandrexa de Queixa, o domingo fresco pero soleado, para facer unha pequena ruta que nos levaría por varias localidades do concello. Pasamos por Vozqueimado, como dixemos antes; de aí fomos ata Casteligo, onde puidemos contemplar a súa igrexa parroquial, así como a rectoral e demais casas que están abandonadas. Seguindo polo regato de Casteligo, achegámonos ata a súa bonita fervenza. Despois de recrearnos escoitando as cantarinas augas, fixemos unha pequena subida que nos levou ata Parafita, co seu cruceiro e igrexa dedicada a S. Bartolomeu. Xa de regreso a Chandrexa imos por unhas bonitas pistas contemplando ó lonxe o encoro, que esta vez si, ten auga.



Xa na vila, Gerardo agardábanos co seu “lixeiro” menú (callos, fabada, cocido, carne asada...e sobremesas) do que demos boa conta “sen miseria”, como di un amigo. E como non, despois deste suculento xantar non podía faltar a actuación dos mundialmente renomeados “Os Soutiños”, que como sempre non defraudaron. 





Entre peza e peza  a nosa amiga Ángeles, en nome de todos e todas, fíxolle entrega dun precioso agasallo ó noso querido guía, para agradecerlle o seu traballo para que este grupo veña gozando de xornadas tan bonitas coma esta. Moitas grazas Pepiño!!






Para ver as fotos fai clic aquí ...tamén poderás ver as fotos do día que fomos preparar a ruta e había bastante neve 😉