O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

20 feb 2014

Luíntra



O pasado domingo, 16 de febreiro, pedímoslles permiso ás cicloxéneses explosivas esas para que nos deixasen facer unha escapadiña. Nótase que a orghanisasión ten mando por aí arriba porque nos apareceu un día marabilloso, con brétema e todo. Saímos de Matamá ás 7:30 da mañá cando aínda estaban as rúas sen poñer, rumbo á terra dos afiadores. Ao pé da estatua que Buciños lles ten en Luíntra comezamos a nosa andaina para percorrer parte do camiño natural da Ribeira Sacra.
Pasamos por varias localidades con rica arquitectura popular, por un dos maiores campos de mámoas en Monteverde, por Biduedo, Paradela, etc.
Despois dunha pronunciada baixada polas congostras cheas de auga que nos meteu de cheo nunha brétema espesa, chegamos ata o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, hoxe Parador. Como estaba pechado non o puidemos visitar.
Logo pasamos por Pombal, Valdaporca e volta a Luíntra.
Recuperamos folgos cun cocido e a continuación os Soutiños ofrecéronnos o mellor do seu repertorio. Foi a primeira actuación de dous novos tamborileiros que demostraron boas maneiras e aseguraron o futuro da percusión en Galicia. Tamén os acompañou o Çé.
Nesta andaina, á parte de lamentar algunha ausencia significativa, que botamos de menos, asomaron os novos valores do grupo: Izía, Valeria e Breixo. Tampouco nos podemos esquecer dos que fixeron a andaina pequena, sobre todo tres valentes que, segundo oídas, demostraron que están en plena forma. Calquera día son capaces de acompañar ó resto do grupo...aínda que non haxa cocido.



https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5982550224648440737