O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 abr 2017

Ruta do Xabriña (O Covelo)



Para curar a resaca da recente visita a Azores, a organización preparounos unha das rutas máis bonitas que hai polos arredores. Unha ruta que xa fixeramos alá polo 2010 e que fora moi ben valorada na enquisa que se pasara a todos os andaríns, sendo unha das propostas para ser repetida.
Pois ben, aí nos preparamos os superviventes, xa que este domingo había unha chea de acontecementos na cidade, para achegarnos ata a parroquia de Paraños, no concello de Covelo para ir en busca do nacente do río Xabriña, un afluente do Tea.
O primeiro que atopamos é o lagar onde se elaboraba a cera e as eiras onde se puña ao sol para branquear. Imos xa cara ó río Xabriña ata acadar o muíño do Fundego e logo cruzamos a outra beira por unha ponte de madeira. 
Pasamos pola Fonte da Fame. Logo xa empezan a aparecer algúns dos cerca de 30 muíños que hai na ruta. O das Meledas, de Paquito, de Rita e do Outeiro e na área de lecer está o muíño da Ponte. 

Chegamos ao Pozo do Demo, onde cae a auga despois de vir por un canón que se poderá apreciar á volta. Pasamos polo río Azal, seguímolo e entramos na fraga das Millariñas e vendo unha fervenza segue outra fraga: a de Chozas. Pasamos por varios rápidos e poldras... máis muíños como o da Veiga e da Costa. Na  aldea de Prado da Canda contemplamos o seu peto da Virxe do Rosario, cruceiro e igrexa. Seguimos atopando fontes, hai máis de dez no percorrido. A seguinte aldea é Corzos, onde hai unha ermida e un peto pegado a ela. 
Imos na busca do río con máis muíños. Pasamos por Currelos e a logo xa vén A Lamosa, onde nace o río. Aquí paramos a xantar aproveitando que estaba preto o bar Cuartel para poder tomar unha cervexiña e mais un café.
 Cruzamos a estrada e comezamos a baixar  por camiños fondos, con moitos carballos nas súas beiras de muros de pedra cubertos de carriza, para chegar unha vez máis ao río Xabriña que agora percorremos pola outra marxe. Enfronte vemos a maxestosa fraga de Chozas. 
Pasamos pola outra beira do Pozo de Demo e camiñamos lixeiros para chegar de novo a Paraños. Alí esperaban unhas deliciosas rosquillas da confitería Ancla, agasallo do amigo Kico, que puidemos regar cun bo tinto. Graciñas.

Xa quedamos convocados para o vindeiro 27 e 28 de maio para facer as últimas etapas do Camiño dos Faros. Pero antes podemos participar na que convoca a Atlántida polos camiños de Matamá o día 21.

Para ver as fotos fai clic aquí.

16 abr 2017

Viaxe á Illa de São Miguel (Açores)

O grupo de sendeirismo O Souto do Vello celebrou o seu XV aniversario cunha saída de 6 días á illa de São Miguel no arquipélago das Azores. Segundo opinións que nos chegaron aos nosos oídos, para uns foi a mellor viaxe das súas vidas, outros dicían que non o perdoarían se o perdesen; e así todo o mundo foi manifestando que quedaran moi contentos coa viaxe. Gran parte da “culpa” do éxito desta saída foi polo  excelente e milimétrico traballo da organización, que unha vez máis nos demostra que disto saben moito e non escatiman á hora de adicarlle horas e traballo para que todos nos poidamos beneficiar. Moitas grazas!!!


Segundo o plan de ruta, tiñamos marcada a saída de Matamá na mañanciña do sábado 8 de abril ata o aeroporto de Porto. Voamos de Porto a Lisboa e de Lisboa a Ponta Delgada, capital da illa. Chegamos ao mediodía do sábado para instalarnos no hotel. Inmediatamente despois xa fomos facer un percorrido para coñecer os lugares máis emblemáticos da capital.
No segundo día de estancia e primeiro de andaina, o plan era ver a paisaxe máis espectacular da illa. Unha ristra de conos volcánicos convertidos en lagoas naturais cunha vexetación verde intensa e bosques profundos. Comezamos na Lagoa do Canário e seguindo por un sendeiro moi bonito chegamos ao Miradouro da Vista do Rei,  para apreciar magníficas panorámicas das diversas lagoas (Lagoa Rasa, Lagoa de Santiago, Lagoa Verde, Lagoa Azul).  Seguimos camiñando pola cresta do volcán ata chegar á freguesía da Sete Cidades.
Á volta pasamos por unha plantación das típicas ananás das Azores. Alí puidemos observar o sistema de cultivo destas ricas froitas en “estufas” (invernadoiros) de cristal pintado de cal. O ciclo completo da produción dura 18 meses e o resultado final é un froito de características únicas recoñecido como o mellor do mundo.
Volta ao hotel e cea libre con paseo polo centro da cidade.
No terceiro día e segundo de andaina fixemos a saída á Lagoa das Furnas. Trátase do  lugar con maior riqueza natural e xeovolcánica de todo o arquipélago. Fomos ata a freguesía de Furnas e saímos en dirección ao Pico do Ferro. Despois dunha bonita


subida chegamos ao miradoiro desde o que gozamos de espectaculares vistas sobre a Lagoa das Furnas coas súas fumarolas onde cociñan o famoso “cozido das Furnas”. É unha zona de caldeiras onde aproveitan a calor interna do volcán das Furnas para cociñar. Cando baixamos asistimos á “tirada” do cocido, onde os propietarios do restaurante proceden a retirar as potas coas carnes e verduras xa perfectamente cociñadas.
Continuamos camiño ao redor da lagoa ata chegar ás proximidades da ermida de Nossa Senhora das Vitórias, construción gótica do século XIX. Alí o autobús trasladounos ata a vila para proceder á degustación do famoso cocido.
Despois de comer visitamos o parque botánico e termal de Terra Nostra. A maioría gozaron dun baño nas augas volcánicas e logo visita ao paraíso que supón o parque.
Volta ao hotel, ducha, cea e paseo.
O cuarto día e terceira andaina tiña reservada unha espectacular subida ata a Lagoa do Fogo, unha das de máis difícil acceso na zona sur da illa. Polo camiño contemplamos unha importante poboación de gaivotas. Esta lagoa é das máis espectaculares dende o punto de vista xeolóxico e natural. De alí continuamos por outro sendeiro para baixar ata unha antiga fábrica de luz. Despois do xantar nunha das múltiples áreas de descanso que hai pola illa (por certo cunha limpeza exquisita) fomos ata o espazo natural de Caldeira Velha coas súas cores verdes, ocres, vermellas...Houbo baño e visita ao centro de interpretación de vulcanoloxía para coñecer a formación da illa.
Regreso ao hotel e hoxe tocou cea de grupo no restaurante A Tasca.
No 5º día de estancia e último de andaina repartímola en tres partes. Primeiro visitamos a plantación de té, considerada única en Europa. Estivemos nas instalacións de Chá Gorreana. Aproveitamos para ver a maquinaria orixinal, que data de mediados do século XIX, e que estaban en pleno traballo xa que é o momento da recolección. Houbo degustación de chá verde e chá préto e saímos para pasear pola
plantación...interesante e sorprendente! Ao remate collemos o autobús que nos levou ata o Padrão das Alminhas e dende alí fomos camiñando ata o Miradouro da Pedra dos Estorninhos. Ao remate dirixímonos ao parque natural de Ribeira dos Caldeirãos, o maior núcleo de muíños de auga das Azores. Ademais ten un par de fervenzas que fan do lugar un espectacular remate das nosas andainas.
Volta ao hotel para preparar as maletas.
No sexto día algúns aproveitamos para visitar o mercado da Graça e mercar algún queixo e ananás (produtos típico da illa).
Volta ao hotel para coller a equipaxe (moi ao noso pesar) xa que nos agardaba o autobús para levarnos ao aeroporto. Viaxe de volta perfecta, sen incidentes, sen atrasos...e chegada a Matamá sobre as 10 da noite onde puxemos o punto e final a unha interesantísima viaxe.
Agradecémoslle ao home do tempo que nos permitiu facer todas as actividades a pesar da constante ameaza de tronos e lóstregos que tivemos toda a semana.


A organización quere facernos chegar o seu agradecemento polo comportamento do grupo, a puntualidade exquisita e a actitude positiva de todos os participantes nesta celebración do XV aniversario.


Fai clic neste enlace para ver as fotos do 1º día.

Fai clic neste enlace para ver as fotos do 2º día.

Fai clic neste enlace para ver as fotos do 3º día.

Fai clic neste enlace para ver as fotos do 4º día.

Fai clic neste enlace para ver as fotos do 5º día.

Fai clic neste enlace para ver as fotos do 6º día.


Se queredes ver as fotos que nos enviou Ángeles facede clic en cada día:
1º día - 2º día - 3º día - 4º día - 5º día - 6º día