O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

21 feb 2013

Senda da Fraga do Barragán


A crónica desta 2ª andaina do ano 13 queremos adicarlla a Carmiña e mais a Manolo, esas persoas que sempre participan nos comentarios das outras andainas e que fan que este blog se manteña vivo, xa que se non houbese comentarios non serviría para nada; a ver se se anima o resto da xente e particpa coas súas opinións. Antes de nada, a organización quere agradecer ás Comunidades de Montes que se puxeron de acordo pàra recuperar estes camiños e preparar esta ruta tan bonita. É un claro exemplo de que cando se quere e se traballa en equipo os resultados sempre son satisfactorios. Moito teñen que aprender os nosos políticos!! Non nos imos para a relatar o percorrido, xa que eles teñen unha páxina moi interesante onde se pode “ver” todo o percorrido do que eles chaman a Senda da Fraga do Barragán (http://www.sendadobarragan.com/). Nós saímos ás 7,30 de Matamá (algúns queixábanse de que era moi cedo e logo comprobaron que o horario estaba perfectamente medido, un aplauso para a orghanisasión) e chegamos ao torreiro de Xunqueiras, onde comezamos e rematamos a andaina. A pesar da pouca chuvia que ía caendo, puidemos gozar dunha senda preciosa nesta época do ano e que seguro que noutras épocas tamén ten o seu encanto. O río forma un precioso val cunha flora extraordinaria, pero tamén é de salientar os restos históricos, construcións artesanais, muíños…O Monte da Cidade, co seu acueduto e as ruínas do pobo antigo ( aproximadamente data do século XVIII). Todo este conxunto fai máis que recomendable o paseo dos aproximadamente 18 km ata chegar de novo a Xunqueiras. Despois de alimentar os sentidos, tocaba alimentar o corpo. Trasladámonos ata Ribadetea, onde nos esperaba un suculento cocido preparado polos membros da directiva da Asociación de Veciños desta parroquia de Ponteareas. Foi un auténtico pracer saborear, non só as carnes senón as verzas, as patacas e o viño, moi bo. E cando está servido con cariño e dedicación como neste caso todo sabe mellor. A continuación a sesión de baile amenizada polo formidable grupo “Os Soutiños” acompañados polo Çe e mais Judith. Mais tarde converteríanse nun coro de cánticos populares cos que rematou a xornada. A organización transmíteme o seu interese en que quede aquí rexistrado o agradecemento a cociñeiras, cociñeiros e camareiros no nome dos 85 comensais (non todos foron a andar eh?) polo trato cariñoso e a calidade do xantar. Ata a próxima.

Se queres ver as fotos preme aquí