O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

19 mar 2022

Río Ribadil (Cerecente)

 


Para o compromiso anual do cocido eliximos as terras de Crecente, xa que a ruta polo río Ribadil sae, e chega, do restaurante O Palancas, onde nos espera un bo remate. O río Ribadil é un afluente do Miño que percorre as terras de Crecente. O primeiro que atopamos é a praia fluvial de Mandelos. O sendeiro, a carón do río, chega ata a ponte de Noceifas onde demos a volta para ir pola outra marxe atopando muíños, pontes derruídas, pozas, pequenas fervenzas e unha abunddnte vexetación de ribeira.

Unha vez abandoado o río dirixímonos cara a ermida dos Aflixidos, onde a principios de xullo se celebra unha importante romaría. Tamén pasamos por unha fonte e dous cruceiros, un deles chantado nunha gran rocha.

Seguindo o camiño chegamos ata o centro de Crecente pasando pola igrexa de San Pedro e unha antiga colexiata que din que foi construída sobre un antigo mosteiro templario alá polo ano 1313.

Volvemos de novo ó río para gozar da parte máis bonita, o chamado Pozo do Inferno, unha caudalosa e ruidosa fervenza. Despois de varios disparos de cámaras, pasamos por uns viñedos que nos levaron ata o punto de partida.


Alí esperaba o bus para poder cambiarnos de roupa e entrar guapos e lucido ó restaurante para degustar un espectacular cocido, como o demostran as fotografías. Xa é costume que os Soutiños nos deleiten cun miniconcerto paara que os bailaríns poidan baixar algo do fozante do cocido. Temos que salientar a participación dun novo gaiteiro.

A ruta foi moi bonita e agradable, pero o mellor estivo despois dela xa que puidemos compartir as viandas con vellos amigos e amigas que por unhas cousas ou outras deixaron de vir con nós. Foi un reencontro moi agradable. Queremos enviar unha aperta a todo eles. Tamén agradecer a Carmen polo rico roscón e exquisito licor café con que nos agasallou.


Como remate da crónica, queremos agradecer unha vez máis os agasallos que recibimos, aínda que debemos lembrar que o grupo somos todos...ese é un bo agasallo.

Nota importante: A vindeira saída será o día 3 de abril ás 8,30 h. Estamos estudando varias opcións e por iso non se anunciou o destino. Ademais reservade o vindeiro 8 de maio xa que nos toca visita ó noso santuario do bacalhau. Estade atentos e atentas.


Para ver as fotos fai clic aquí