O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 sept 2011

10 tempadas, 100 andainas...




O Souto do Vello xa é centenario como son os castiñeiros dos soutos da Ribeira Sacra. Hai que ver! 100 andainas xa dan que contar... e que andar! Curiosamente a número 100 foi a número 1 da décima tempada, e por ser a primeira foi unha andaina moi levadeira. Vinte e poucos quilómetros á beira do río Tea polo seu curso baixo, dende a desembocadura ao pai Miño, alá polas terras de Salvaterra, ata a parroquia de Padróns, en Ponteareas. A última parte da andaina fíxose polo río Borbén.
Como non era moi dificultosa, a organización portouse ben e non nos fixo madrugar, así aí polas 10 da mañá deuse a saída no parque da Canuda. Na primeira reviravolta xa nos atopamos coa primeira das pontes medievais que se atopan ao longo do percorrido; trátase da ponte que leva á finca de Fillaboa. Por un sendeiro totalmente chan imos pasando por leiras de millo coas espigas a punto de rebentar, bosques de ribeira con carballos moi altos e algún que outro loureiro.
Este tramo do río está inzado de carteis que indican os postos para a captura da lamprea, as famosas pesqueiras. Loxicamente agora non hai máis que os carteis.
Á altura do posto 26 paramos a comer o bocata. Hai unha pequena praíña e unha área recreativa con mesas, un lugar apracible para o primeiro descanso.
Outro dos restos de arquitectura popular que hai no camiño son dous muíños de acea, dos que quedan as paredes e algunha moa por alí perdida.
Logo chegamos á segunda ponte, a ponte das Partidas, da que podedes atopar información se picades neste enlace (Ponte das Partidas).
Continuamos carreiro ata chegar a Ponteareas, alí visitamos a capela de San Roque que dá paso á ponte dos Remedios, utilizado no escudo da vila. Xa chegamos á Freixa onde paramos a comer. Agradécese o descanso e o xantar e aproveitamos para cantarlle o “parabéns para ti” á nosa compañeira Pili que estaba de aniversario e agasallounos cunhas larpeiradas de sobremesa. Parabéns!
Pola tarde fixemos un tramo moi bonito que rematou polo río Borbén; un regato precioso con fentos femias polas dúas marxes e a auga baixando tranquila...un remanso de paz!
E aquí rematou a andaina número 100 da tempada número 10. Pero, segundo o decálogo dos montañeiros, disque os sendeiristas que van cumprindo 100 saídas teñen que invitar a cava.
Así foi, ao chegar a Matamá estábanos agardando a boíña de Isabel cun cargamento de botellas de cava e sidra que nos caeu moi ben! Moitas grazas! Parabéns a todos e a todas, e... a polas 200!


4 sept 2011

II Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro

Aloia-Galiñerio 
Por unha serra sen eólicos !! 
- Día: Domingo 18 de setembro de 2011
- Saída: Capela do Monte Aloia as 11:00 h
- Chegada: Parque Forestal do Galiñeiro (Vincios) 15:00 h
- Ruta lineal de aproximadamente 10 km (3-4 horas)

Para máis información consultade a páxina   http://serragalinheiro.wordpress.com/

O Souto do Vello en Riveira

Como se pode apreciar na foto, unha representación do Souto do Vello (o mellor de cada casa) acudiu esta fin de semana á comarca do Barbanza para participar na IX andaina de 50 km de Riveira. Segundo as pombas mensaxeiras, o Souto do Vello pode sentirse orgulloso do comportamento dos seus representantes (disque non comeron moito). Xa vedes que non andan con díxome-díxome nin pataqueiradas e preséntanse nun 50 para comezar a DÉCIMA do Souto. Isto promete. Por certo, estade atentos e atentas porque logo comeza a tempada, que como xa sabedes, estará adicada aos ríos. As mesmas pombas viaxeiras tamén nos comunicaron que os da orghanisasión andan a argallar non sei qué para celebrar o décimo aniversario... esperamos noticias! Ánimo!