O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

22 dic 2022

Boas Festas!!!

 



Os andaríns do "Souto do Vello" deséxanvos unhas Felices Festas e un Próspero e Natural Aninovo,  para que se poidan ver cumpridos todos os vosos desexos comezando a carreira para outros 20 anos.


Como todos os anos, estamos convocados para baixar os excesos o 25 e mais o primeiro de ano. Ás 10 da mañá no aparcamento fronte ao colexio Josefa Alonso.

12 dic 2022

Ruta por Bueu-Cabo Udra-Aldán

 


As últimas chuvias e mais o abandono por parte de quen corresponda, fixeron que tivesemos que cambiar a ruta que estaba prevista (Senda dos Pescadores e Ruta da Moura por Arbo) por outra. Decidímonos pola ruta costeira que partindo do porto de Bueu chega a Aldán.

A saída fixémola dende o Porto de Bueu, e visitamos as praias de Beluso,Tuía, Mourisca, Cabo Udra, Ancoradouro, Lagos, Area de Bon,... Menduíña, Francón... sen esquecer a subida ó miradoiro en cabo Udra.


Tamén pasamos polo humidal de Escorregadoira. Unha pequena corrente de auga que forma un espacio húmido onde abundan os laureles e os choróns.

Xa chegando a Aldán pasamos polo Bosque Encantado ou Bosque Enfeitizado. Un terreo pertencente ó pazo Casa Torre de Aldán onde se atopa un acueduto medieval coñecido como Arco da Condesa. O río Orxás rega o bosque onde abundan árbores centenarias. Dentro do bosque atópase a fachada dun pequeno castelo construído nos anos 60 para descanso dos condes de Aldán, aínda que nunca se rematou.


Ó chegar ó porto de Aldán, agardábannos unhas exquisitas rosquillas de Ancla, agasallo de Kico, que foron regadas cun tinto agasallo do amigo Manolo que celebraba o seu xxx aniversario. Parabéns!!


Con esta andaina rematamos o ano 22, ano do noso 20º aniversario.

Para ver as fotos fai clic aquí.