O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

22 nov 2018

Ruta de Moreiras (Concello de Toén)

A Asociación de Veciños de Moreiras, unha localidade do concello de Toén en Ourense, organiza unha andaina para dar a coñecer os montes da súa zona e marcaron un sendeiro, o PRG-186. A organización do Souto do Vello aproveitándose deste excelente traballo levounos ata alí para facer esta bonita ruta.

O día estivo fantástico e axudou a camiñar con gusto. Comezamos no centro de Moreiras e logo dun paseo polas bonitas rúas interiores chegamos ao alto onde se atopa a igrexa. Unha igrexa do s. XVIII con fachada barroca rematada por dúas torres desiguais.
A partir de aí comeza unha ruta na que podemos salientar os seus valores medioambientais cunhas zonas de bosque onde sobresae a cantidade de sobreiras, algúns exemplares impresionantes, das que aproveitan a cortiza. Sen esquecernos da presenza de érbedos (albedro, madroño..), aínda puidemos aproveitarnos dos seus froitos. Pero tamán atopamos castiñeiros, carballos, freixos, piñeiros...
Tamén é unha ruta chea de formacións rochosas espectaculares como o Miradoiro Natural e Cova do Cima da Granxa, o Penedo Fendido...etc.
Como valores arquitectónicos, ademais da igrexa e casco antigo de Moreiras, atopámonos coa ermida das Angustias, onde paramos a tomar un tentempé, unha fonte medieval, algún pombal...Sen esquecernos dos restos castrexos de Coto Louredo, dende onde hai unhas vistas marabillosas sobre o río Miño e a entrada a Ourense.

Chegamos a comer á área recreativa de Trellerma onde os veciños moi amablemente nos abriron o bar para poder tomar unhas cervexiñas e uns cafés e coller pulo para facer o remate da andaina ata Moreiras, onde xa nos agardaba o autobús para coller camiño de volta a Vigo.






Para ver as fotos fai clic aquí.