O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

6 abr 2022

Circular por Coles (Ourense)

 


O pasado domingo fixemos a primeira andaina primaveral do ano aínda que ameazada con frío invernal. Non foi para tanto, a verdade é que puidemos gozar dun día espléndido de sol cun pouquiño de norte.

Desprazámonos ata o concello ourensán de Coles, máis concretamente á súa capital, a Vilarchao. Alí, xusto fronte á Casa do Concello comezou a ruta que discorrería polas distintas parroquias do Concello como Figueiredo, Mira de Cima, Quintás, O Fontaíño, Barra de Miño, Sobrado...etc.


A ruta é moi variada e preciosa porque, ademais de pasar por todas estas localidades apreciando a arquitectura popular, tamén pasa por algún bosque autóctono como é a impresionante carballeira que atopamos enseguida ou todo o tramo que compartimos co río Miño, á altura do encoro de Velle, a senda ambiental de Ribela ou os muíños que traballaron coas augas do regato Lusín.

Parte do camiño vai por preciosas corredoiras entre muros de pedra, como o chamado “Camiño dos Mortos”.

Aproveitamos as mesas que hai no embarcadoiro de Ribela para repoñer forzas e coller con ganas a pequena subida que nos agardaba antes de chegar de novo a Vilarchao.

Despois de refrescarnos cunhas saborosas cervexiñas collemos o autobús de volta cara a Vigo.

Botamos de menos a algúns compañeiros e compañeiras que por distintos motivos non puideron acompañarnos. Enviamos unha mensaxe de ánimo a aqueles que tiveran algún problemiña de saúde para que melloren e nos poidan acompañar na seguinte saída, o vindeiro 8 de maio, onde peregrinaremos ó noso Santuario do Bacalhau.


Para ver máis fotos fai clic aquí.