O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

17 nov 2011

Canóns do río Mao (Parada de Sil)



O pasado domingo 13 de novembro, ás 8 da mañá, os andaríns do Souto do Vello dispúñanse a saír dende Matamá con dirección a Villariño Frío, no concello de Montederramo, provincia de Ourense, para facer o percorrido polos canóns do Mao ata a súa desembocadura no río Sil.
Ao chegar á altura de Castiñeira deixamos o autobús. Recibiunos un forte vento que nos anunciaba unha chuvieira que logo non chegou (só un pouquiño para poder darlles uso aos chuvasqueiros que levamos).
Principiamos a andar e cruzamos a aldea de Praducelos con dirección á ponte de Conceliñas, o noso primeiro punto de interese. Tal e como nos anunciara o noso guía (non só espiritual) a ponte está un pouco deteriorada. O enxeñeiro Lucho e mais o xefe de obra Poli encargáronse de certificalo.
Aquí fixemos a primeira parada para repoñer forzas e prepararnos para gozar da fermosura da paisaxe que viña a continuación.
Comezamos a baixada pola canle da antiga fábrica da luz. Por veces víase alá abaixo o río Mao, outras adiviñábase. O vento seguía soprando e facendo ruído, sobre todo ao pasar por debaixo do tendido eléctrico. Apareceu a chuvia, pero sen chegar a molestar moito. O amigo Suso protestaba porque baixabamos moi ás présas e non parabamos a contemplar a paisaxe. Tiña razón!
Con todo isto chegamos á necrópole de San Lourenzo. Cruzamos a aldeíña e empezamos a baixada a través dos viñedos para chegar á fábrica da luz, que está en proceso de renovación, seica para convertela nun centro de interpretación e mais albergue xuvenil.
Alí paramos a comer xa cun día espléndido de sol.
Tralo descanso reanudamos a marcha para ir pola pasarela construída toda en madeira ata case a desembocadura. Continuamos camiño pola beira do río, atravesamos a aldea de Barxacova e continuamos, pero xa á beira do río Sil. 


Desde aquí se observa unha vista impresionante dos viñedos da Ribeira Sacra, tanto a unha beira coma a outra, e que sobre todo nesta época do ano, teñen unhas cores espectaculares.
Rematamos a andaina á altura da adega Valcar en Sacardebois, que moi amablemente, nos convidaron a uns viños. Como dicimos por alá: mel nas filloas!
Quedounos un bo sabor de boca, non só polo viño senón tamén pola bonita andaina que nos preparou a organización. Chapeau!



3 nov 2011

Próxima saída “Canóns do río Mao” (Parada de Sil)


O vindeiro domingo 13 de novembro os andaríns do Souto do Vello desprazaranse ata Villariño Frío, na provincia de Ourense, para facer o descenso polos canóns do río Mao ata a súa desembocadura no río Sil.
A saída será ás 8 da mañá dende o torreiro de Matamá.
Paisaxe con vistas espectaculares sobre o canón do Sil, Forcas, pasando pola ponte medieval de Conceliñas, a canle da antiga fábrica da luz, a necrópole do Medievo de San Vítor de Barxacova, unha das máis extensas e importantes do NE peninsular, as pasarelas de Barxacova e a desembocadura no río Sil.