O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

18 sept 2018

Fragas e corgas do Gorgua (Padrenda)






Comezamos a 17ª tempada de andainas con gana de coñecer novas rutas, gozar das impresionantes paisaxes que temos pola nosa terra e de boa compañía para botar unhas risas.
Nesta primeira saída achegámonos ata un concello pouco coñecido como é o de Padrenda, na provincia de Ourense, situado entre as terras de Celanova e Portugal.
Puxémonos a andar na localidade de Freáns e xa nos metemos á beira do río Gorgua atravesando bosques cheos de carballos, castiñeiros, acivros, abeleiras, etc. Pouco máis adiante deixamos o río para comezar unha prolongada subida pasando por pequenas parroquias ata chegar a un outeiro cunha capela dende onde puidemos gozar dunhas espléndidas vistas. Aí fixemos unha pequena parada para repoñer forzas.
Continuamos ruta ata chegar a San Xoán de Monte Redondo,  unha das sete parroquias que conforman o municipio de Padrenda.
O camiño levounos logo ata un miradoiro con banco, como vén sendo habitual. Logo de subir unhas poucas escaleiras, contemplamos a paisaxe e atopámonos cun cartel que lembraba o último exemplar de oso que se paseou por eses lares.
Cando chegas ó alto comezas a baixar, e iso foi o que fixemos. Unha baixada chea de castiñeiros centenarios e acivros vizosos levounos de novo ata o río. Aproveitamos que había unha pequena zona de lecer con mesas para xantar escoitando o rumor da auga que convidaba a moquear un chisco. Pero había que continuar camiño e fixemos unha das partes máis bonitas da ruta, pasando por un bosque de conto. O río, neste momento con escaso caudal, baixa formando pequenos saltos de auga coñecidos como as corgas do Gorgua.
Cun moi bo sabor de boca chegamos de novo ó punto de partida. Desta vez a organización permitiunos facer unha pequena parada en Cortegada para apagar a sede. Un detalle que todos agradecemos. Logo volta cara a Vigo onde xa nos anunciaron a vindeira saída de fin de semana de outubro que se antolla fantástica.

Para ver as fotos fai clic aquí.