O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

14 jun 2022

Ruta pola Ribeira Sacra do Miño

 

Xa van alá case 7 anos cando fixemos a primeira parte da Travesía Integral da Ribeira Sacra do Miño dende a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño ata a adega Abadía da Cova. O pasado domingo fixemos a segunda parte, pero dándolle a volta. Saímos de Guítara, para visitar primeiro a igrexa de San Martiño de Atán e chegamos a San Martiño da Cova.

Podemos dicir que é unha das rutas máis bonitas e interesantes nos concellos de Ferreira de Pantón e O Saviñao. Ó longo do seu percorrido podemos gozar dunha chea de atractivos naturais, históricos, culturais, etnográficos...e ademais este domingo estivemos acompañados en todo momento dunha chea de aromas que nos anuncian a chegada do San Xoán coa súa variedade de herbas aromáticas, así como a explosión das candeas nos castiñeiros.


Desde o punto de vista paisaxístico, o sendeiro ofrece unhas fantásticas vistas das ribeiras do Miño, cos socalcos cheos de cepas cargadas de pequenos acios, de momento. Distintas aldeas, algunhas delas abandonadas, como a de Marce. A marabillosa fervenza de Augacaída,
espectacular salto de auga de más de 40 metros que forma o río Aguianza antes de acabar no Miño. O Miradoiro das Marabillas ofrece unha panorámica espectacular. Sen esquecer o embarcadoiro e a illa de Maiorga.

En canto ó apartado histórico e monumental, pasamos por auténticas xoais do románico como a igrexa de Santo Estevo de Atán e a de San Martiño da Cova, cualificados como monumentos histórico-artísticos. Achegámonos tamén ata o Castro de Marcé, antigo asentamento castreño nun lugar de gran beleza e, segundo a lenda, morada dos míticos xacios, homes acuáticos.

Despois de ben enchoupados de natureza, historia...e algo de suor pola calor que soportamos na última parte da xornada, chegamos ó punto final da etapa onde nos agardaba unha doce sorpresa. Nada máis e nada menos que unha degustación das afamadas rosquillas Ancla coas que nos agasallou o amigo Kico, regadas cun riquísimo viño tinto ben fresquiño.

Alguén manifestaba cando subía ó autobús: “Que alegría levo no corpo!!!”.., non sabemos se era polo viño, polas rosquillas, pola ruta ou por todo un pouco. Queremos repetir.



Por esta tempada xa só nos queda o remate. Unha fin de festa que promete, xa que o escenario paga a pena. Achegarémonos ata as Azenhas de Vilar de Mouros no veciño Portugal o vindeiro 3 de xullo.


Para ver máis fotos fai clic aquí.