O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

25 dic 2014

San Silvestre en Castrelos!


A organización do Souto do Vello anima a todos os andaríns a participar na San Silvestre Solidaria que convoca Marta Larralde. Estaremos en Castrelos para despedir o ano o día 31 ás 5 da tarde cun kilo de alimentos. Anímate!!!

Visita a páxina de Marta facendo clic aquí.  

22 dic 2014

17 dic 2014

Monte Aloia







Para rematar este ano 2014, a organización preparounos un percorrido, nada menos que, polo primeiro parque natural de Galicia, declarado en decembro de 1978. O monte Aloia, que está situado no extremo sur da serra do Galiñeiro, no concello de Tui, conta cunha chea de sendeiros onde se pode gozar da súa vexetación, caracterizada por especies autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal, ademais de restos da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.

A nosa ruta comezou nos muíños de Tripes, preciosa subida nesta época do ano coas augas do Tripes baixando lixeiras con ganas de seren aproveitadas polos rodicios dos moitos muíños que se van escalonando. Fomos atravesando a senda botánica para chegar ao alto e pasar cara a outra banda onde puidemos contemplar dende as terras de Prado e Vilas ata a enseada de Baiona. Continuamos rodeando o monte, pasando pola pedra do acordo. Subimos para facer a ruta dos miradoiros e gozar das extraordinarias vistas sobre o pai Miño despois de dominar un amplo tramo do río Louro. Non nos esquecemos de facer a visita á cama do San Xiao para logo facer a foto de familia diante da Gran Cruz.
Logo de xantar ao pé da capela de San Fins, comezamos a baixada pasando polos rests da gran muralla que rodeaba este alto.
Tras unha pracenteira baixada dun par de horiñas, chegamos ao punto final onde nos agardaba o autobús. Con isto remata este ano 2014 do que temos que lamentar algúns acontecementos dentro da familia do Souto do Vello e que desexamos con todas as forzas que se resolvan no vindeiro 2015.

Para ver máis fotos clica aquí.


21 nov 2014

A ruta dos Tres Ríos - Touro




A ruta dos Tres Ríos é unha ruta deseñada para percorrer tramos a carón dos ríos Lañas, Beseño e o gran Ulla, todos dentro do concello de Touro, na provincia da Coruña. Esta foi a ruta elixida pola organización do Souto do Vello para facer a saída correspondente ao mes de novembro. Unha elección acertada, xa que nesta época do ano xúntase a coloración de outono da vexetación co nivel de augas que baixan polos rápidos e que fan moito máis atractivo este sendeiro.
En realidade trátase de dúas rutas, o PRG 121 ou Ruta dos Tres Ríos co PRG 93 chamado Ruta Ribeira do Ulla, que se poden facer de distintos xeitos. Nós comezamos na Área recreativa de Santaia, para, río abaixo, pasar polos muíños da Carballa, pola fervenza do Salto das Pombas, a ponte da Laña e a ponte Basebe, entre outros lugares de gran beleza. No percorrido imos pasando por prados, montes con vexetación autóctona (carballos, loureiros, castiñeiros…), bosques de ribeira e algún que outro eucalipto. Nalgunhas zonas imos saltando da provincia da Coruña á de Pontevedra, xa que tamén pisamos o concello de Vila de Cruces, unido co de Touro pola ponte Basebe. Hai zonas no sendeiro que salvan a súa dificultade con escaleiras e pasarelas de madeira.
Xa pasamos ao segundo tramo onde o protagonista é o río Ulla. Preciosos camiños de carro, grandes bosques de loureiros, espléndidas extensións de sobreiras, carballos, castiñeiros, piñeiros…fan desta senda un percorrido realmente precioso. Ademais engadimos restos de construcións como as ouriceiras, muros de pedra en forma de círculo que facían antigamente para gardar as castañas cos seus ourizos e así salvalas do xabaril. Tamén hai muíños, o pazo de San Cristovo, etc, sen esquecernos do lugar chamado Pozo do Pego, onde seguro que no verán se pode dar un bo baño nas ricas augas do Ulla. Desta volta non o fixemos porque non apetecía moito.
Aínda tivemos tempo de parar na localidade de Touro para tomar a arrancadeira e coller camiño de volta a Matamá, nun día que prometía moita chuvia e sen embargo respectounos case todo o día deixando que gozaramos desta bonita ruta.
Dende esta páxina queremos enviar un afectuoso saúdo ao noso compañeiro Carlos Miguel e desexarlle unha pronta recuperación. Coa túa fortaleza e o apoio de amigos e familia estamos seguros que pronto estarás con nós. Moito ánimo Carlos, os andaríns do Souto do Vello enviámosche toda a enerxía positiva que che faga falta para superar este momento!!

Para ver as fotos da saída pincha aquí.

NOTA: Como xa sabedes a maioría, acordamos mercar unha prenda cortaventos térmica (soft-shell) na tenda de deportes Carlos Miguel á que se lle pode poñer o logo do Souto do Vello e mais personalizala co voso nome. Os que esteades interesados pasade pola tenda para encargala.

31 oct 2014

Lobios - Entrimo



https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/6075655902973064977 



Desta volta tocou unha fin de semana polas terras da Baixa Limia, así que alá nos fomos o sábado 25, cara a Lobios e Entrimo. Sobre as 10 da mañá chegamos a Portela do Homem para facer unha ruta que discorre por terreos do Parque Natural Serra do Xurés e BaixaLimia, remontando o curso do río Homen (afluente do Cávado) ata os cumes da serra onde se atopa a mina das Sombras. Trátase dunha ruta de gran interese xeolóxico, paisaxístico e biolóxico, con vistas espectaculares e unha gran variedade de formacións rochosas. Pronto atopamos a Cabaniña do Curro, un pequeño refuxio nas rochas con herba no teito, que servía para gardarse os vellos pastores das famosas cabuxas do Xurés. No percorrido podemos observar xestas, uces e carqueixas. Continuamos cara a mina das Sombras.  Son uns restos dunhas minas de wolframio, que se explotaron durante a segunda Guerra Mundial. Moita xente traballou alí en busca do prezado metal. Aínda se poden ver os restos das casetas utilizadas así como os raíles das vías, antigos carros e accesorios, maquinaria empregada na explotación das minas. Comemos á sombra e cos pés nas frescas augas do río Vilameá e logo dunha reconfortante sesta, comezamos a baixada por un espectacular sendeiro vixiando en todo momento as cristalinas augas ademais da vexetación de ribeira asociada o leito do río de Vilameá. Pasamos pola capela do Xurés e fixemos o viacrucis ao revés para chegar aos baños no río Caldo. O lugar é o idóneo para recuperarse do esforzo cun baño termal e algunha que outra cervexiña.
O aloxamento foi nos hoteis Entrimeña e Barcelona. Despois da ducha fomos cear á Entrimeña. Entre pratos, viños, cantos e demais tivo lugar a presentación do Cancioneiro do Souto do Vello coa colaboración do Çé, Judith e Breixo.
Ao día seguinte saímos de Entrimo ascendendo cara a serra de Queguas. Alá no alto podemos ver o monumento megalítico coñecido como "Casa da Moura", da época do Neolítico. Trátase dun monumento funerario composto por unhas grandes pedras fincadas no chan e cubertas por unha grande lousa horizontal e cuberta con terra. Dende alí temos unhas vistas da Serra de Queguas e das montañas graníticas da Serra do Leboreiro inmellorables.
Logo vén a baixada ata As Cortes da Carballeira. Gran parte da ruta transcorre por un camiño empedrado entre terreos onde se aprecian os sucos deixados polas rodas dos carros que tantas veces pasaron por alí. O nome non é estraño xa que os carballos que ten arredor son espectaculares. Pagou a pena só para comer o bocata ao pé dun carballo centenario e da capela da Ascensión. Continúa a impresionante baixada pola carballeira ata chegar á área recreativa do río Pacín. Xantar e repouso para afrontar o tramo final que nos levará ata Entrimo, principio e remate da nosa ruta. Estiramento, engraxes e rumbo a Vigo.
Non queremos acabar esta crónica sen recoñecer as xestións e o bo trato de Esperanza, do hotel e restaurante Entrimeña. Quedamos moi contentos e prometemos volver.
Aproveitamos tamén a ocasión para facer público os nosos parabéns a Alicia e Telmo pola chegada do novo membro da familia, Zaira. Que sexa benvida!



Para ver as fotos da fin de semana fai clic aquí.

29 sept 2014

Pepiño Costas, na túa memoria


O grupo de sendeirismo O Souto do Vello quere sumarse á homenaxe que o Club Peña Trevinca de Vigo lle vai facer ao noso amigo Pepiño Costas o vindeiro domingo, 5 de outubro, con motivo do 1º cabodano do seu pasamento. Consistirá nunha andaina polo Galiñeiro, ese monte que el tanto quería e defendeu, e un acto no seu recordo no parque forestal de Zamáns. Segundo o programa que nos pasan, os horarios son so seguintes:
10,00 h: Inicio da Marcha na Ponte Vella da Pasaxe
13,30 h: Acto de homenaxe e xantar no parque forestal de Zamans
15,00 h: Reinicio da marcha
17,00 h: Remate andaina no lugar onde se iniciou
Para máis información visitade a páxina de Trevinca pinchando aquí.

17 sept 2014

AIROA "PARAÍSO NATURAL"



Os andaríns do Souto do Vello comezamos a 13ª tempada de andainas, o que non quere dicir que sexamos un ano máis “vellos” senón que temos un ano máis de experiencias. Ai!, quen volva a vista atrás e nos vexa naquela 1ª saída de setembro do 2002 decataríase de que non andabamos nin “patrás” e agora…andamos polo paraíso. Porque “paraíso natural” é o que aparece nos carteis do lugar por onde fomos este pasado domingo, 14 de setembro de 2014. “AIROA, PARAÍSO NATURAL”, e podedes estar seguros que o é (ben, non sei como será o paraíso pero se é parecido a este paga a pena facer méritos).
Airoa é un lugar da parroquia de A Laxe no concello de Fornelos de Montes, asentada nas abas da serra do Suído. Está atravesada por  varios ríos e regatos, destacando o río Parada e o seu afluente Valdohome, que van deitar as súas augas no río Oitavén.
Pola mañá percorremos a parte alta de Airoa comezando coa visita á capela do Castro. De alí fomos en busca das fervenzas, primeiro atopamos a chamada de “Coto Grande”, e un pouco máis arriba gozamos das vistas da de “Casariños”. Xa nos metemos por un camiño de monte para chegar ao foxo do lobo perfectamente conservado. Como estaba un día gris, chuvioso e rodeados da brétema, podiamos imaxinar como serían as escenas da persecución do pobre animal por entre os muros ata chegar ao foxo, cruel destino.
Preto de alí ascendemos ata o pico Bidueiros con 948 m. Depois de recoller a testemuña dunha amiga do club Peña Trevinca e deixar a nosa, e grazas a que o tempo foi mellorando, puidemos contemplar como as nubes se pousaban por riba das illas Cíes, entre outros lugares que se poden divisar desde alí. Comezamos o descenso para volver a Airoa contemplando unha espléndida panorámica coas características formacións de  fincas e lameiros, delimitados por muros de pedra, figurando as pezas dun fermoso puzzle galego.
Chegamos para xantar na praia fluvial do río Valdohome. Alí algúns valentes e ousados andaríns probaron a riqueza das súas augas cun refrescante baño antes da comida. Xa pola tarde fixemos a segunda parte do percorrido polo Roteiro dos Muíños da Laxe preparado pola asociación Muilaxe. Un percorrido precioso a carón do río e pasando por varios muíños moi ben restaurados. De alí dirixímonos ao barrio de Entrerríos para rematar a andaina preto da igrexa de A Laxe. Volta para Vigo despois de facer un descansiño na bonita vila de Fornelos de Montes e tomar unha reparadora cervexiña, como é de lei.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/6060080142545034209

3 jul 2014

Fin da tempada: illa de Ons




Hai catro días que comezabamos a tempada ala polo mes de setembro nas terras de Allariz, gozamos dunha fin de semana espectacular nas fragas do Eume, sufrimos un mal trago cando iamos á Guarda, fixemos a obrigada visita ao santuario do bacalhau, tripamos as fermosas terras do Courel… para rematar no primeiro Parque Nacional de Galicia como é a illa de Ons.
Un bonito remate de tempada onde os habituais estivemos acompañados dos ocasionais e mais dos benxamíns, futuros andaríns do Souto do Vello. Esta espectacular illa dá pé a gozar dela de distintas maneiras: rutas pequenas, medianas, completas… miradoiros para perder o sentido, praias marabillosas e lugares onde poder sobrevivir aqueles que queren ir a pasar unha fin de semana de supervivencia, alimentándose só do que hai na illa (percebes, polbo, caldeiradas de peixe...).
Os que fixeron a ruta completa pasaron polos miradoiros de Fedorento e do Centolo, polo Burato do Inferno, o faro, o castelo dos Mouros e a Cova da Loba, percorrendo a illa de Norte a Sur e de Leste a Oeste.
Despois do refrixerio tocou sesión praia, baño, masaxe, paseo, sesta, etc., o tempo permitiu facer de todo. Xa pola tardiña collemos o barco de volta a Bueu, despedindo así a tempada 2013/14.

Unha pomba mensaxeira deixounos a noticia dos progresos do noso amigo Poli, aínda que ás veces se queixa da caña que lle mete o seu adestrador persoal. Ánimo, ti podes! Botámoste de menos!

Bo verán para todos e todas e ata setembro.


Para ver máis fotos fai clic nesta.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/6031864669599448753

5 jun 2014

Fin de semana no Courel



O amigo Carlos Garrido levounos hai 10 anos a coñecer a serra do Courel nun outono marabilloso. Foi aquela primeira fin de semana “dos callos”. Agora vólvenos levar, acompañado da súa xente,  para percorrer os preciosos sendeiros desa serra. Desta volta imos na primavera. Os que repiten lémbranse das cores do outono pero non deixan de sorprenderse da gama de verdes, violetas, amarelos…que nos aparecen por todos os recunchos. Os que veñen por primeira vez quedan abraiados cos frondosos vales, altos cumes e serpenteantes sendeiros, sen deixar de apreciar toda a variedade de flora que hai ao longo das subidas e baixadas. Moitas grazas amigo Carlos (e acompañantes) por este agasallo de fin de semana!
Como se poden percorrer algo máis de 40 km sen tocar apenas asfalto!
O primeiro día fixemos a ruta da Devesa da Rogueira. Partimos de Moreda para salvar un desnivel de aproximadamente 700 m. Trala espectacular subida a través do bosque de acivros, acompañados de castiñeiros, abeleiras, arandeiras, faias, teixos, bidueiros…chegamos ás famosas fontes do Cervo. A uns 1400 m de altitude atópanse estes dous canos manando, por unha banda augas ferruxinosas e vermellas e por outro brancas e cristalinas augas calcáreas. Os nosos devanceiros atribuíronlles poderes medicinais (a branca para curar anemias e enfermidades do estómago e as vermellas para os pulmóns).
A partir de aí seguimos ata facer cume no alto de Formigueiros. Logo fixemos a baixada pola Campa da Lucenza pasando pola lagoa do mesmo nome, onde puidemos recrearnos co poder de convocatoria de Raúl acompañado dunha preciosa ra de Santo Antón que foi obxecto de mira dos reporteiros que se atopaban por alí, como se pode apreciar nas fotos.
Chegamos á Seara onde está o refuxio da Federación. Despois de visitar o muíño de Roi e a espectacular fervenza de Vieiros fomos ao refuxio para dar conta do menú servido por Roi (empandas, pizzas e pan) e a carne preparada por Kico. Doces, queimada, gaiteiros, cantes…festa rachada. Logo toca durmir, ha! quen durmira! No almorzo notábanse caras de todas as cores. Logo dos cafés, rosquillas, biscoitos e roscas xa era outra cousa. Todos e todas preparados para a 2ª xornada.
Saímos de Seoane, pasamos pola ferrería e collemos o sendeiro do río Lor (segundo Lucho iamos ir ao pé do río todo o tempo). Houbo alguén que non viu o río en todo o traxecto. Chegamos á preciosa aldea de Vilar de Lor, co seu museo, o campazo… Alí fixemos un auténtico xantar campestre con gaita incluída, pasarrúas e fogos artificiais.
Xa pola tarde quedaba un pequeno tobogán para chegar a Vilamor, fin da ruta.
Despois dos obrigados estiramentos e engraxamento con destilados de cebada, volta para a casa algo cansos pero enchidos de ledicia pola espectacular fin de semana no Courel.
                                                  Para ver as fotos fai clic na imaxe.





25 may 2014

Serra do Courel

Para esta saída de fin de semana a organización indica que debemos levar o seguinte:
saco de durmir, chanclas, toalla e útiles de aseo (opcional almofada, lanterna ou frontal e kit para comer (coitelo ou navalla, garfo, culler).
Comida para o sábado e comida para o domingo (o pan do domingo xa se colle alí). Da cea do sábado e o almorzo do domingo xa se encarga a organización.
Non esquezades levar ganas de pasalo ben!!!

23 abr 2014

En defensa da serra do Galiñeiro

A organización do Souto do Vello convoca a todos os seus andaríns e demais persoas de ben que visitan este blog para acudir á V andaina pola protección da serra do Galiñeiro que terá lugar o vindeiro domingo 11 de maio.
Para máis información visitade a páxina da Plataforma facendo clic aquí.


17 abr 2014

TRILHO CASTREJO DE CASTRO LABOREIRO





Fieis á cita anual co noso santuario do bacallao, a orghanisasión preparou este trilho que para os máis veteranos do grupo xa era coñecido posto que o fixeron no ano 2005. O día era bo, houbo que madrugar un pouco, pero todos estabamos alí con ganas…Bueno todos menos Poli que estaba ocupado con outros traballos. Esperemos que os faga ben para recuperarse pronto e que nos poida acompañar. Botámoste de menos Poli!! Ánimo!!  Dous que viñeron no autobús e outros tres que agardaban na saída, eran cinco  novos amigos que quixeron acompañarnos e aos que damos a benvida.
A ruta que fixemos está deseñada para percorrer os antigos camiños que comunicaban as brandas e inverneiras. As inverneiras son aldeíñas situadas en vales abrigados nas que os campesiños gandeiros pasaban os duros invernos (de decembro a marzo) e as brandas son lugares situados a maior altitude no que pasaban o resto do ano dedicados á sementeira e ao coidado do gando. Non hai moito que aínda se vían algúns campesiños cargando nos carros os mobles para ir dun lado ao outro.
O camiño que fixemos pasa por varias aldeas como Barreiro, Assureira (cunha ponte e muíño preciosos onde comemos o bocata), Curveira… Tamén se pasa (como é habitual nesta zona) por varias formacións rochosas con formas caprichosas ás que lles podes buscar similitudes con boa imaxinación, sobre todo o Pico do patelo, que se atopa despois dunha pequena subida que puxo a proba a forma física dos andaríns do Souto do Vello.
Atopamos e cruzamos por varias pontes, romanas ou medievais (Ponte de San Brás, Ponte Nova, ponte Cainheiras…).
Cando chegamos, aínda tivemos tempo de tomar unhas “garimbas” que acompañamos duns ricos petiscos co que nos agasallou o amigo Fernando. Logo xa subimos ao comedor para dar conta do excelente menú no que destaca o famoso bacallao con broas e o año ao forno. No remate os Soutiños fixeron o seu traballo e amenizaron a sobremesa acompañados dos valentes bailaríns. Desta volta contaron coa actuación dunha nova gaiteira que se integrou perfectamente no grupo. Tamén soprou a gaita o amigo García.
Un ano máis non defraudou a visita anual ao noso santuario. Estade atentos que logo poremos a programación do vindeiro mes de maio que será completiña. 
Para ver a reportaxe fotográfica fai clic nesta ponte.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/6003156831339399233
 

1 abr 2014

ÁNIMO POLI!!!!






Dende o hospital do Meixoeiro chégannos moi boas noticias. O noso amigo Poli estase recuperando moi ben e xa está a piques de empezar coa rehabilitación. É unha gran noticia para a familia do Souto do Vello, xa que estamos desexando de corazón velo de novo con nós. As enfermeiras da planta comunícannos que non dan parado a Poli, que quere botarse a andar para non perder a forma. Dende este blog mandámoslle unha forte aperta a este gran andarín e mellor persoa, e xuntamos toda a nosa forza para axudalo neste período de recuperación. Ánimo Poli, ti podes!!!

20 feb 2014

Luíntra



O pasado domingo, 16 de febreiro, pedímoslles permiso ás cicloxéneses explosivas esas para que nos deixasen facer unha escapadiña. Nótase que a orghanisasión ten mando por aí arriba porque nos apareceu un día marabilloso, con brétema e todo. Saímos de Matamá ás 7:30 da mañá cando aínda estaban as rúas sen poñer, rumbo á terra dos afiadores. Ao pé da estatua que Buciños lles ten en Luíntra comezamos a nosa andaina para percorrer parte do camiño natural da Ribeira Sacra.
Pasamos por varias localidades con rica arquitectura popular, por un dos maiores campos de mámoas en Monteverde, por Biduedo, Paradela, etc.
Despois dunha pronunciada baixada polas congostras cheas de auga que nos meteu de cheo nunha brétema espesa, chegamos ata o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, hoxe Parador. Como estaba pechado non o puidemos visitar.
Logo pasamos por Pombal, Valdaporca e volta a Luíntra.
Recuperamos folgos cun cocido e a continuación os Soutiños ofrecéronnos o mellor do seu repertorio. Foi a primeira actuación de dous novos tamborileiros que demostraron boas maneiras e aseguraron o futuro da percusión en Galicia. Tamén os acompañou o Çé.
Nesta andaina, á parte de lamentar algunha ausencia significativa, que botamos de menos, asomaron os novos valores do grupo: Izía, Valeria e Breixo. Tampouco nos podemos esquecer dos que fixeron a andaina pequena, sobre todo tres valentes que, segundo oídas, demostraron que están en plena forma. Calquera día son capaces de acompañar ó resto do grupo...aínda que non haxa cocido.



https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5982550224648440737

12 ene 2014

A Guarda - Sta. Trega



O 28 de xullo de 1588 por culpa das inclemencias meteorolóxicas caía derrotada a Gran Armada Española. Non se puido invadir Inglaterra. Felipe II dixo daquela “Yo no mandé a mis barcos a luchar contra los elementos”.
Iso mesmo debeu dicir a orghanisasión do Souto do Vello o pasado domingo cando pretendiamos facer a andaina pola costa da Guarda. A verdade é que con estas modernas “ciclogénesis explosivas”, o que antes chamabamos temporal, non puidemos gozar desta marabillosa ruta e tivemos que buscar abrigo xa ben enchoupadiños cando levabamos un par de horas de camiñada e algo máis de dez quilómetros (o ritmo era bo eh!?). Iso si, a opinión xeral dos andaríns era que tiñamos que repetila para poder rematala. Segundo nos comunican fontes ben informadas, queda anotada para unha vindeira ocasión. Esperamos ter mellor sorte para a próxima, porque nesa si que non se pode abandoar.


Fai clic nesta imaxe para ver as pouquiñas fotos que fixemos.
https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5968082843953918417?authkey=CIX-sLfN5aqTlwE