O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

15 dic 2019

Suspensión saída

Debido ós compromisos adquiridos con anterioridade  dos andaríns do Souto do Vello vémonos na obriga de suspender definitivamente a saída  que se cambiara para o 22...queda posposta para a primavera.
A próxima saída será o 12 de xaneiro.
Non esquezades que seguimos coas convocatorias especiais do 25 de decembro e do 1 de xaneiro con saída ás 10 da mañá.
Saúdos e desculpas.

12 dic 2019

Cambio de data saída a Portugal

Atendendo as previsións meteorolóxicas, vémonos na obriga de suspender a saída do vindeiro domingo 15 de decembro.
Pásase para o seguinte domingo 22 de decembro co mesmo horario e itinerario.
É necesario que confirmedes se ides ou non. Graciñas.

20 nov 2019

Castro de Doade - Casa do patrón


Como a situación política anda un pouco revolta, a organización do Souto do Vello decidiu adiantar a saída do cocido ó mes de novembro non vaia ser…E como non, un dos lugares onde hai que ir tomar un bo cocido é Lalín, por iso nos levaron ata Codeseda, na Casa doPatrón.

Pero antes de comer hai que andar e que mellor que facelo polo PRG 210, un sendeiro circular duns 17 km promovido polo museo etnográfico “Casa do Patrón”. Máis concretamente está homologado como PRG 210 Ruta do Castro de Doade.
Comezamos a ruta, nun día algo chuvioso, na localidade de Codeseda, onde se atopa o museo, para ir ata o Castro de Doade logo de cruzar polas casas rehabilitadas e nomeadas.
O camiño está sementado de follas que amortecen o camiñar levándonos baixo uns bos exemplares de castiñeiros, carballos, e outras árbores que nos acompañarán durante toda a senda. Pasamos por “A Pía da Cal”, a “Fonte da Costa” e tomamos o primeiro contacto co río Asneiro, afluente do Deza, que vén ben cargado de auga despois das chuvias destes días. Tamén vén cheo o río Abeleda, que nos acompaña a continuación coa vista posta no viaduto do AVE.
Continuando o sendeiro marcado chegamos ata un dos lugares máis pintorescos, “O muíño de Froiz”, un recuncho moi ben coidado por parte do propietario que invita a visitalo.
Cruzamos un par de veces a vía do tren e continuamos sendeiro que ademais de follas está cheo de castañas e algún que outro cogomelo.
Pasamos por un dos exemplares que figura no catálogo de “árbores senlleiras de Galicia”, un descomunal carballo en Soutolongo, considerado coa copa máis grande de Galicia, que non puidemos ver nesta ocasión por estar o campo anegado.
Si puidemos visitar a Área Recreativa de Mouriscade, un amplo espazo dunha grande beleza paisaxística, onde se atopa tamén un albergue xuvenil.
Seguimos camiño e chegamos ó “Mirador do Asneiro” onde xa nos chegou o cheiro do cocido. Isto deunos forza para subir o último repeito que nos levou de novo ó lugar de partida.
Por fin ben sentados e con boa temperatura demos conta do fozante, cornante e
voante que nos serviron as amigas da Casa do Patrón.

Ó remate cambiamos a actuación do Soutiños pola visita ó interesante museo etnográfico que como ben di na súa páxina, Museo Etnográfico Casa do Patrón é un Museo no rural, con máis de 2.000 m2 de exposición distribuídos en tres edificios, un museo etnográfico onde se expoñen máis de 4.500 pezas recollidas por toda a xeografía galega. Pequenos apeiros dunha gran historia, auténticos símbolos de Galicia dos últimos tres séculos”.


Para ver as fotos fai clic aquí.
Aquí tedes un vídeo chulísimo

15 oct 2019

Camiño do mar III (O Vicedo - Ortigueira)


Continuamos co percorrido do Camiño do Norte e nesta terceira fin de semana faremos o percorrido dende O Vicedo ata Ortigueira, aínda que pararemos un pouco antes, concretamente no porto de Espasante.
As predicións meteorolóxicas metían medo pero cos andaríns do Souto do Vello non se meten, non hai ameazas que os fagan quedar na casa.
O certo é que tivemos un sábado extraordinario para camiñar e gozar das espectaculares paisaxes da zona que iamos percorrer.
Logo de tres horas de autobús chegamos ó miradoiro de Tixoso para comezar a andar cara o miradoiro da illa Coelleira, que nos acompañará ó longo de todo o percorrido de hoxe. Despois duns exercicios no parque biosaudable con vistas á illa, seguimos marcha para chegar á fabulosa praia de Xilloi, onde paramos a tomar un tentempé (xa era hora!). De alí unha subidiña por entre un bosque de laurisilvas e continuamos por un sendeiro á beira do mar ata que divisamos O Vicedo, pasando antes pola praia de Caolín, á que chaman
o Caribe galego.
Cruzamos a vila do Vicedo polo seu paseo marítimo e encamiñámonos cara o Porto do Barqueiro. Antes cruzamos a ponte de ferro  que data de 1901 e foi construída para facilitar o paso entre as provincias de Lugo e A Coruña, antes facíase en barcas. Une os concellos de Mañón e O Vicedo.
Cunhas vistas preciosas do Porto do Barqueiro ímonos achegando ata ese lugar para xantar.
A ruta continúa ata a punta de Estaca de Bares, tras pasar pola canteira e logo dunha subidiña chegar ó punto chamado Vixía do Facho Maeda, cuns miradoiros espectaculares cara o mar Cantábrico a un lado, coas rías de Viveiro e o Barqueiro cheas de preciosas praias e, se pechas os ollos podes ver as naves que participaron na batalla naval durante a Guerra de Independencia (disque hai máis de 30 afundidas pola zona). Para o outro lado divisamos o Océano Atlántico coa ría de Ortigueira e o farallóns de Cabo Ortegal. Impresionante!!!
Chegados á punta de Estaca de Bares, alí estaba o resto do grupo agardando e recibíndonos con ánimos e fortes aplausos. Visita á punta e busca da liña que separa os dous mares (algúns non conseguiron vela), volta ó autobús e regreso ó Porto do Barqueiro para instalarnos no hotel.
Despois duns paseíños ceamos no restaurante La Marina.
O domingo xa se presentou con outra cara, pero non tan grave como se pensaba, a chuvia era mainiña e non había vento, suficiente para coller camiño con ganas de facer esta segunda etapa que, partindo do mesmo Porto do Barqueiro nos levaría ata outro porto, o de Espasante.
O primeiro que nos atopamos é a praia de Esteiro, magnífica praia salvaxe cunha duna grande á esquerda que se salva con pasarela de madeira, e comezamos unha subidiña ó pé duns acantilados agrestes pero de gran beleza.
Esta é unha ruta de gran beleza onde non sabes con que lugar quedarte, as
vistas son inesquecibles, xa sexa a citada praia de Esteiro, como os cortados de Loiba, as praias de Bimbeiro e do Picón, as aldeas de Mogor, O Picón...a Pedra Furada,... sen esquecernos do afamado “Banco máis bonito do mundo”.

Despois de salvar a “vía ferrata” da praia de Bimbieiro chegamos ó Porto de Espasante á hora de xantar e onde demos por rematada a andaina de hoxe.
Como o tempo non axudaba deixamos a visita a Ortigueira para outra ocasión na que continuaremos a ruta do Camiño do Norte.
Volta a casa agradecendo a colaboración de todos e todas para que estas xornadas fosen tan agradables e pracenteiras.

Xa estamos convocados para o mes de novembro onde visitaremos a Casa do Patrón en Lalín onde degustaremos o cocido do ano...despois de andar, eh!!! 


Para ver as fotos fai clic aquí.


Aquí podes ver un precioso vídeo elaborado por Telmo.


25 sept 2019

Ruta do Dragón - Mondariz


O pasado domingo 22 de setembro demos a saída á 18ª tempada no Souto do Vello. Imos camiño da maioría de idade!!! Iso xa se está notando nos andaríns que cada vez están máis preparados a pesar de vir dun longo período de vacacións...nótase que se fixeron os deberes!!
Para comezar achegámonos ata Mondariz para facer o que chaman a Ruta do Dragón, preciosa ruta que prepararon os amigos da Asociación Deportiva Mondariz.
Nós comezamos na Ponte das Pías sobre o río Tea e fomos pola súa beira río arriba ata chegar a Mondariz Balneario. Dende alí fomos en busca da desembocadura do río Xabriña e continuamos polo Tea ata a praia do Val.  Tal como se aprecia nas fotos, nas primeiras paradas de reagrupamento aproveitamos para contarnos as últimas novidades durante o verán...sempre hai algo que contar!
Continuando polo sendeiro chegamos ata o Furafollas. Collemos río arriba por unhas paraxes espectaculares onde nos acompañaron as primeiras chuvias do outono.

Comezamos a baixada para pasar pola localidade de Sabaxáns cos restos do seu balneario con augas de gran importancia, onde a xente aínda vai recoller para curar todo tipo de enfermidades estomacais e da pel (sarabullo, psoríase...). Os balnearios de Mondariz ou da Toxa empréganas para facer as súas cremas.
Continuamos baixando polo sendeiro do Pequeno Sol ata chegar de novo ó Tea. Fomos en busca dos Pasos
 de Tatín para cruzar o río e de aí chegamos a unha pequena praia para xantar. Algún aproveitou o tempo para darse un baño e así chegar lavadiño a casa.
Continuando río abaixo chegamos ata a famosa ponte de Cernadela, ponte de orixe romana e que facilitou a comunicación entre as dúas beiras do río.
De aí xa continuamos polo sendeiro volvendo atravesar o río pola ponte metálica para chegar ata a Praza de España en Mondariz, onde demos por rematada esta primeira saída da nova tempada.

Non queremos rematar sen enviar un saúdo e unha forte aperta a Isa e a Fernando para que se recuperen canto antes e poidan compartir con nós estas preciosas andainas.


Para ver as fotos fai clic aquí

12 ago 2019

Nova tempada

Atención atención!!!
Hai algún sendeirista por aí?
Pois ídevos preparando que a tempada está a punto de comezar...supoño que estariades adestrando.
A orghanización non descansou e xa nos ten preparadas as primeiras saídas.

* O 22 de setembro faremos a primeira por Mondariz, a Ruta do Dragón. Suaviña para comezar.

* O 12 e 13 de outubro iremos ata Porto do Barqueiro para continuar coa Ruta do Norte (O Barqueiro, Estaca de Bares, Ortigueira...).
É importante que vaiamos comunicando se alguén non pode ir ou asegurarnos que conten con nós para reservar habitacións. Antes da saída de setembro temos que sabelo.

Pois ata setembro, a seguir gozando do verán!!!

18 jun 2019

Fin 17ª tempada: Saiáns-Coruxo-Oia




O pasado domingo, 16 de xuño puxemos fin á 17ª tempada de andainas e fixémolo preto da casa. Subimos ata o parque forestal de Saiáns para facer unha pequena ruta por algúns dos miradoiros que nos ofrecen os montes de Vigo e rematar cun xantar campestre.
A xornada resultou fantástica, lástima das baixas de última hora que non puideron acompañarnos no remate deste curso. Dende aquí un saúdo para todos e todas.
O paseo comezou no parque de Saiáns para adentrarnos na zona arqueolóxica onde se atopan unha serie de muíños que aproveitaban as augas do Rego de Estea grazas a unhas presas que represaban a auga para que puidesen mover os rodicios. Logo pasamos polo castro do Alto da Medoña, protexido por un profundo foxo. Preto de alí tamén se atopa algún dos diferentes muíños naviculares que hai pola zona

De alí comezamos unha prolongada ascensión que nos levou ó Maúxo Grande, un dos miradoiros desde o cal se pode contemplar toda a ría de Vigo, e con bo tempo máis alá. Continuamos camiño e fomos dar a outro dos altos con espléndidas vistas como é o Alto da Bandeira, tamén chamado Cabezo de Saiáns.  Dende o alto podemos divisar dende Cabo Silleiro ata Cabo Home e a ponte de Rande. Segundo o cartel, a historia do nome deste alto débese a que tradicionalmente os mozos tiñan que colocar unha bandeira no burato que hai na rocha máis alta para que os familiares que estaban nas terras baixas soubesen que o gando estaba a pastar no lugar axeitado.

Despois de gozar das vistas comezamos o descenso ata o parque de Saiáns para o xantar. Alí nos esperaban as compañeiras que pacientemente nos gardaron as mesas, ás que lle agradecemos o traballo, e ben organizados demos conta das viandas que cadaquén trouxo. Non faltou o intercambio de sobremesas e as doces rosquillas Ancla que moi amablemente nos agasallou o amigo Kico.
E como non, os Soutiños remataron a festa cun repertorio digno dos mellores grupos de música do país.
Rematada a 17ª tempada xa quedamos convocados en setembro para a primeira saída da 18ª.

Bo verán!!!


Para ver máis fotos fai clic aquí



22 may 2019

Parque Natural de Redes (Asturias)



Este ano tocou celebrar o Día das Letras Galegas nas preciosas terras asturianas. Xa que sempre nos achacan que lles mandamos a chuvia para alá, pois imos gozar das paisaxes que se forman grazas a esas chuvias. E pode que sexa verdade, porque despois de varios días de calor, xusto nos tocaron dous días de chuvia... e neve!
O plan era facer tres sendeiros espectaculares polo Parque Natural de Redes, a “Ruta de Brañagallones”, o “Desfiladero de Arrudos” e a “Ruta del Alba”. Tres fantásticas rutas que representan un pouco o que é todo o Parque. Debido ás condicións meteorolóxicas tivemos que facer un pequeno cambio e en lugar de subir a Arrudos fixemos a “Ruta de la Cabeza l’Arcu” tamén por Arrudos pero un pouco máis sinxela, aínda que despois resultou un sendeiro complicado debido a chuvia e a neve que atopamos.
Saímos de Vigo o xoves para dirixirnos a Campo de Caso, onde sería a nosa base, pernoctando no albergue Reserva de Redes. Recomendable, un bonito albergue con boas instalacións, magnífico trato por parte do persoal e boa comida; excelente relación calidade prezo.
O venres erguémonos cun día anubrado e chuvioso, pero non impediu que comezaramos a subida a Brañagallones con toda a ilusión do mundo. Lástima que a brétema impediu por veces gozar das vistas.
Brañagallones significa “braña de los gallones o urogallos”. A pita do monte tiña alí uns “cantadeiros” onde os machos se exhibían para a reprodución. O lugar é un antigo glaciar que co tempo se converteu en braña onde moitas familias vivían do gando que pastaba por alí. Hoxe en día hai un dos mellores refuxios de montaña de España.
A ruta comezou na localidade de Bezanes. De aí comezamos a subir e subir por unha boa pista, ancha e fácil. Ó pouco tempo xa podemos gozar dunhas marabillosas vistas, un pouco limitadas pola brétema, dende o miradoiro do Texu la Oración. Xa case chegando á braña pasamos polo túnel del Crestón. A partir de aí gozamos das vistas dun dos mellores bosques do Parque Natural de Redes.

Despois de tomar os bocatas no refuxio, baixamos un pouco apresurados porque o tempo non axudou para poder baixar con calma gozando das vistas e dos sons que nos ofrecía o camiño.
Resto do día relax, cea e descanso.
O segundo día presentouse complicado pola meteoroloxía o que fixo que a organización optase pola alternativa da ruta de la Cabeza l’Arcu. Tamén pasa polo desfiladeiro de Arrudos pero cambiando a dirección e facéndoa máis asequible...en principio. Logo resultou ser un camiño complicado polo barro pero espectacular por todo o demais.
Comezamos na preciosa localidade de Caleao, antes de entrar na vila collemos á esquerda por un sendeiro paralelo ó “Ríu los Arrudos”. Pasando por boa parte do desfiladeiro dos Arrudos chegamos a “La Collada l’Arcu”. Atravesando sendeiros entre faiedos, saltos, pozas...chegamos ó alto La Porquera onde nos encontramos cun manto branco...espectacular. De aí comezamos unha forte baixada atravesando varias veces o río e chegamos ó centro de Caleao. Como  viñamos bastante mollados fomos directamente ó albergue para cambiarnos e comer. Tarde de relax e sidrinas por Campo de Caso.


Á noite cea de despedida con actuación dos Soutiños e bailongo, onde participou activamente o persoal de cociña.
Xa o domingo espertamos con mellor tempo para poder gozar da última ruta...por agora.
Despois de almorzar e cargar o autobús coas maletas, desprazámonos ata Soto de Agues para facer a famosa “Ruta del Alba”.
É unha das rutas máis coñecidas de Asturias, declarada Monumento Natural. Hoxe o factor que máis vai destacar é a auga...pero a do río non a da chuvia, que nos abandonou por completo.

Ó principio a ruta vai por un camiño hormigonado e pronto atopamos o río Alba ou LLaímo que nos acompañará o resto do sendeiro. Pronto atopamos unha piscifactoría á esquerda e a partir do km 2 comeza o desfiladeiro do Alba. Fomos vendo unha chea de saltos dunha auga marrón debido ós restos ferruxinosos que hai máis arriba, segundo nos explicou un pescador de troitas que atopamos polo camiño.
Chegamos a unha encrucillada onde o camiño deixa o formigón pola terra e pedras. A partir de aí é onde aparecen os saltos de auga máis espectaculares.
A través dunha pequena ponte chegamos a “La Cruz de los Ríos”, fin do noso percorrido de ida.
Volta para Soto de Agues onde nos espera un bocata ou unha rica fabada nalgún dos restaurantes que hai.

Antes de rematar a crónica non debemos esquecernos do “grupo alternativo” que gozou duns días de turismo cultural e gastronómico pola zona. Tamén agradecer o trato do noso chofer David, sempre tan atento, amable e simpático, ademais dun bo profesional ó volante.
E aquí remata esta fin de semana das Letras Galegas que nós quixemos celebrala no precioso Parque Natural de Redes.

Dende aquí queremos enviar unha forte aperta e todo o ánimo do mundo para o noso amigo Fernando para que se recupere o máis pronto posible e poder compartir connosco estas marabillosas andainas. Forza!!

Para ver as fotos do primeiro día fai clic aquí.
Para ver as fotos do segundo día fai clic aquí.
Para ver as fotos do terceiro día fai clic aquí.

13 may 2019

Viaxe a Redes

Atención!!!
Segundo as previsións meteorolóxicas parece que imos ter algo de chuvia e temperaturas máis frescas cás destes días. Tédeo en conta á hora de preparar a equipaxe!!
Podedes consultar o tempo nas webs da vosa confianza ou facer clic nestas: 

16 abr 2019

Punxín - Mandrás (río Barbantiño)




Para celebrar o Domingo de Ramos, a organización do Souto do Vello levounos a percorrer o Camiño Natural do Río Barbantiño. Desprazámonos ata o concello de Punxín, na provincia de Ourense. Pasando pola capela de San Roque chegamos ata o lugar que chaman O Bañiño, onde hai unha pequena fonte de auga termal. A partir de aí o sendeiro ó pé do río, con boa sinalización, vai pasando por baixo da ponte da estrada OU-524, unha piscifactoría e unha minicentral. Pero o máis interesante é a cantidade de muíños que imos atopando, algúns medio abandonados pero outros como os das Penas, moi ben restaurados, presas, pozas, regatos que deitan as súas augas formando pequenas cascadas, e un bosque de ribeira espectacular cheo de carballos, fentos, etc. Cabe salientar a espectacularidade das xestas brancas que estaban en flor e aparentemente ben colocadas para deixar paso entre elas ós camiñantes.
Camiñando río arriba chegamos ata a fervenza do Barbantiño, tamén chamado fervenza do Cachón, e non é raro xa que “cachón” na nosa lingua é un salto de auga nun desnivel do río. Desde unha pasarela metálica pódese contemplar a fervenza e mais o Pozo do Inferno. Aquí é onde están os muíños restaurados, os muíños das Penas.

Partir de aquí, tras unha subidiña e cruzando un túnel, chegamos ata a preciosa ponte medieval de San Fiz. Seguimos ruta e chegamos á localidade de Mandrás. Para entrar tivemos que pasar pola ponte do antigo camiño real que une Ourense con Santiago. A ponte orixinal data do século XIII aínda que foi reformado posteriormente.
Neste punto demos volta para continuar o sendeiro pola outra banda do río ata chegar ó punto de partida no Bañiño.
Á chegada puidemos darnos un verdadeiro banquete coas roscas e rosquillas Ancla doadas polo amigo Kico, regadas cun bo viño que deixou varias marcas entre os asistentes.
Volta para a casa e preparando xa a vindeira saída a Redes, en Asturias, prevista para o mes de maio.



Para ver as fotos fai clic aquí.

21 mar 2019

Assureira - Castro Laboreiro


O Souto do Vello cumpre por segundo mes consecutivo coas súas tradicións. Se o mes pasado tocou “sufrir” co cocido, este mes toca subir xubilosos ata o santuario do bacallao...e haberá que ir!
Pero antes a andar. A organización preparounos unha bonita ruta en torno a Castro Laboreiro. Para comezar achegámonos ata Assureira. Ó pé da súa bonita ponte de San Brás, no río Laboreiro demos a saída. Fomos acompañando o río durante un tramo.
O primeiro que atopamos é a ponte Nova da Cava Velha, magnífica ponte romana que atravesando o río Laboreiro daba paso a unha vía romana que viña dende Entrimo ata Ameijoeira e continuaba ata Castro Laboreiro. Tamén pasamos por unha antiga represa e pola capela do Señor da Boa Morte, unha das tantas que hai ó longo de Portugal con este nome.
Pronto chegamos a Pontes, unha braña de inverno co seu muíño e forno comunitario e varias casas moi ben rehabilitadas ou en proceso de. Na saída deste lugar está o famoso “aqueduto”. Unha construción de granito que abarca uns 60 m con 23 tramos rectos e que servía para levar a auga para o rego.
Continuamos camiño cara a Ponte da Dorna e volvemos pasar por Assureira para comezar a subir ata Barreiro coa súa bonita presa, xa case no tramo final da andaina. Poucoa apouco fomos chegando a Castro Laboreiro, o noso destino. Alí nos esperaba o restaurane Miracastro para ofrecernos o seu suculento menú: fumeiros, crema de legumes, bacallao con broas, cabrito  e as famosas e agardadas tetiñas castrexas...lixeiro.
O remate, como sempre, amenizado polo afamado grupo “Os Soutiños” e os espontáneos bailes da concurrencia.
Ata a próxima.





Para ver máis fotos fai clic aquí.

13 mar 2019

CAMBIO HORA SAÍDA


ATENCIÓN!! 
A hora de saída da próxima andaina 
(Assureira - Castro Laboreiro) será as 7:30 
e non as 7:00 como figura no cartaz.

Desculpade!

4 mar 2019

Encontro veciñal en Matamá - Recuperamos un camiño


Xornada conxunta "Freixo - Matamá" de recuperación do monte.
O vindeiro sábado día 9 de marzo faremos conxuntamente coa asociación Chan Grande de Freixo e a ANPA A Lameira de Matamá, unha xornada de recuperación do monte nos límites veciñais entre Freixo e Matamá.
Os traballos consisitirán en abrir un antigo camiño e arrincar eucaliptos.
Ó rematar faremos un xantar de convivencia no parque forestal do Maruxento (cada un trae a súa comida).
Animádevos a participar !!! (Apto para nen@s e adult@s).

21 feb 2019

Muíños do Xabriña (Mouriscados)




O domingo pasado comezamos a tempada de “rutas con…”.  Para comezar tocou un cocido no restaurante pizzería O Castelo,  no concello de Mondariz. Pero antes fixemos unha pequena e preciosa ruta polas beiras do río Xabriña, na parroquia de Mouriscados. A primeira parte da ruta fixémola camiñando por antigas canles de auga cuxa función era alimentar toda unha fileira de muíños que fomos atopando, uns 12 aproximadamente. Debe ser un lugar moi concorrido porque pasamos por dúas áreas de lecer, o que fala da fermosura do lugar. A segunda parte do percorrido foi quizais a menos bonita, xa que transcorreu en gran parte por estrada ata chegar ao núcleo de  Mouriscados. De alí subimos un pouco ata a necrópole neolítica de Campo dos Mouros, conformada  por unha ducia de mámoas, dous petróglifod e un asentamento fortificado da Idade de Bronce. Todo isto adivíñase xa que o lugar está
completamente tapado cos fentos.
Quedou para o final a terceira parte do percorrido que é a máis bonita. Un sendeiro á beira do río que é para deixarse levar ou quedar estantío contemplando a natureza e escoitando o rumor das augas do Xabriña...espectacular!!
Co espírito reconfortado pola experiencia vivida chegamos ao autobús que nos trasladou ata o restaurante. Alí degustamos un exquisito cocido, dos mellores que temos probado, e cun ambiente extraordinario deu comezo a soberbia actuación dos Soutiños, acompañados primeiro polos voluntarios bailaríns e bailarinas que saíron á pista e logo polo orfeón masculino que fixo a ledicia dos presentes coas súas cántigas de taberna.

Non queremos rematar esta crónica sen agradecer os agasallos recibidos e valorar o gran traballo da nosa compañeira Ángeles. Moitísimas grazas!!!





Se queres ver máis fotos fai clic aquí.

15 ene 2019

GR 58 - A Ramallosa - Matamá




A primeira saída oficial do Souto do Vello neste novo ano retoma o GR 58 – Sendeiro das Greas, que vimos facendo dende hai tempo e que xa estamos dando a volta para chegar ó punto de partida. Hoxe fixemos a etapa que sairía da Xunqueira da Ramallosa e chegaría á Garrida. Nós fixemos unha pequena adaptación e saímos da Xunqueira, pero a partir do monte Cepudo fixemos unha desviación para chegar andando a Matamá.
Como dicía iniciamos a andaina ó pé do río Miñor dirixíndonos cara a Vilariño e de aí a Parada, con visita á súa igrexa, única mostra de arte románica que se conserva no concello de Nigrán, e única tamén adicada ó Apóstolo Santiago. Dende Parada comezamos a subir ata o Monte dos Mouros, precioso miradoiro sobre o Val Miñor, Monte da Grova, Baiona, Praia América, Panxón, Monteferro e Illas Cíes. Este monte está relacionado con vellas lendas sobre mouros, seres
míticos que podían dar tesouros a cambio de desencantalos. Algúns no alto do bloque granítico e outros abaixo, nas mesas que hai polo lugar, aproveitamos para tomar o bocata e coller auga na súa fonte.
Xa coas forzas ben repostas, collemos dirección a Chandebrito pasando polo barrio de Rozadas. Aí temos outro excelente miradoiro, o Monte do Castro, que como indica o seu nome hai restos dun antigo castro celta. Na base, hai unha plantación e unha obra que lembra os terribles incendios que asolaron a zona, é o Bosque da Memoria. Un chamativo acueduto, construído polos veciños no ano 1939, leva a auga ata o muíño das Chans. Segundo dixo un paxariño, algún dos andaríns utilizou este acueduto para ducharse, despois de facer deporte, nos seus tempos mozos.
Dende ese punto comezamos a subida ata o Cepudo onde comemos agradablemente baixo o sol de xaneiro. Xa despois do xantar, e como se se tratase dunha montaña rusa, pasamos polo alto do Alba, Monte de Pozos e camiño a Matamá, onde rematamos esta bonita primeira andaina do 2019.






Para ver as fotos fai clic aquí.