O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

30 oct 2011

Saída Burbia – Mostallar (1935 m)- Ancares leoneses


O pasado venres 21 de outubro saíu o autobús do Souto doVello cara a Burbia, localidade pertencente ao concello de Vega de Espinareda, coa intención de facer a subida ao pico Mostallar, tamén Mustallar ou Mostayal,  (Mustallar : Monte máis alto da provincia de Lugo situado na Serra dos Ancares, ao oeste da Cordilleira Cantábrica, cunha altitude de 1924 m., a 42° 49' N; 6° 50' W)
Despois dunhas boas voltas e reviravoltas (menos mal que xa era noite e non apreciamos ben por onde pasabamos) chegamos ao camping de Burbia. Alí fixemos noite e ao día seguinte, un día precioso por certo, saímos cara ao Mostallar.
Ao principio vas camiñando por unha pista entre soutos preciosos que deitaron as súas castañas para que algúns soutiños e soutiñas se abaixasen a collelas. Pouco a pouco imos meténdonos nun precioso bosque con rebolos, algún teixo, acivros…
Seguimos subindo e a paisaxe vai cambiando pouco a pouco. Chegamos a unha cabana que serve de refuxio, a cabana do Acebalín, onde comemos un pouco para poder rematar a subida con forza.
O ascenso pasa polos lagos de Burbia; aquí xa a vexetación é totalmente distinta e vese moita pedra. Contemplando a paisaxe ao teu arredor ves unha especie de circo cos picos Cuerno Maldito, Lagos e Mostallar. Chegamos á cima do pico Lagos e dende alí contemplamos a impresionante paisaxe que nos ofrecen os Ancares, a unha banda os galegos e a outra os leoneses. Rodeamos o Castillín (procurando non mirar para abaixo e coa axuda de Poli que fixo de parapetos) e conseguimos chegar ao cume do Mostallar. Alí paramos un momento para facer a foto regulamentaria e gozar da natureza.
  Comezamos o descenso para comer na aba do monte.
Despois dunha agradable “sobremesa” ao sol, cruzamos os arames para comezar un duro descenso cara a Burbia. Con coidado de non caer nas pedras soltas baixamos observados polas imponentes paredes do Mustallar e Penalonga. Máis abaixo cruzamos as pedras que deberon caer das Peñas dos Bodegois.
O descenso continúa xa maís suave e cruzando outra vez bosques preciosos coas cores típicas do outono.
Chegamos ao albergue e despois dunha ducha reparadora fomos de visita a Burbia.
Á volta esperaba unha suculenta cea á que lle seguiu unha queimada (con lectura do conxuro por dous especialistas na materia) e festa amenizada polos Soutiños.



O domingo houbo que improvisar un percorrido xa que o que estaba previsto non se puido facer por estar todo queimado.

Partimos de Burbia e fomos baixando ao pé do río do mesmo nome cara a ”Campo del agua”. Fixemos unha andaina moi agradable cunhas paisaxes moi bonitas, cruzamos localidades como Aira da Pena, onde había bastantes nogueiras ao pé do camiño; por certo estaban moi boas as noces! Paramos a comer na área recreativa onde está a “fábrica de hierro de la Somoza”. Logo tivemos que buscar a saída cruzando o río, unha bonita aventura para rematar a andaina.
A media tarde collemos o autobús para vir de volta a Vigo en busca da chuvia. Por certo, vaia se a atopamos!
Unha fin de semana moi agradable que debemos agradecer a todos os que participaron na organización.