O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

31 dic 2016

GR 58 Sendeiro das Greas (Couso - Chan da Lagoa)


AVISOS: Recomendamos que levedes uns calcetíns de recambio e máis unha toalla pequena por se nos mollamos ó cruzar un pequeno río.
Non é necesario que levedes moita auga xa que hai varias fontes no camiño.

22 dic 2016

Boas festas !!!


Os andaríns do "Souto do Vello" deséxanvos unhas BOAS FESTAS e un NATURAL e ventureiro ANINOVO.

16 dic 2016

GR 58 Cerquido - Couso



O proxecto GR 58 continúa. Este domingo tocounos a etapa dende Cerquido ata Couso, deixando o concello do Porriño para meternos no de Gondomar. Foi una etapa moi bonita na que pasamos por Orbenlle e logo de pasar por un sendeiro que aínda conserva o encanto do outono, e deixando a un lado o espazo Natural das Gándars de Budiño,  chegamos ó lugar de Cabreiros. Alí repuxemos forzas tomando o sol de Galifornia. Cruzamos por unhas ruínas nunha paraxe realmente espectacular. De alí comezamos a subida pola serra do Galiñeiro cara a Prado. Xa no alto puidemos gozar das vistas sobre a baía de Baiona e comezamos a baixada para pasar polo curro de Morgadáns e adentrarnos na bonita parroquia do mesmo nome. Deunos a hora do xantar no torreiro de
Morgadáns. Despois cruzamos o núcleo das casas que compoñen esta parroquia do concello de Gondomar. O último tramo do camiño fixémolo por unha pista moi boa e con boas vistas que nos levou ata Couso onde puidemos aliviar a sede no Centro Cultural ao tempo que nos desexabamos unhas boas festas, xa que se trataba da última saída do ano. Como pasa coas series da televisión...continuará.


Para ver as fotos fai clic aquí.

24 nov 2016

Esgos - San Pedro de Rocas

“Polo San Martiño mata o teu porquiño” é o que di un dos refráns galegos. Os andaríns do Souto do Vello estamos moi contentos con que se siga esta tradición porque así podemos dispor de boa materia prima para a elaboración do noso cocido anual. E iso foi o que nos preparou a organización para o remate da andaina deste mes de novembro. Un exquisito cocido na provincia de Ourense, máis concretamente no Alto do Couso, concello de Maceda. Pero para merecer estas viandas tivemos que






“sacrificarnos” e camiñar un pouco polos camiños de Esgos. A pesar das inclemencias do tempo podemos dicir que foi unha ruta moi bonita. Saímos de Esgos polo “Camiño Real “ (PR-G4)  en dirección a un dos puntos obrigados de visita na Ribeira Sacra, o Mosteiro de San Pedro de Rocas. É un dos mosteiros máis antigos de Galicia, conservando parte da súa estrutura orixinal, unhas covas escavadas na rocha que serviros de capela. Está considerado Ben de Interese Cultural. Despois de tomar o bocadillo ao abrigo dunha
das naves do mosteiro continuamos cara ás vilas de Vilar de Ordelles e Folgoso para seguir pola “Ruta dos Muíños”. Este sendeiro, salpicado de centenarios carballos e castiñeiros, levounos polas localidades de Lampazas e Tarreirigo para rematar de novo en Esgos onde nos esperaba o autobús para levarnos ata o Alto do Couso. Non podemos esquecer os participantes da “pequerruta” (Poli, Merce, Carlos…), que dirixidos pola intrépida e pequeguía Icía, fixeron o percorrido desde Esgos ata o mosteiro.


Como diciamos ao principio, o remate foi cun gran cocido que nos sorprendeu gratamente pola súa calidade, cantidade e excelente servizo.
Ao remate, os Soutiños deleitáronnos co seu coñecido repertorio e ata foron acompañados polo orfeón masculino que puxeron o broche de ouro a unha xornada novamente agradable (a pesar da chuvia). Xa pola tardiña volta para Vigo quedando convocados para o día 11 de decembro onde continuaremos cunha nova etapa do Sendeiro das Greas.



Para ver as fotos fai clic aquí.

28 oct 2016

Camiño dos Faros (Arou - Muxía)

No mes de outubro toca saída de fin de semana. Ultimamente cadraba co cambio de hora. Este ano adiantámonos e algúns andaríns quedamos amolados porque non tivemos desculpa para agardar ata as 3 da mañá e comprobar se o móbil cambiaba de hora…Outra vez será.
Continuamos co Camiño dos Faros e fixemos as etapas 5 e 6 (Arou – Camariñas e Camariñas – Muxía). Saímos o sábado 22 dende a praia de Arou, lugar onde rematamos a anterior etapa alá polo mes de maio. Durante toda a semana os homes e mulleres do tempo ameazáronnos cunha fin de semana pasada por auga, pero chegou o sábado e gozamos dun día espléndido de sol. Logo do café no punto de partida,  dirixímonos ao mirador e praia de Lobeiras. Despois de cruzar polo medio dos toxos e dos cantos rodados chegamos  ao porto de Santa Mariña que cruzamos para ascender a duna de Monte Branco. A panorámica coa que nos atopamos ao chegar arriba pagou a pena o esforzo. Aos nosos pés estaba a Praia do Trece, unha das praias máis espectaculares da Costa da Morte con especies de flora protexida como a “caramiña” que deu nome á vila de Camariñas. A continuación está Punta do Boi. Alí podemos visitar o Cemiterio dos Ingleses, chamado así porque repousan os restos das persoas que morreron en tres naufraxios  a finais do século XIX: o Iris Hull (1883),ol Serpent (1890) e o Trinacria (1893). Continuamos polas praias de Reira, pasando pola Pedra do Oso
e logo de subir pola aba do Monte Pedrosa xa enfilamos cara a cabo Vilán, impoñente sobre as rochas cunha altura duns 100 m permite apreciar toda a beleza da costa. Alí estaba o autobús co resto dos participantes para recollernos e levarnos ata Camariñas. Logo duns paseos por Camariñas, visita incluída aos restos do Castelo, cervexiñas picoteo polas terrazas da Vila, e por fin, dunha espléndida cea no Club Náutico de Camariñas fomos durmir (claro logo duns dixestivos). Aloxámonos en tres hoteis, a maioría no Parranda (temos que agradecelle a Sandra o trato recibido en toda a xestión da saída), outros foron ao Ave del Mar e outros ao Gaivota. Quedamos todos moi contentos.
O domingo pola mañá presentouse algo máis complicado en canto á meteoroloxía, pero non nos botamos atrás. Comezamos a etapa en Ponte do Porto para chegar a Muxía. Demos a saída a pé na ponte sobre o Río Grande e camiñando chegamos a Santiago de  Cereixo, un recuncho moi singular no que atopamos desde un piorno de 19 pés dentro dun pazo do século XVIII, un muíño de mareas, a igrexa de Santiago de Cereixo do século XII, as Torres do Cereixo e no centro da praza un impresionante carballo que debe ser máis vello que as propias torres. De aí continuamos por varias praias (Area Grande, Leis, do Lago…). Por aí tocounos un pouco de auga, pero non a da praia. Logo escampou e puidemos secar para chegar ben ata a vila de Muxía. O remate da etapa era no santuario da Virxe da Barca, que tamén é remate dos peregrinos despois de visitar o Apóstolo Santiago. Alí algúns cumpriron co ritual da Pedra dos Cadrís e mais a Pedra de Abalar e todos puidemos contemplar a espectacularidade da paisaxe coa auga batendo nas rochas. Como remate e premio polo bo comportamento agardábannos unhas exquisitas rosquillas Ancla agasallo de Kico que puidemos mollar en bo viño tinto. E xa volta a casa e ata a próxima, que será o 20 de novembro por San Pedro de Rocas con cocido incluído.





Para ver máis fotos fai clic aquí.

29 sept 2016

Ruta da auga de Pontedeva

Os andaríns e as andarinas do Souto do Vello xa están  de volta para iniciar a 15ª tempada.  A organización portouse ben e levounos a un lugar fermoso para facer unha andaina tranquiliña (ó ser a primeira…xa se sabe).  Desprazámonos ata o concello de Pontedeva para facer a que chaman a ruta da auga, xa que percorre as beiras do río Deva. Este río nace no concello de Verea e despois de vinte quilómetros desemboca no encoro de Frieira, regando as terras de Pontedeva e Cortegada, na provincia de Ourense e pola beira esquerda do Miño.

Temos que agradecer, a quen corresponda, a limpeza dos camiños, que ademais están moi ben marcados, o que fixo máis doada a marcha.
Ó longo do percorrido imos atopando numerosos regatos, lavadoiros e fontes…cruceiros, escudos, en fin, varios elementos arquitectónicos que xunto cos fermosos elementos da natureza compoñen unha andaina moi interesante. Sen esquecernos da subida ó miradoiro e capela de San Xusto.
Rematamos onde comezamos, na área recreativa do concello de Pontedeva, onde nos dedicamos a un bo xantar e charla de sobremesa…había que preparar o voto.
Volta a Vigo e a pensar xa na próxima saída que será polo  Camiño dos Faros.
Aquí vos deixo este fermoso vídeo elaborado por Telmo. Clica aquí para velo.


Para ver as fotos fai clic aquí.

8 sept 2016

15ª tempada: Ruta da auga de Pontedeva


ATENCIÓN !! AVISOS VARIOS:

* Nesta saída do 25 de setembro, a comida pode quedar no autobús. Imos comer onde está aparcado.
Despois da sesta voltamos a Vigo para estar a tempo de ir votar.


* Saída 22-23 de outubro O Camiño dos Faros: Debemos ter claro os que queiramos ir porque hai que reservar hotel. Na saída do 25 de setembro debemos comunicalo.


* Excursión ás Azores (illa de S. Miguel): Saída o 8 de abril de 2017 e volta o 13.  Temos que facer a reserva do avión polo que os que teñamos pensado ir debemos comunicalo canto antes.



25 jul 2016

Pechado por vacacións

                                    

Certo, este blog pecha por descanso do persoal (?). Despois de rematar unha excelente tempada xa estamos facendo os deberes para comezar con ganas a vindeira,  a 15ª, polo que será especial.
Para comezar ide reservando o 25 de setembro. O lugar está por confirmar. Para outubro toca fin de semana polo Camiño dos Faros, desta volta por Camariñas. En principio ide reservando a fin de semana do 22 e 23, salvo que ó voso presidente se lle dea por convocar eleccións polo que pasaría á seguinte fin de semana, 29 e 30.
Bo verán e ata setembro....ah! e adestrar un pouco, eh?!

30 jun 2016

Crónica dos 100 km dos International Trekkers 2016

Antes de comezar, quero agradecer a Fernando Cerqueira que me acompañase durante practicamente todo o percorrido e sobre todo polos ánimos que me transmitiu nos últimos kilómetros. Aínda que puido tirar diante miña para acadar un mellor tempo, decidiu acompañarme para chegarmos xuntos á meta despois de 21 horas e 36 minutos de camiñada.

                                                 (Foto “Concello de Rianxo”)
Como sabedes, Fernando é moi apreciado pola familia dos sendeiristas de andainas de 50 kilómetros e este aprecio amósase cando chega a un avituallamento, cando pasa por outros sendeiristas e mesmo no recibimento en meta. E non é para menos...Fernando é todo un veterano das andainas! Grazas Fernando!.

                                              (Foto “La Voz de Galicia”- Marcos Creo)
A edición deste ano da ultrandaina de 100 km organizada polos International Trekkers Barbanza-Sar foi, sen lugar a dúbidas, a máis dura das tres nas que participei. Se ben é certo que non a levaba moi preparada (máis ben nada!), os meus problemas acentuáronse nos últimos 14 km pois foron para min unha verdadeira odisea. Seis kilómetros de subida infernal ata os 500 metros de altura na Serra do Barbanza e despois unha baixada moi técnica durante case dous kilómetros ata chegar á beira do río Pedras, resultaron a “guinda” desta edición. Moi pensado para os corredores de “ultratrails”, o deseño deste último treito ata chegar á meta foi un pesadelo no que os metros contábanse un a un e a cabeza non dictaba outra cousa máis que a necesidade de abandoar.
Ata aquí leveino relativamente ben ainda que a noite foi bastante dura por mor do vento do norte que zoou durante toda a madrugada e que nos deu de cara durante practicamente todo o trazado. Nalgún momento as rachas foron tan fortes que provocaban a desestabilización dos nosos pasos. Hai que pensar que a noite pasámola en plena Serra do Barbanza a unha altura media de 500 metros. A temperatura mínima baixou ata rondar os 13ºC pero a sensación térmica era moito máis baixa debido ao vento. Cheguei a pasar frío!!
Un pequeno problema no xeonllo esquerdo debido a un traspés fíxome parar máis da conta no avituallamento da cea, no kilómetro 46, onde tiven que cambiar de calzado, equiparme con algo máis de roupa e tomarme un café ben quente e, como non, meterme un “chute” de ibuprofeno para a dor. O descanso e máis as “drogas” mencionadas surtiron efecto e puiden aumentar o ritmo para recuperar os aproximadamente vinte e cinco minutos que Fernando me levaba de vantaxe. Pasei polo casco vello de Noia ben entrada a madrugada e cheguei ao avituallamento guiado por un ciclista da organización. Estaba xa no kilómetro 53. O seguinte control foi nas Minas de San Fins (Lousame) un lugar que, como o seu propio nome indica, foi un punto de extracción de mineral de estaño e wolframio. Por alí pasei ás 5 e media da mañá. Foi en Ourille, no kilómetro 72,6 cando puiden alcanzar de novo ao compañeiro Fernando que se atopaba no avituallamento deste punto tomando o almorzo pois o día acababa de comezar, eran as 7 e cuarto da mañá. A partires de aquí, como comentei ao principio desta crónica, comezaría o meu calvario. Se ata este momento a miña velocidade media foi duns 5 km/hora, o último treito cheguei a facer tan só 3 km/hora o cal condicionou de maneira importante o tempo final de chegada a meta. O cansazo, algúns problemas nas plantas dos pés e tamén varias rozaduras, fixeron de min un pandeiro!!
No avituallamento do kilómetro 92 queixeime á organización sobre o deseño do trazado. Seguramente froito do "calentón" do momento, comenteilles que comigo non contasen para a vindeira edición. A verdade é que chegados a este punto a cabeza tería que ser a principal aliada para continuar pero as dores eran tales que as emocións negativas foron as predominantes.
Ao final, o meu GPS marcou 103 km que, a falta de facer algún filtrado dos puntos gravados polo aparello, é un aumento importante na distancia percorrida, sobre todo porque supón en torno a 30-60 minutos a maiores dependendo da velocidade á que vaias. Iso sumado aos 3.600 metros de desnivel positivo (subidas) e outros tantos de desnivel negativo (baixadas) fixeron da proba deste ano unha verdadeira tolería!!
Non sei que farei o vindeiro ano pero moi probablemente non participarei. Cando menos se as condicións son as mesmas que as deste ano. O esforzo dunha proba deste tipo é tan grande que ben merece unha reflexión previa. A ver...

En todo caso, o gran traballo feito pola organización desta “ultraandaina” é indiscutible. O mellor de todo: o xantar de confraternización. Vaia o agradecemento tamén para elas/eles.

22 jun 2016

A Illa de Arousa

Estamos no remate da tempada 14. Iso supón arredor de 150 saídas , ou sexa 3 000 km aproximadamente  de pateadas polo chan galego (e algunhas polo “estranxeiro”), que multiplicados por unha media de 45 sendeiristas son 135.000 km. Se calculamos 1400 pasos por km temos a cantidade de 189.000.000 de pasos dados…case nada!!!

Pois ben, esta tempada rematou na Illa de Arousa, se tivesemos que dar todos eses pasos, cantas voltas habería que dar?  Tranquilos, a organización só nos fixo dar unha para relaxarnos na praia pola tarde. Deste xeito puidemos contemplar a beleza das paisaxes que nos ofrece a contorna: praias,  cons,  peiraos, barcos, dornas,  camiños… Percorrido fácil, moi fácil pero espectacular.  Non só polo que ves no camiño senón que vas divisando a zona do Barbanza, A Pobra do Caramiñal, O Grove, Cambados ou Vilanova.
Nós saímos do porto de Xufre, acompañados do amigo Uxío e familia que nos levaron por algúns lugares pouco habituais. Collemos polo paseo cara á punta do Campelo e logo chegamos ó faro  en Punta Cabalo. Continuando pola que chaman a ruta dos cons, pasamos pola Punta de Niño de Corvo e chegamos ó mirador do Con do Forno, desde onde se pode contemplar unha espectacular vista de toda a Illa. Continuando ruta pasamos pola praia da Aguieira, o muíño de marea na Enseada Brava ata adentrarnos no Parque Natural de Carreirón, de 1,3 Km2, declarado Parque Natural, unha zona especial para a protección de aves pola Comunidade Europea e que está situado na parte sur da Illa. Saíndo del e continuando pola senda camiño da ponte de entrada paramos nunha das bonitas praias que alí hai. Entre as praias de Lavanqueira e Camaxiñas fixemos o xantar. Logo puidemos gozar do bo tempo, da temperatura da auga e dos paseos pola area. Que mellor maneira para rematar unha boa tempada. A opinión dos sendeiristas era que querían que pasase o verán para comezar a 15ª. Feliz verán para todos e todas e como di o noso xefe “a facer os deberes para chegar a tope en setembro”. Saúdos.











Para ver máis fotos fai clic aquí.

1 jun 2016

Camiño dos Faros (Corme - Arou)

Antes de comezar esta crónica, o grupo de sendeiristas do Souto do Vello queremos enviar un cariñoso saúdo á familia de Loli e Suso lamentando a perda dun ser querido. Ánimo!

Continuando coa proposta dos nosos amigos trasniños, responsables do Camiño dos Faros,  a organización do Souto do Vello preparou unha fin de semana saíndo de Corme para chegar á praia de Arou. Parecía que a climatoloxía non ía estar de boas connosco, pero ó final só nos molestou un pouco na mañá do sábado, que non nos permitiu  gozar das espectaculares vistas dunha das zonas máis marabillosas de Galicia como é a Costa da Morte.
A xornada do sábado comezou en Corme pasando polo sendeiro da praia de Arnela ata chegar á praia de Osmo, unha tranquila praia que remata nunha furna, De aí pasamos á praia máis grande de Corme, a praia da Hermida desde onde se pode ver a illa da Estrela onde existen restos dun pequeno castro e a antiga ermida de Virxe da Estrela.
Logo comeza a subida ó mirador do monte da Facha. Dende aí hai unhas espectaculares vistas de toda a ría que dan paso a unha suave baixada ata a praia de Valarés, unha das máis coñecidas desa parte da costa. Dende aí e rodeados de branca area cruzamos o Monte Branco, espectaculares dunas que deron paso ó malecón que nos levou ata Ponteceso,  vila natal de Eduardo Pondal, autor do poema que se converteu no noso himno.
Tras un tramo pola estrada, fomos cara ó monte das Pías, praia Urixeira e paseo pola ría para coller a senda do río Anllóns, que é onde comeza a terceira etapa dos Trasnos. A partir de aí deixamos de ver o mar porque collemos o Rego dos Muíños. Cambiamos o mar por un precioso regato que baixa formando pequenas cascadas e recunchos moi bonitos que animan a parar para escoitar, ulir, reflexionar… Esta senda levounos ata o castro da Cibdá de Borneiro. Despois da visita obrigada a estas excavacións continuamos camiño para rematar a xornada no dolmen de Dombate, un dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia. O autobús levounos a Laxe para encamiñarnos ó hotel Bahía de Laxe onde nos recibiu o seu dono Manolo, personaxe imprescindible se queres coñecer ben a Costa da Morte. Despois de instalados nos cuartos preparámonos para a cea no bar O Gaitieiro. Alí a algúns case se lles atragoan os riquísimos fideos con ameixas e a manteigosa carne que nos puxeron ó ritmo das patadas que daban en Milán.
A xornada do domingo foi simplemente espectacular, con distintas paisaxes ó longo do percorrido que fixemos cun tempo marabilloso. Sobre as 9 e cuarto da mañá arrincamos da praza de Laxe e collemos camiño do faro, que é igual ó do Roncudo. Como todos, as vistas son espectaculares. A carón del hai unha escultura en bronce que se titula “A Espera”. 

Nós non esperamos máis e continuamos camiño pasando pola Furna da Espuma, onde parece que neva cando o mar está picado, a praia dos Cristais, característica porque está chea de anaquiños de cristais  de cores ben puídos que o mar devolveu. Seguindo chegamos á praia de Soesto, lugar privilexiado para os amantes do surf. A continuación, e por unha pasarela, cruzamos a lagoa de Traba.  A partir de aquí pasamos por un dos tramos máis espectaculares da ruta, fomos atravesando por unha gran cantidade de rochas, furnas e pequenas calas de cantos rodados…grandes penedos de granito con diversas  formas que fan voar a imaxinación en busca de parecidos. Andando andando chegamos a Camelle, corazón da Costa da Morte e lugar onde está o museo de Man, un alemán que chegou aquí hai moitos anos e quixo gozar da beleza desta natureza creando un auténtico museo ó aire libre que o Prestige case acaba con el e que si acabou con Man. Collemos á esquerda e o camiño levounos ata Arou, punto final da nosa andaina de fin de semana. Dende aquí partiremos na próxima etapa para continuar con este Camiño dos Faros.

Non podemos esquecernos das nosas acompañantes que fixeron as súas rutas particulares e que gozaron tamén destas paisaxes á súa maneira.

Para ver as fotos fai clic aquí. 

4 may 2016

OBXECTIVO CONSEGUIDO !!!

MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL (MGxN) conseguiu o seu propósito de facer unha “Ascensión Solidaria” e acadou a cifra de 11237€ que foron entregados á Directora de SOS Himalaya. Como vedes superamos a cifra dos 8848 m de altitude que ten o Everest. Isto só foi posible grazas á solidariedade de todos os montañeiros e sendeiristas de Galicia, entre os que se encontran os amigos e amigas do SOUTO DO VELLO

A organización quere agradecer a participación de todos vós nas actuacións programadas manifestando a solidariedade do grupo O SOUTO DO VELLO en calquera das causas nas que se necesite axuda.


María Climent (Directora de SOS Himalaya) recibe o talón de mans de Sechu López e Carlos Garrido.

16 abr 2016

Foliada solidaria



Acudide todos e todas a esta FOLIADA SOLIDARIA CO NEPAL!!! É unha boa maneira de axudar pasándoo moi ben. Haberá postos con bocadillos, tortilla, chourizos... e bebidas!! Non faltará de nada. Todo o recadado servirá para axudar a acadar o cume.

NON FALTEDES!!!!

12 abr 2016

Castro Laboreiro


Os andaríns do Souto do Vello tiveron que pagar as consecuencias das condicións  meteorolóxicas. Para que logo digan que non hai cambio climático! Estamos en abril e a organización do Souto do Vello tivo que facer un cambio de última hora e buscar unha ruta alternativa. Ollo, pero só cambiaron a primeira parte da xornada, o remate no Miracastro de Castro Laboreiro non houbo necesidade de cambialo.
Comezaron cruzando a ponte internacional sobre o Miño en Tui, como se facía antes, para coller a senda verde, ou tamén chamada Ecopista, que leva ata Monçao. Despois dunha pequena molladura nada máis comezar, todo foi sobre rodas, xa que se trata dunha ruta fácil e o tempo acompañou. Polo camiño pódense ver algunhas das antigas estacións porque  a pista vai por unha antiga ruta de tren. Hai que salientar o valor paisaxístico e natural das paisaxes que se van vendo ó longo da ruta (viñedos, prados, pequenas vilas, río Miño…). Máis ou menos na metade do camiño hai unha torre da homenaxe dunha antiga fortificación.
Entre conto e conto chegan a Monçao onde estaba agardando o autobús para poder cambiar a roupa. Como había tempo a comitiva cruzou a ponte ata Salvaterra. Alí dividíronse, uns foron visitar a fortaleza e outros foron repoñer forzas a outras “fortalezas”.
A partir de aí continúa o programa como estaba previsto. Visita ó santuario do bacalhau no restaurante Miracastro en Castro Laboreiro. Coma todos os anos (ou mellor ca outros anos), fomos dando conta (digo fomos porque a partir de aquí tamén colaborou este cronista) dun bo presunto, un caldo quentiño, o bacalhau con broas coma sempre e un cabrito excelente…sen esquecernos da sobremesa. E a sobremesa inclúe a actuación do afamado grupo Os Soutiños, que fixeron as delicias dos bailaríns asistentes coas súas pezas ben harmonizadas.

Con poucas ganas de saír, xa que se estaba moi ben e fóra nevaba, chegou o momento de coller o autobús para volver a Matamá.


Para ver as fotos clica aquí.

18 mar 2016

Vilaboa Castiñeiras


Antes de comezar esta crónica, o cronista quere agradecer todas as mostras de afecto e ánimos recibidos xa que son fundamentais para a pronta recuperación. Podedes estar seguros que son moi ben recibidos e que fago bo uso deles. Graciñas. Vémonos pronto.

Segundo me contaron esta última ruta que saía das Salinas de Ulló en Vilaboa e pasaba polo lago Castiñeiras para volver a Vilaboa de novo, tratouse dunha andaina con preciosas vistas, chea de natureza fantástica, riqueza etnográfica e algo de equilibrismo. Só podía faltar un día de bo tempo e diso xa se encargou a orjan¡sasión, coma sempre.
A saída foi dende os restos dunhas salinas que datan do século XVII e que foran restauradas a principios do XXI. Esta zona chamábase Ulló ou Ullóo hai tempo por iso se denominan “As Salinas de Ulló” a pesares de que estean ubicadas no barrio de Paredes.
Despois dunha visita minuciosa comezou a subida polos muíños do Río Maior. Río arriba imos atopando unha serie de muíños que, na súa primeira parte están bastante ben conservados, xa na zona alta pódense ver varios muíños dos que só se conservan as paredes. Este trazado que pasa por fermosas paraxes lévanos ata a Área recreativa de Castiñeiras, ben coñecida por todos e todas. Logo de contemplar a paisaxe que se nos ofrece desde o miradoiro de Cotorredondo, vólvese ata o punto de partida baixando polos muíños de Vilaboa.
 Viaxando río abaixo polo Trasmil pásase polos lugares de  A Graña, Cimadevila, Toural…atopando unha chea de muíños con levadas ás veces distintas dos outros con nomes como Muíño da Tella, Muíño do Mestre, Muíño das Freixas…etc. En varios puntos do sendeiro o río forma pequenos saltos de auga que forman fervenzas moi bonitas. Noutros lugares hai que facer un pouco de equilibrismo para non caer pola rebouza e dar cos nosos ósos no río.
No remate esperaban unhas ducias de rosquillas Ancla e uns vasiños de bo viño tinto agasallo do noso amigo Quico, detalle que agradecemos unha vez máis.

E ata aquí esta nova andaina que dá paso á seguinte onde nos desprazaremos un ano máis ó noso Santuario do Bacallau para renderlle o culto que merece.


Para ver as fotos preme aquí.

26 feb 2016

Cortelliño - Pinzás


No Souto do Vello hai unha serie de saídas que non poden faltar todos os anos, e non pola andaina en si senón polo remate. Esta vez tocoulle a un bo cocido no restaurante Florentiña en Pinzás. Se espectacular foi o camiño, non digamos o cocido. Pero imos por partes. Pola mañá gozamos das vistas do miradoiro do Cortelliño desde onde tes unas vistas extraordinarias cara ó Val Miñor, en especial Praia América e Panxón, ademais das illas Cíes e máis alá. Tivemos moita sorte porque o día estaba moi claro e podíase ver todo perfectamente. Aí comezamos a camiñar subindo ó alto da Gabiñeira ou Cortelliño. Unha pequena baixada para continuar cara ó alto do monte Lousado, cunha altura de 614 m. Desde alí  dispuxémonos a subir de novo ata o Alto das Pozas. Estes picos forman parte dos cumes que cobren os  18 Km. de costa granítica única en España, no concello de Oia, entre os que cabe salientar: A Groba (652 m.), A Serra do Angallo (633 m.), O Lousado (610 m.), Alto das Pozas (606 m.), O Corrubedo (596 m.), A Cruz de Pau (530 m.), A Poza dos Corvos (523 m.) e A Pedrécola (528 m.).

Dende o Alto das Pozas comezamos a baixada cara a Pinzás. Xa polo camiño iamos cheirando os aromas da cacheira, do touciño, do polo da casa… e das ricas verzas que nos estaban esperando no restaurante Florentiña e que non defraudaron. Como sempre, despois tocaba sesión cos Soutiños que deron paso á entrega dun agasallo ós membros da organización e achegados, que me din que transmita o seu agradecemento a todos os participantes.


 


Para ver as fotos premer aquí.

27 ene 2016

Greas 4: Confurco Salceda

Aínda que un pouco tarde, aproveitamos esta primeira crónica para desexarvos un feliz e andarín ano 2016 e que se cumpran case todos os vosos desexos (hai que deixar algho para o 2017).

Pois ben, esta primeira saída foi para continuar co percorrido do GR-58 Sendeiro das Greas. Nesta ocasión fixemos o tramo que vai desde o Confurco ata Salceda de Caselas, uns 23 km de nada. Saímos dos muíños de Couso co seu muíño hidráulico, chegamos ó Castelo de Couso ou tamén chamado “O pianista” pola figura que se ve dende a autovía. Continuamos cara a área recreativa Poza do Cabalo. Logo pasamos pola Casa Grande da Picoña, un dos pazos máis antigos de Galicia, construído por Luis Troncoso de Lira en 1603. Neste momento o máis salientable é a desfeita que alí fixeron, aínda que as laranxas debían estar ben boas. Seguimos polo pazo de Aballe, construción barroca do século XVIII sita na parroquia de Santa María de Salceda. Chegamos para xantar na Carballeira de Sabarís, á sombra dun carballo centenario sen follas, disque ten sobre 200 anos
e é un dos exemplares máis antigos de Salceda. Despois de xantar reanudamos a marcha para pasar polo cruceiro da Fonte da Pedra e xa nos metemos no río Caselas (pola beira eh!, porque aínda que estaba bo día non apetecía meterse na auga). Chegamos á Esfarrapada polo sendeiro chamado de Valentín Paz Andrade, precioso sendeiro cheo de muíños. Despois dunha merecida reparación collemos o bus para volver a Vigo. Un bo comezo de ano, aínda que houbo comentarios para todos os gustos. Uns dicían que fora fácil, outras que ideal,… xa sabedes… Poremos toda a ciencia para contentar a todos e todas a próxima vez. Polo que me din os informadores creo que a próxima cheira ben…e ha de saber mellor


Para ver as fotos preme aquí.