O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

19 jun 2013

Fin de tempada: Candán - Vilatuxe




Remata a tempada 2012/13 de andainas do Souto do Vello e puidemos facelo nunha xornada espectacular de primaveraveráninverno. Foi unha fin de semana moi amena para poñer punto e seguido.
O pasado domingo, 16 de xuño recibiunos un sol marabilloso e o retorno do chófer pródigo, o preferido da sección feminina sobre todo, o noso amigo Rubén Darío. A xornada prometía.
Comezamos a camiñar no alto do Candán, onde nos agardaba José Rodríguez e a súa dona Gloria, que foron os ideólogos desta ruta e os construtores da espectacular ponte sobre o río Deza. Con algo de fresquiño fómonos achegando ata o vértice xeodésico do alto do Candán a 1015m de altitude. O Poli estivo un pouco máis alto. De aí, por un pronunciado descenso, chegamos á aldea abandoada de Grovas, fermosa paraxe ao pé dun regato con fermosos prados. Collendo o camiño orixinal da aldea fómonos achegando a Bustelos e de alí cara ao río Ceza, buscando a ponte da que falamos antes. Construída por José e Gloria o día anterior, evitounos un percorrido máis longo por asfalto. Moitas grazas.
Despois, cun suaviño paseo chegamos ao bar “A Robleda” onde nos agardaba unha espectacular churrascada.
No remate a actuación dos Soutiños, onde deu os primeiros pasos un novo tamborileiro. Seguiulle un moi animado baile, o que demostra que a ruta non foi tan dura como dicían as queixas dalgunhas andarinas durante o percorrido.
Así rematou esta tempada demostrando unha vez máis a boa harmonía dos andaríns do Souto do Vello que xa están contando os días que faltan para comezar a nova tempada 2013/14. Feliz verán!

Para ver as fotos fai clic aquí.