O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

24 dic 2021

Felices Festas!!!

 

Os andaríns do "Souto do Vello" deséxanvos unhas Felices Festas... con xeito. Coidádevos e así poderemos ter un Próspero e Natural Aninovo,  para que se poidan ver cumpridos todos os vosos desexos.


Como todos os anos, estamos convocados para baixar os excesos o 25 e mais o primeiro de ano. Ás 10 da mañá no aparcamento fronte ao colexio Josefa Alonso.

14 dic 2021

Ruta polo Miño e As Neves

 Na véspera de Santa Lucía, onde xa comeza a medrar o día, desprazámonos ata Salvaterra para facer unha bonita ruta que decorrerá en gran parte pola beira do Miño.

Comezamos a andar dende o río Mendo acompañados dun pequeno manto de néboa que nos acompañou os primeiros quilómetros. O sendeiro vai entre o Miño e as vías do tren.

Pasamos por algunhas pesqueiras da lamprea, por garitas do control do estraperlo na raia húmida,...e gozamos das primeiras raiolas de sol que pelexaban coa brétema deixándose reflectir nas augas do río.

A antiga liña do ferrocarril foi construída alá polo 1880 e para cubrir as necesidades de morteiro na súa construción precisaban moito cal, polo que construíron un gran forno que aínda se conserva neste lugar.

Pronto chegamos a unha das áreas recreativas que atoparemos, a de Sta. Mariña. A outra, a de San Manuel, está un pouco máis adiante, onde comeza a Ruta dos Frades. Esta ruta percorre o camiño de peregrinaxe da Raíña Isabel de Portugal, que para ir a Santiago, facía parada na Franqueira. Neste camiño atópamos gran variedade de capelas, cruceiros, petos de ánimas, etc.

Xa en Vide, pasamos pola Casa das Augas, onde hai un reloxio de Sol que marcaba as horas de regadío. Chegamos ata o torreiro en San Cibrán de Ribarteme, onde aproveitamos para comer ó soliño. Alí hai un cruceiro que data da segunda metade do século XIX. Na base ten a calivera e un peto. No varal ten a representación do demo en forma de serpe alada enroscada ó fuste, ademais doutras representacións xeométricas. Na cruz representa a imaxe de Cristo e polo outro lado a Virxe María. Moi preto del hai un antigo peto de ánimas.

Continuamos a ruta e cruzamos o río pola ponte de Senra, onde hai un peto do século XIX.

Logo chegamos á igrexa de Santiago de Ribarteme, dende onde comezamos o seu viacrucis para chegar e rematar na impresionante sobreira onde fixemos a foto de familia.


Para ver as fotos fai clic aquí.