O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

1 jul 2015

O Grove 2015



Fin de tempada  pola costa do Grove.  Cambiamos os cumes da Fonsagrada polos areais da península do Grove. Algún día o noso guía ha ter que contarnos como fai ou con quen ten liña directa para pedir o tempo como o que tivemos, pola maña tempo ideal para camiñar e pola tarde tempo ideal para a praia. Seghuro que o Suso ten algo que ver…e non é peloteo.
O certo é que sobre as nove e media comezamos a camiñar dende o porto do Grove, e polo paseo do litoral puxemos rumbo cara ao porto de  Meloxo. De alí seguimos ata Punta Moreira onde se atopa o acuario e mais o museo da salga ao aire libre onde se explica o proceso de salazón do peixe que facían durante os séculos XVIII e XIX. Alí paramos a tomar o bocata tranquilamente. Xa de seguido comezamos o percorrido polas bonitas praias que rodean esta península así como as illas, os illotes,  cons e laxes que están sementadas ao longo delas. Pasamos tamén polos restos arqueolóxicos de Adro Vello, na Praia do Carreiro, onde se atopa unha vila romana con vestixios de salazón de peixe, unha necrópole, a planta dunha igrexa visigótica e restos dunha fortificación da Idade Media. Máis adiante unha zona de adestramento militar chamado A Batería.

Pero á parte da paisaxe tivemos a ledicia de atoparnos  con Mª Jesús e familia que nos estaban esperando na metade do camiño. Logo compartimos con eles un xantar campestre como nos mellores días de romaría. Iso despois das frescas cervexas que nos tiña preparadas a organización.

 E como dixemos ao principio, pola tarde praia, baños de auga e de sol, paseos pola beira, charleta, en fin, bo ambiente para un remate de tempada, e vai unha máis.  
Andaríns, a pasalo ben no verán e non deixedes de adestrar que setembro está aí á volta. Feliz verán para todos e todas e como dicía o meu avó “Facédeme o favor de ser felices”.


Para ver as fotos fai clic aquí.