O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

31 ene 2022

Ruta polos montes e praias de Marín


Rematando o mes de xaneiro fixemos a primeira ruta do ano 2022, ano do vixésimo aniversario do Souto do Vello. Esta ruta polos Montes e Praias de Marín estaba prevista para o pasado 9 de xaneiro pero a situación que se vivía nese momento por mor do COVID obrigounos a adiala á espera de que mellorase a situación. A situación non mellorou moito pero pensamos que sendo rigorosos coas normas poderiamos gozar deste día fantástico.

E así foi. O tempo axudou moito e, a pesar do frío das primeiras horas da mañá, enseguida se impuxo o sol e puidemos camiñar en manga curta no mes de xaneiro.

Nos primeiros quilómetros fomos seguindo o curso do río Loira a contracorrente,  contemplando a fermosura dos recunchos que nos ofrecía. Abeleiras, presas, levadas, muíños,...vanse turnando ó longo do percorrido.

Logo comezamos unha importante subida que nos levou ata o banco da Pastoriza ou ó monte Castelo de Ardán, lugares dende onde contemplamos as espléndidas vistas sobre a ría de Marín coa Illa de Ons case en primeiro plano.

A continuación baixamos con dirección ás praias. Fomos comer na desembocadura do Loira, na praia do mesmo nome.

Logo fixemos a última parte da andaina seguindo as praias de Aguete, dos Namorados, Mogor e Portocelo ata chegar á entrada da Escola Naval Militar, en Marín, onde demos por rematada a xornada despois de 24 km.

Quedamos convocados para o vindeiro 13 de febreiro onde agardamos contar con todos os que non nos puideron acompañar nesta por diversos motivos. 

Para ver as fotos fai clic aquí.

5 ene 2022

Cambio de data

 


Benquerid@s andaríns, dada a situación actual co Covid con baixas por contactos, cuarentenas e demais, cremos necesario adiar a saída que tiñamos previsto facer este domingo.
Queda programada para o vindeiro domingo día 30 ás 8,30 h. agardando que mellore a situación.
Quedades anotados todos os que estabades, se alguén non pode ir, por favor debe comunicalo.
Coidádevos moito.