O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 dic 2020

Saída no Nadal

Unha representación do Souto do Vello, fieis á tradición, fixo unha saída o día de Nadal para "dixerir" os excesos do turrón e aproveitar o bo día que apareceu. Aquí queda a demostración do dito.




Quedades convidados para a saída do día 1.


19 dic 2020

 




Os andaríns do "Souto do Vello" deséxanvos unhas Festas con sentidiño, pensando que, se nos coidamos poderemos gozar dun Próspero e Natural Aninovo,  para que se poidan ver cumpridos todos os vosos desexos.


Como todos os anos, estamos convocados para baixar os excesos o 25 e mais o primeiro de ano. Ás 10 da mañá no aparcamento fronte ao colexio Josefa Alonso.

3 nov 2020


Dada a situación actual de restricións por mor do COVID-19 e cun exercicio de responsabilidade vémonos na obriga de suspender a saída que tiñamos previsto para este domingo en espera de novos tempos que nos permitan realizala con seguridade.
Ata novo aviso agardamos que todo vaia ben para poder seguir practicando o noso deporte favorito.
Saúdos e a coidarse!



 

21 oct 2020

Lebosende - Leiro - Ribadavia

 


O raio do virus este estanos amolando ben. A pasada semana os nosos irmáns portugueses declararon o estado de calamidade polo que nos vimos obrigados a cambiar a ruta prevista polas terras de Sistelo.

A alternativa foi percorrer as terras do Ribeiro. Para iso achegámonos ata Lebosende, onde nos deixou o autobús e collemos camiño cara a bonita localidade de Pazos de Arenteiro. O camiño transcorre entre os espalleres xa liberados dos acios que darán lugar ós exquisitos caldos que nos ofrece esa terra. Tamén pasamos pola aldea abandonada de Viñoá. Aí puidemos comprobar a categoría das casas actualmente derruídas e conquistadas polas frondosas árbores que medran no seu interior, así como os terreos que a arrodean que fan pensar na riqueza doutrora.

Continuamos o sendeiro e chegamos a Pazos de Arenteiro. Despois dunha breve parada para repoñer forzas, cruzamos a vila que conta con sete pazos e unha igrexa románica. Na saída atopamos a ponte do Santo Sepulcro, por onde discorre a tradicional ruta dos arrieiros, comerciantes do viño Ribeiro. Antes de cruzar, seguimos a senda con pasarelas de madeira para admirar o chamado Pozo dos Fumes, cunha pequena fervenza do río Arenteiro.


Xa collemos dirección a Leiro, pasando pola central de Cabanelas.

Xa en Leiro gozamos do bo tempo e da paisaxe que nos ofrece a beira do Avia para tomar os “bocatas”. Logo dun pequeno descanso, retomamos a ruta en dirección a Ribadavia pasando ó pé das pontes de San Clodio, a ponte da Esperela... completando unha ruta que ben podiamos chamala “Das Pontes”, xa que deixamos atrás tamén a ponte da Cruz, a medieval de Arenteiro, a do Santo Sepulcro... normal tratándose dunha ruta que discorre gran parte polos ríos Arentiro e Avia.

É de agradecer o bo comportamento de todos os andaríns con respecto ás medidas anti-virus, só así se poden seguir organizando actividades.

Para ver as fotos fai clic aquí.

24 sept 2020

Lousame (ríos Vilacoba e San Xusto)

 


Con algunha reserva e con todas as medidas de precaución posibles, decidímonos a comezar a 19ª tempada de sendeiros. Non resultou fácil xa que hai diversas opinións ao respecto, pero cremos que é necesario tratar de convivir con estas circunstancias e procurar seguir facendo aquilo que nos gusta, que non é máis que facer deporte ao aire libre e gozar das espectaculares paisaxes que nos ofrece a Nosa Terra.


 Para esta primeira saída, a organización elixiu unha das rutas máis bonitas de Galicia que discorren pola beira dun río. Trátase da ruta polos ríos Vilacoba e San Xusto na localidade de Lousame.

Saímos do centro de Lousame para coller enseguida o sendeiro pola beira do río Vilacoba, camiñando no medio dunha frondosa vexetación típica dos bosques de ribeira, chegamos ata os restos das antigas fábricas de papel que funcionaban empregando trapos como materia prima e aproveitando as augas dos dous ríos.

Polo camiño tamén atopamos muíños, pontes... e outras construcións típicas.

Unha das máis salientables é o antigo mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, preto da localidade de San Xusto. Aproveitamos as beiras das instalacións para repoñer forzas.

Logo da aventura de cruzar o río que leva o nome do lugar, comezamos a baixada acompañándoo e gozando das diversas pozas que hai ó longo do curso. Algún ousado e valente deportista aproveitou para poñerse a remollo nunha delas.



Continuamos río abaixo ata chegar de novo ao lugar de partida.


Antes de rematar queremos aproveitar para enviarlle unha forte aperta á familia da nosa compañeira Isa, a quen botamos de menos, e facerlles saber que sempre levaremos o seu recordo na nosa mochila.

Se as cousas non varían quedamos convocados para o mes de outubro, onde visitaremos as veciñas terras lusas.

Para ver as fotos fai clic aquí.

3 sept 2020

Nova tempada

 


Benqueridos camiñantes do Souto do Vello, esperamos que todos e todas esteades ben e non houbera ningún afectado polo virus.

Case a punto de rematar o verán e co comezo da nova tempada, a organización está traballando na elaboración do calendario de saídas. Todo vai depender de como vaian evolucionando os feitos. En principio temos pensado facer a primeira saída o vindeiro domingo 20 de setembro.

Non está de máis lembrar que se cumprirá coas normas sanitarias recomendadas no momento (máscaras, lavado de mans, distancia,...etc).

Aínda así entendemos as reticencias que poida haber por parte de calquera que non está convencido da conveniencia de efectuar estas saídas. Por iso será necesario que se confirme a asistencia á mesma.

Un saúdo.

6 jul 2020

Ruta pola Serra do Galiñeiro



Cando todo parecía que a tempada xa estaba rematada por culpa deste "molesto bichiño", unha tregua permitiunos facer esta saída para dala por concluída. Coas medidas de seguridade pertinentes saímos do Parque Forestal de Zamáns un grupo de ousados andaríns nunha mañá que prometía valores altos no termómetro. O plan era percorrer parte da Serra do Galiñeiro, que novamente se ve ameazada pola chegada dos eólicos. O primeiro punto de control foi no Coto do Mediodía. Alí cargamos de auga ben fresquiña e continuamos cara a Cova a Becha baixo un sol radiante que nos permitiu contemplar unhas bonitas paisaxes ata máis alá da Ría de Arousa. Pasando polo alto da Botella comezamos a baixar rodeando o Galiñeiro e collemos o sendeiro que nos levaría ata o encoro de Zamáns, paraíso de pescadores que pacentemente agardan que algunha das enormes carpas caian no seu anzol. Bordeando o encoro chegamos ata o conxunto etnográfico dos Muíños de Zamáns formado por cinco muíños rehabilitados, dúas pasarelas de pedra e un lavadoiro. 
Dende aquí, pola estrada, chegamos de novo ó punto de saída.
Moitos dos participantes quedamos a xantar e como remate degustamos as ricas rosquillas Ancla.
E así foi un remate de tempada distinto e un pouco triste, agardando que as cousas melloren e poder facer en setembro aquilo que máis nos gusta.
Pasade un bo verán dentro das posibilidades que nos ofrecen as circunstancias actuais.




Para ver as fotos fai clic aquí

21 jun 2020

Ruta pola Serra do Galiñeiro


Queridos sendeiristas, esperamos que todos e todas superarades a situación que acabamos de pasar e xa que as cousas parece que se van "normalizando" acordamos preparar unha saída para rematar esta tempada.
Tal como indicamos no cartaz, a ruta será pola nosa querida Serra do Galiñeiro. Acudiremos en coches particulares ó parque forestal de Zamáns (onde se fai a Romaría da Virxe dos Aflixidos).
Se alguén non sabe como chegar que chame para darlle información, de todos os xeitos enviarase ubicación por WhatsApp. Algúns coches sairán desde Matamá.

Ó rematar a andaina (sobre as 14 horas) haberá xantar popular para aqueles que queiran. Cada un deberá levar a súa comida. 

Non esquezades a máscara!!

Agardamos que fixerades os "deberes" durante o confinamento para non ter maniotas o luns.

10 abr 2020

Nota informativa

Benquerid@s sendeiristas, agardamos que este maldito virus non entrase nas vosas casas, onde debemos quedar para colaborar na súa derrota.
Dadas as últimas noticias parece que vai ser difícil reanudar as actividades de grupo a medio prazo, polo que non sabemos se poderemos rematar a tempada con algunha saída.
De todos os xeitos non perdemos a ilusión de  poder convocarvos aínda que sexa para rematala.
De momento seguide nas vosas casas, sen esquecernos de facer exercicio para estar
preparad@s en canto as autoridades nos permitan saír.
Estade atent@s e recibide unha forte aperta.

9 mar 2020

Castro Laboreiro 20


Van alá sete anos cando o Souto do Vello foi ata o Santuario da senhora de Numão na freguesía de Castro Laboreiro, para recibir as bendicións do bandoleiro Tomás das Quingostras, antes de render homenaxe no Santuario do Bacalhau. Sete anos despois, no 2020, volvemos ó mesmo lugar para renovar os votos os que xa estiveramos, e para recibilos os que non tiveran a sorte de telos.
A pesar de que o tempo non foi o máis axeitado para poder gozar das bonitas paisaxes graníticas da zona (néboa e choiva durante todo o percorrido), fixemos unha pateada moi gratificante.
Saíndo da aldea de Curveira, pronto comezamos a subida ata o Bico do Patelo,
que puidemos apreciar case xa na cima. Pouco máis adiante adiviñamos a grande Pena de Anamão e continuamos ata o Santuario da Senhora do Numão. Ali, con moita emoción, recibimos as bendicións do noso chamán enviado polo bandoleiro Tomás.
Isto deunos forza (ademais do bocadillo que acabamos de comer) para continuar a marcha polos carreiros-canles polos que baixaba grande cantidade de auga. Pasamos pola localidade de Calnheiras e cruzando a ponte de Varziela collemos o tramo final ata o centro de Castro Laboreiro.
Despois de cambiar a roupa un pouco mollada pasamos ó comedor do Restaurante Miracastro, o noso segundo santuario do día, para cumprir co rito anual.
Dáse a casualidade que con este son 15 anos que levamos vindo a degustar as ricas viandas que nos ofrecen, polo que acordamos facerlle unha homenaxe de agradecemento, tanto a Fernando como a Rosa, patrón e cociñeira do Miracastro, coa entrega dunha foto do grupo e mais un ramo de flores. Unha homenaxe máis que merecida polo trato recibido durante estes 15 anos.

Tamén aproveitamos a reunión para agasallar a algunhas persoas polos esforzos en preparar as rutas das que despois podemos gozar, en especial a José Bacelos. Así como a Kico, de Confitería Ancla e ó grupo de músicos “Os Soutiños” que nos fan gozar nas sobremesas.
En nome de todos os agasallados quero enviar as máis expresivas grazas a todas as persoas que forman o marabilloso grupo de andaríns do Souto do Vello.

E, como non, para rematar a festa, non podía faltar a actuación dos Soutiños acompañados do grupo de baile espontáneo, e acabar así unha preciosa xornada, non no climatolóxico, pero si no de relacións persoais.

Para ver as fotos fai clic aquí.

21 feb 2020

Caldas Barosa


A organización do Souto do Vello pensou que, despois das últimas chuvias caídas na Nosa Terra, debía levarnos a algunha das preciosas fervenzas que temos nos arredores. Así que collemos o autobús para dirixirnos á veciña Caldas de Reis e facer o percorrido polos ríos Umia e Barosa.
Dende o centro da vila comezamos río arriba pola marxe esquerda contemplado a paisaxe pero sen descoidarnos porque o chan estaba bastante esvaradío.  Chegamos ó primeiro gran espectáculo do día, que é a fervenza de Segade. Aí xa puidemos comprobar que efectivamente viña grande cantidade de auga.
Neste lugar tamén se atopan os restos dunha antiga fábrica de luz, que data do ano 1900 e que serviu para iluminar toda a comarca durante 20 anos.
Seguimos por un sendeiro ata a ponte de Segade. Unha ponte romana reconstruída no século XVIII. Baixando por unhas escaleiras ó pé da ponte pódese ver outro pequeno salto de auga.
Cruzamos a ponte e o camiño vai pasando por distintas aldeas, bosques diversos e ata contemplamos o encoro do río Umia. Así, pouco a pouco e respectándonos a chuvia, fomos chegando ata o río Barosa.  Collemos o sendeiro tamén pola marxe esquerda ata chegar á zona dos muíños e fervenza, coñecido como “Parque da Natureza do Río Barosa”, lugar de visita obrigada para todos os que fan o Camiño Portugués.
Despois do refrixerio, que algúns tomaron acompañados dunhas raioliñas de tímido sol, emprendemos a volta ó punto de inicio polo sendeiro dos peregrinos.
Chegando a Caldas non perdemos a ocasión para lavarnos na Fonte da Burga e coñecer a ponte de Bermaña.
Unha vez rematado o percorrido houbo tempo para unha cervexiña antes de volver a Vigo.

Quedamos convocados para a próxima, que terá novamente a obrigada visita ó noso Santuario do Bacallao.


Para ver as fotos fai clic aquí. 

15 ene 2020

Sendeiro das Greas (Puxeiros - Redondela)




Era alá polo 11 de xaneiro do 2015 cando comezabamos un proxecto que consistía en percorrer o Sendeiro das Greas saíndo de Soutomaior para chegar a Baiona e volta ó punto de partida. Pois cinco anos e un día despois quedamos para percorrer  a penúltima etapa dende Peinador ata Redondela. Trátase dunha etapa moi interesante porque imos pasar por unha das necrópoles máis importante de Galicia da época do Neolítico onde se atopan nada  menos que unhas 60 mámoas, 7 zonas catalogadas con peróglifos e un castro, trátase do monte Penide ou monte Mirallo.
Iniciamos esta xeira en Puxeiros, na rotonda dos bois, para acceder ó parque forestal de Becerreira, onde se celebra a Romaría do Pan de Millo. Seguindo o camiño pasamos polo Ifevi e polo Aeroporto de Peinador para cruzar o campo de golf. Aí puidemos contemplar a lagoa de Mol e os seus regatos que son o nacemento do noso querido e maltratado río Lagares. Ó saír do campo de golf comezamos unha pequena subidiña ata o parque forestal do Bandeira no Carballal e con outra subida chegamos ata o Vixiador. Protexidos polas raioliñas de sol tomamos as 11. Continuamos a marcha cara a Mámoa do Rei, monte Penide, merendeiro e miradoiro da Poza da Lagoa cos seus petróglifos para baixar ata o miradoiro da banco de Cedeira. Aí, e grazas o bo tempo, puidemos contemplar a beleza da nosa ría, dende as Cíes ata Arcade, coa regalía da ponte de Rande e a illa de San Simón entre outras.




Volvemos á Senda das Greas para coller cara ó Castro de Negros onde xantamos e escoitamos as bonitas lendas da moura-serpe, ademais de buscar as camas da Moura (esnaquizada cando colocaron a torres de alta tensión) e a cama dos Nenos. O que non atopamos foi o río subterráneo que disque chega ata a illa de San Simón.
Dende o castro baixamos ata a estrada que vai de Redondela a Porriño para rematar a etapa de hoxe e que será o punto de partida para a última que nos levará a Soutomaior e pechar así o sendeiro das Greas.

Para ver máis fotos fai clic aquí.