O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 may 2012

Ruta da AQA e dos Carranos

A penúltima ruta deste 10º aniversario do Souto do Vello levounos ata o concello de Covelo para realizar uns tramos incluídos dentro da Rede Natura 2000, que son espazos naturais con gran valor ecolóxico creados pola Unión Europea para a súa conservación.
Comezamos na praia fluvial de Maceira para camiñar a carón do río Tea e gozar da paisaxe que nos ofrece, tanto natural como patrimonial, pontes, muíños, presas, fontes… A ruta tamén nos leva por varios núcleos de vivendas como Redondo e Barciademera onde visitamos o conxunto Abacial de San Martiño coa súa igrexa e a casa rectoral de estilo barroco na que chama a atención a súa espléndida fachada na que destacan unhas figuras precolombinas.
Baixamos cara ao río Tea, que atravesamos polos pasos de Lourido e, xa na outra beira, ascendemos por unha corredoira ata a aldea de Lourido, onde vemos a ermida da Nosa Señora da Escravitude. Continuamos atravesando carballeiras e soutos ata chegar de novo á praia de Maceira onde paramos a xantar.
Pola tarde fixemos o tramo dos Carranos. Comeza dende a reitoral de Fofe desde onde se contempla un precioso val. A partir de aí baixamos e camiñamos atravesando bosques caducifolios e acompañamos sempre a un río cunhas augas cristalinas que animaban a probalas. Na metade do camiño atópase un antigo aserradoiro (data do ano 1922) moi ben restaurado. Despois de asistir a unha demostración do seu funcionamento, continuamos camiño volvendo de novo ó punto de partida.
Antes de subir ó autobús puidemos degustar unhas riquísimas rosquillas da confitería Ancla.

13 may 2012

O Souto do Vello pola protección do Galiñeiro

Unha boa representación dos andaríns do Souto do Vello asistiron á III andaina pola protección da serra do Galiñeiro. 

Deste xeito sumámonos a toda a xente que se deu cita na Pasaxe, en Vincios, para comezar unha ruta moi bonita remontando o río Zamáns, visitando o muíño de maquía coa fermosa abeleda que o rodea, pasando polo encoro de Zamáns, subindo logo polo río de Vilaza rodeando a canteira e chegando á Fervenza, seguindo logo cara o parque forestal de Vincios onde rematou a andaina. Despois dun agradable refrixerio asistimos á lectura do manifesto a cargo do escritor Manuel Rivas, actuación do cantautor Tino Vaz, recital de poemas, cantareiras e Leo e Arremecaghona...



2 may 2012

Domingo 13 de maio: III Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro



A orghanisasión do Souto do Vello anima a todos e a todas a participar na III Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro. Nesta ocasión terá un novo percorrido chamado a Ruta da Auga. Ao final do percorrido haberá xantar popular, lectura do manifesto a cargo do escritor Manuel Rivas, lectura de poemas e actuacións musicais.


 Para máis información pinchar aquí.