O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

22 dic 2013

O Souto do Vello desexa Boas Festas

A organización do Souto do Vello berra, dende os cumes galegos polos que andamos, os bos desexos para que cheguen a todos os que pasades por aquí, e para os que non pasan mandádelles recado, por favor.

19 dic 2013

San Xurxo de Sacos - Sebil



Carballeira de San Xusto,
carballeira derramada, 
naquela carballeiriña 
perdín a miña navalla”… 
Non creo que os andaríns do Souto do Vello perderan a navalla o domingo pero si que estiveron nesta preciosa carballeira.
Carballeira de San Xusto
moitos arrodeos ten,
se non fora polos Santos
alá non ía ninguén.
Nós non fomos polos santos, pero si fomos pola beleza das súas paisaxes e como nos dicía  o amigo Telmo, que non nos puido acompañar: “un dos lugares con máis historia de Galicia: Campolameiro, a catedral da arte rupestre!! Impresionantes petróglifos de cervos, esceas de caza e outras representacións simbólicas vos esperan...”
Aí foi o punto de partida da saída do domingo 15 de decembro, última deste ano 13. Na parroquia de San Xurxo de Sacos, no concello de Cotobade, ademais da carballeira hai algúns pazos como o dos Bermúdez. Despois da foto na carballeira baixamos ata o río Lérez onde están os baños e fonte de San Xusto cunha auga recomendable para a pel e problemas dixestivos. Logo pasamos por Fentáns, unha aldeíña en costa onde debe amolar bastante esquecer o legón na casa cando vas á leira e ter que volver a buscalo. Seguindo ruta  pasamos polo medio e medio do parque arqueolóxico da arte rupestre Campo Lameiro. Alí puidemos contemplar parte das súas cerca de 100 rochas con gravados rupestres con motivos e temáticas características dos petróglifos de Galicia ciscadas por entre os bosques de carballos e piñeiros. Pasamos por Muimenta e Cequeril e despois de comer, nun saltiño puxémonos en Sebil, onde nos esperaba o autobús. Alí puidemos hidratarnos tal e como nos dixera o noso guía lendo unha noticia do xornal que recomendaban unha cervexa despois de camiñar para non ter problemas musculares.
A xornada foi moi bonita e tranquila, e iso que faltaba algunha xente importante...ou foi grazas a iso? Non sei. Esperamos contar con todos eles na próxima, que xa será o vindeiro ano. Felices e naturais festas para todas e todos  e vémonos no 14. Unha aperta desde O Souto do Vello.

 

Preme na foto para ver máis.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5959180571703748561

20 nov 2013

Santuario da Franqueira - Pena de Francia


Os andaríns e as andarinas do Souto do Vello vanse facer especialistas en dúas cousas, en santuarios e en ríos. É certo, o mesmo van ó santuario do Bacallao como ó da Franqueira, tanto van ó pé do río Eume como dunha sentada pasean polo río Calvo, o Deva e o Oulo, tres nun. Esta foi a última marabilla que nos preparou a organización coa axuda de José Carlos, o fillo de Carlos e Marité, ó que lle damos as grazas. Saímos do santuario da Franqueira para chegar ó santuario de Pena de Francia.  Partindo da Franqueira empezamos a subir cara ó Coto da Vella, viacrucis incluído. Dende o alto dominas unha paisaxe incrible. De alí xa fomos baixando pasando polo nacemento do río Calvo que nos levaría polas vizosas fragas deste río e mais do Deva. Incorporámonos á ruta que chaman “As Fragas e Levadas do Calvo e Deva”. Segundo di no cartel “Un lugar máxico onde o tempo se detén e a vida flúe con toda a súa enerxía...” Polo camiño vas vendo exemplares únicos de castiñeiros e carballos, sen esquecernos máis adiante do espectacular sobreiral. Pero ademais a ruta está inzada de elementos arquitectónicos moi valiosos como petos de ánimas, cruceiros, muíños, camiños reais, pazos como o de Cervellón, igrexas … Os sendeiros que van pola beira destes ríos, nesta época do ano están espectaculares. Hai zonas nas que gustaría perderse e que te levan a outras épocas. Hai que destacar o ben preparados que están estes andaríns, xa que tiveron que atravesar unha e outra vez o río e non houbo unha soa caída (na auga) e iso que estaban as cámaras preparadas para inmortalizar o momento (hainos ruíns…). Cando chegamos ó santuario de Pena de Francia agardaban por nós unhas exquisitas rosquillas da confitería Ancla de Ponteareas regadas cun bo viño tinto, que debemos agradecer ó amigo Kico. Non queremos deixar pasar a ocasión sen darlle a benvida ó novo sendeirista, Xián, neto de Carlos e Marité, que nos asegura a continuidade do grupo. Unha vez máis a organización, e axudantes, acertaron coa elección desta ruta. Moitas grazas a todos e todas.


Para ver máis fotos clica enriba desta.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5948463960946621361?authkey=CMqF_b-AwrXL4gE


2 nov 2013

Fin de semana nas Fragas do Eume




Xa tocaba a primeira saída de fin de semana da tempada. A organización elixiu o Parque Naturaldas Fragas do Eume, nada máis nin nada menos. Empezou todo con bo pé: chófer preferido, autobús novo, tempo fabuloso…isto presaxiaba unha espectacular fin de semana. E non nos equivocamos, lástima os que o perderon.
Saímos de Matamá o sábado ben cediño poñendo rumbao cara ao concello das Pontes de García Rodríguez. Á altura do pavillón de deportes comezamos  a ruta das altas fragas do Eume, percorrendo o encoro de Ribeira e montes e fragas de Lostegal. Preciosa ruta que debemos agradecer aos amigos do Club Caxado das Pontes o traballo que pasaron para que os demais poidamos gozar desta marabilla. Trátase dunha ruta de auténtico sendeirismo onde podes gozar da diversidade de paraxes, desde bosques atlánticos ata a flora que acompaña as ribeiras do río Eume. As sendeiristas do Souto do Vello demostraron que están en plena forma e superaron de sobra as dificultades que atoparon durante o traxecto. Algunhas aínda se permitían facr acrobacias.

 Pódese ver nas fotos, pero a verdade é que hai que vivilo para poder comprobar a grandiosidade dunhas fragas consideradas como as mellor consevadas de toda a franxa atlántica europea. Non fai falta ir moi lonxe para trasladarnos a outras épocas e vivir a tranquilidade, o sosego e a virxinidade da natureza.
Para rematar esta primeira xornada tivemos cea e aloxamento no hotel Eumesa de Pontedeume onde fomos tratados estupendamente.
Despois da cea houbo sesión de karaoke onde a maioría demostrou as súas dotes de “cantantes”. Como cambiaba a hora non había présa por ir a durmir.
Ao día seguinte, domingo, comezamos a xornada facendo unha visita ao interesante mosteiro deMonfero. Logo comezamos a ruta do Medievo que nos levaría ao corazón das fragas do Eume e ao seu impresionante mosteiro de Caaveiro. Logo de xantar seguimos a ruta ao pé do río e baixo un manto de vexetación autóctona para chegar, despois de cruzar a ponte prohibida,  ao centro de interpretación do parque onde demos por finalizada a fin de semana.
Os andaríns e andarinas do Souto do Vello non tiñan palabras para agradecer a boa organización e o resultado dos dous días de convivencia e camiñadas. Moitas grazas!!
Para ver as fotos fai clic na sendeirista.
https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5941745189520802225

4 oct 2013

3 oct 2013

1ª andaina 13/14 - Allariz





A organización foi xenerosa cos do Souto do Vello e elixiu para esta primeira andaina da tempada una preciosa e suave camiñada á beira do río Arnoia polas preciosas terras de Allariz. Non se pode pedir máis, bo tempo, paisaxes bonitas, camiños espectaculares, bosques diversos… isto permitiu camiñar con gusto, relaxadamente, contando as aventuras do verán, algunha que outra “batallita” e algún conto simpático. Tamén houbo tempo para a polémica por culpa duns monecos que seica apareceron polo blog, e que deron moito que falar. Sempre é bo intercambiar opinións. Pasamos por algunhas localidades como Portela, San Martiño, Penamá, San Salvador, onde está a granxa de burros co seu parque de atraccións moi colorido… Fixemos o xantar ao pé das ruínas dun vello castelo e chegamos á vila de Allariz a una boa hora. Iso permitiunos visitar as ruelas do casco histórico, un dos conxuntos urbanos máis interesantes de Galicia, o cal mereceu, en 1971, a declaración de Conxunto Histórico Artístico. Continuamos polo paseo da alameda e algúns puideron visitar a exposición de xardíns. Unha primeira andaina que nos deixou un bo sabor de boca e con ganas de que chegue a seguinte que vai ser espectacular. Atentos!



Fai clic na foto para ver máis.







27 ago 2013

Preparados, listos...

Parece que aínda foi onte cando estabamos a botar un baile no bar "Robleda" e xa pasou o verán. Estamos preparados e preparadas para unha nova tempada? A orghanisasión vai facer un  exame para ver como volve cada un e cada unha. Menos mal que a primeira saída está  programada para o 29 de setembro, así que case temos un mes máis para adestrar. Pronto publicaremos a información desta saída coa que daremos comezo á tempada 2013/14, que parece ser que vai ser de aúpa. Atentos e atentas! Para o mes de outubro están preparando a primeira de fin de semana, alá polo 26-27. Tomade nota. A seguir gozando da praia mentres haxa bo tempo que isto logho se acaba. Saúdos da orghanisasión.
 Download Trekking (111Wx141H)                                                                            

6 ago 2013

Día de praia no Chazo


 Como estaba previsto e anunciado na última saída, a organización convocounos para pasar un día de praia e de paso darlles unha sorpresa ao club das "adolescentes" Mercedes, Victoria e compañía. Así foi como os que puidemos nos presentamos o pasado día 14 de xullo no Chazo, en Boiro. Acompañamos aos Soutiños nun pasarrúas que nos levou ata a porta do Chaciño, onde nos recibiron unhas sorprendidas mozas que foron agasalladas cun bonito ramo de flores. A cambio nós puidemos degustar as riquísimas empanadillas, que en principio non estaban destinadas para nós. O día estivo estupendo e aproveitamos a praia, baños, paseos, charla... Logo xantamos todos xuntos, primeiro unha exquisita mexilloada e logo compartimos as viandas que cada un levou. Sobremesas variadas, caldos de autor...Despois de xantar os coros fixeron un repaso ao repertorio nacional e mesmo internacional. E como non podía ser doutra maneira, os Soutiños amenizáronnos cunha sesión licor-café que foi seguida por gran cantidade de bos bailaríns.

 Non lle perdoamos un baño pola tarde e mesmo asistimos a un gran repertorio de chistes e contos do amifo Manolo "O jabalí".
Xa ben avanzada a tarde despedímonos das nosas amigas Mercedes, Victoria e Maruja que nos agradeceron moito a xornada festiva coa que non contaban.
Nós tamén lle agradecemos especialmente a Mercedes pola acollida que sempre nos prestou aos do Souto do Vello e agardamos repetir esta visita.






19 jun 2013

Fin de tempada: Candán - Vilatuxe




Remata a tempada 2012/13 de andainas do Souto do Vello e puidemos facelo nunha xornada espectacular de primaveraveráninverno. Foi unha fin de semana moi amena para poñer punto e seguido.
O pasado domingo, 16 de xuño recibiunos un sol marabilloso e o retorno do chófer pródigo, o preferido da sección feminina sobre todo, o noso amigo Rubén Darío. A xornada prometía.
Comezamos a camiñar no alto do Candán, onde nos agardaba José Rodríguez e a súa dona Gloria, que foron os ideólogos desta ruta e os construtores da espectacular ponte sobre o río Deza. Con algo de fresquiño fómonos achegando ata o vértice xeodésico do alto do Candán a 1015m de altitude. O Poli estivo un pouco máis alto. De aí, por un pronunciado descenso, chegamos á aldea abandoada de Grovas, fermosa paraxe ao pé dun regato con fermosos prados. Collendo o camiño orixinal da aldea fómonos achegando a Bustelos e de alí cara ao río Ceza, buscando a ponte da que falamos antes. Construída por José e Gloria o día anterior, evitounos un percorrido máis longo por asfalto. Moitas grazas.
Despois, cun suaviño paseo chegamos ao bar “A Robleda” onde nos agardaba unha espectacular churrascada.
No remate a actuación dos Soutiños, onde deu os primeiros pasos un novo tamborileiro. Seguiulle un moi animado baile, o que demostra que a ruta non foi tan dura como dicían as queixas dalgunhas andarinas durante o percorrido.
Así rematou esta tempada demostrando unha vez máis a boa harmonía dos andaríns do Souto do Vello que xa están contando os días que faltan para comezar a nova tempada 2013/14. Feliz verán!

Para ver as fotos fai clic aquí.

31 may 2013

Peneda - Gerês (Pena de Anaman)



Eu hei de subir ó ceo
por unha cinta de la;
teño de levar comigo
á Señora de Anamán.
Aló polas terras do Xurés érguese unha das máis fermosas pedras cunha fenda polo medio da que saíron sete irmás que se converteron en virxes e residen agora naquela comarca, repartidas da seguinte maneira:
Na provinccia de Ourense quedaron catro: unha é a do Viso, en Lobeira; outra está no Xurés, en Lobios; a outra na Sobreira, Ferreiros de Entrimo (este lugar tamén se ten como berce das sete irmás) e a cuarta é a da Carballeira, en Queguas de Entrimo. 
As tres que se foron a terras portuguesas son a de Boavista en Asiera, a Virxe da Peneda e a de Anamán, onde a Santa Ana ten unha capela adicada.


Este foi o destino que levou aos andaríns do Souto do Vello o pasado domingo, 26 de maio, para cumprir con dous mandados. Un era o de celebrar a ordenación dos cabaleiros (e señoras) sendeiristas e outra a de cumprir co preceuto de todos os anos, que non é outro que acudir ao santuario do bacallao en Castro Laboreiro.
Xa de camiño no autobús, o noso guía-predicador nos foi ilustrando sobre a historia que se deu por estas terras do famoso bandoleiro Tomás das Congostras, que dicía aquilo de “O pobre non ten e o rico non dá,  quen queira sentar praza veña á Pena de Anamán,  sete pesos de entrada e un trabuco na man”.  
Alá fomos nós a sentar praza tamén. Comezamos a andar preto de Castro Laboreiro, á altura da ponte das Calnheiras, por unha pista boa que nos levou ata a mesma base da pena de Anaman, impoñente ela coa sua fenda que semella feita por un mal lóstrego unha noite de treboada. Seguimos baixando ata chegar ao santuario de Santa Ana. Alí tivo lugar o pirmeiro dos cometidos que nos levou a esas terras. O predicador subiu ao púlpito e cos seus fieis entregados procedeu á ordenación “dos cabaleiros (e señoras) sendeiristas da pena de Anamán da real orde de Tomás das Congostras”. Aí queda! 

A partir dese momento, ou tamén porque tomamos o bocata, empezamos a subir con máis alegría por un sendeiro entre xestas, toxos, uces e carqueixas floridas. Camiñamos pola fronteira, un pouco aquí e outro pouco alá. Dende ese lugar pódese apreciar unha paisaxe fermosa inzada de rochas graníticas, ou “pedras con formas”, onde cada un ve o que quere. As aguias convértense en xigantes, as tartarugas en lindos golfiños...
Pouco a pouco fomos chegando á ponte de Barziela, despois de atravesar a presa e varias localidades, sen máis interese que o pracer de camiñar en busca do noso destino. Collemos o autobús que nos levou ata Castro Laboreiro para cumprir co segundo dos mandados, que consiste en dar conta dun suculento bacallao con broas. Como todos os anos o amigo Fernando e familia atendéronnos coa amabilidade e fartura que os carateriza. De sobremesa non podían faltar as afamadas “tetas” castrexas, que para uns estaban duras e para outros no seu punto (todo depende dos gustos de cadaquén).
Despois do xantar, festa. Este anos os Soutiños contaron coa inestimable colaboración dun espontáneo acordeonista que fixo máis completo o grupo.
Rematada a festa, con moita ledicia, volvemos cara a Vigo coa promesa de volver outro ano ao santuario que tanta gloria e contento nos dá.
Pica na foto para ver máis.



15 may 2013

A Xestosa (Covelo) - Quins (Melón)







O domingo, día 12 de maio, tocounos repetir a andaina que tentaramos facer e non puidemos completar por culpa da chuvia. Desta vez a organización portouse ben e pediunos un día espléndido de primavera. Así, pouco máis das nove e media da mañá xa estabamos en Prado (O Covelo) preparados para subir ata a ermida da Virxe da Xestosa. Coincidiu que estaban celebrando a romaría que eles chaman de “inverno”. Estaba o torreiro cheo de postos de rosquilla, polbo, pan… pero aínda era un pouco cedo que se non… O mestre Antonio aproveitou para explicarnos as bondades da auga que nace no sepulcro que hai na pedra. Saímos do recinto e continuamos subindo polo monte Faro atravesando polo medio dun gran grupo de muíños como os que queren poñer no Galiñeiro e que nós non queremos que os poñan. No alto parada e foto de grupo. Dende alí comezamos a baixar ata que chegamos ao curro onde tomamos o bocata. Seguimos ata Vivenzo, unha aldeína de Melón, na provincia de Ourense. Neste lugar hai unha eira que aínda conserva algún dos moitos “cabaceiros” da zona, a maioría conserva a pedra da base. De aí continuamos ruta atravesando a carballeira de Tourón onde alguén  picou as pernas cos toxos e que lle serviu para andar máis lixeira. Xa collemos sendeiro cara ás fervenzas do Tourón onde gozamos  da paleta de cores que nos ofrecía a vexetación, tal e como podemos apreciar nas fotos. 

Seguimos pola pasarela ata chegar ao comezo das pozas de Melón. Baixamos ata a parte baixa one descansamos un pouco, xantamos e ata algún valente (ou destemido) se atreveu a bañarse. Despois do descanso atravesamos a N-120 para coller camiño polo canón do río Cerves ata chegar á eira dos hórreos de Quins, onde estaba a fin da etapa. Alí nos recibiu Margarita, a nai de Antonio, na súa casa, cunhas exquisitas viandas: chourizo de Quins e queixo de Arzúa, regados con bo viño tinto de Arbo e branco do Ribeiro; e de sobremesa rosquillas Ancla de Ponteareas. Xa vedes que consumimos produtos da terra. A orghanisasión quere agradecer a acollida e os agasallos. A media tarde volta para casa e xa pensando na próxima, que non é nin máis nin menos que a visita ao santuario do bacallao (San Bacallao de Laboreiro).

Fai clic na foto para ver máis

11 may 2013

ANDAINA MUSICAL

Os amigos da peña Freixo invítannos a participar na andaina musical en lembranza de Juan. 





21 abr 2013

O Souto do Vello na defensa do Galiñeiro

Como non podía ser doutra maneira, o Souto do Vello fíxose notar na IV andaina pola defensa do monte Galiñeiro. A pesar da cantidade de xente que acudiu á chamada da Plataforma, as camisetas do Souto do Vello deixaban a nota de cor entre a multitude. A "organización" pode sentirse orgullosa dos seus andaríns. Non obstante botamos en falta algúns dos máis significados andaríns, que por enfermidade ou outras causas máis que xustificadas non puideron asistir. Iso si, se queren saber máis detalles, diante dunha cervexa ben fresquiña podemos contárllelos.
Hai que felicitar aos responsables da xornada xa que a organización foi perfecta e o traballo dos voluntarios marabilloso, digno de agradecer. Ata contaron cun tempo espléndido que permitiu gozar dunhas vistas incribles. Dende aquí os nosos parabéns.
Se acaso, poñer unha chata pola falta dos potes do polbo á chegada o que fixo que moitos confiados tiveran que buscar as viandas por outros lares.
Isto non desmereceu a xornada reivindicativa e lúdica na sobremesa, xa que puidemos gozar dalgunhas actuacións que foron moi seguidas e aplaudidas polos asistentes.
No remate algúns afortunados deron conta duns riquísimos doces caseiros (agasallo de Loli e Marité) regados co bo viño de García.
Ata a próxima, non hai que parar ata paralos.

15 abr 2013

IV andaina pola protección da serra do Galiñeiro

O vindeiro 21 de abril terá lugar a IV andaina pola protección da serra do Galiñeiro. O Souto do Vello ten que estar alí.
 Información tirada do blog http://serragalinheiro.wordpress.com/
Saida: Parque forestal de Zamáns as 10:30 h.
Chegada: Parque forestal de Zamáns as 14:00 h.

Zona de aparcamento: Parque forestal de Zamáns.
 O percorrido pasa polos sitios onde se ubicarán alomenos 6 xeradores eólicos e pola área onde se prevé realizar as catas de prospeccións mineiras de terras raras.
A RUTA: Cun percorrido de 10 km. (3 e media / 4 horas) disfrutaremos das terras de Zamáns e Herville.
Ao remate, lectura do manifesto, poesía e música:
  • Rexina Vega, Paco Barreiro, Manolo Pipas, Leo i arremecághona e Os Carunchos.
  • E para os pequenos: O Mago Marco.
E tamén:
  • Faremos un xantar popular coa comida que traia cada un.
  • Tamén haberá bocatas, empanadas e viandas variadas para quen queira comprar alí.
Esperámosvos !!!

26 mar 2013

Praia de Eiras - Muíños do Folón e Picón




A orghanisasión do Souto do Vello programounos para este mes de marzo, con moi bo criterio, unha saída para gozar da auga. E que mellor momento que visitar os muíños do Folón e do Picón despois da auga que leva caído. Así estaban de espectaculares as fervenzas, as levadas e regatos que por aí pasan.
Saímos o domingo 24 de marzo ás 8:30 de Matamá en dirección á praia de Eiras no concello do Rosal. As predicións meteorolóxicas presaxiaban un día negro e chuvioso, pero o microclima desta zona permitiunos gozar dun día marabilloso, con algunha chuvieira que veu para xustificar que levabamos chuvasqueiro.
Comezamos a andaina na fermosa praia fluvial de Eiras percorrendo parte do extenso piñeiral que acompaña este tramo final do pai Miño. Enseguida collemos o esteiro do Tamuxe e río arriba chegamos ao Rosal. Cruzamos a vila,  a aldea de Fornelos e tiramos cara o Picón buscando o inicio dos muíñosdo Folón. Espectaculares!
Ascendemos ata a ermida de San Martiño onde fixemos parada para o xantar.
De volta buscamos o río Cal para descender pola súa beira. Alí atopamos ao amigo Nacho que resultou ser o restaurador dun par de muíños que hai nesa zona. Moi amablemente se brindou para amosarnos o seu traballo e visitamos os dous muíños que está preparando con moito mimo. Unha boa opción para unha fin de semana de relax.
Seguimos camiño ata atoparnos coa ponte pola que había que cruzar o río, pero o río pasaba por riba dela, así que tivemos que buscar o xeito de vadear. Os nosos exploradores atoparon ben por onde facelo, pero algúns quixeron ir á aventura e houbo quen probou a temperatura da auga. Sen maiores contratempos chegamos ata os muíños do Picón e fomos baixando pouco a pouco ata chegar ao bar “Camiño do Folón” onde nos esperaba un merecido reconstituínte. Ali collemos o autobús que nos trouxo a Vigo despois de deixar en Eiras aos amigos de Ponteareas que nos acompañaron unha vez máis.

A próxima saída será a convocatoria da Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, domingo 21 de abril: IV Andaina pola protección da serra do Galiñeiro, da que teredes máis información.

Se queredes ver as fotos premede aquí.

8 mar 2013

21 feb 2013

Senda da Fraga do Barragán


A crónica desta 2ª andaina do ano 13 queremos adicarlla a Carmiña e mais a Manolo, esas persoas que sempre participan nos comentarios das outras andainas e que fan que este blog se manteña vivo, xa que se non houbese comentarios non serviría para nada; a ver se se anima o resto da xente e particpa coas súas opinións. Antes de nada, a organización quere agradecer ás Comunidades de Montes que se puxeron de acordo pàra recuperar estes camiños e preparar esta ruta tan bonita. É un claro exemplo de que cando se quere e se traballa en equipo os resultados sempre son satisfactorios. Moito teñen que aprender os nosos políticos!! Non nos imos para a relatar o percorrido, xa que eles teñen unha páxina moi interesante onde se pode “ver” todo o percorrido do que eles chaman a Senda da Fraga do Barragán (http://www.sendadobarragan.com/). Nós saímos ás 7,30 de Matamá (algúns queixábanse de que era moi cedo e logo comprobaron que o horario estaba perfectamente medido, un aplauso para a orghanisasión) e chegamos ao torreiro de Xunqueiras, onde comezamos e rematamos a andaina. A pesar da pouca chuvia que ía caendo, puidemos gozar dunha senda preciosa nesta época do ano e que seguro que noutras épocas tamén ten o seu encanto. O río forma un precioso val cunha flora extraordinaria, pero tamén é de salientar os restos históricos, construcións artesanais, muíños…O Monte da Cidade, co seu acueduto e as ruínas do pobo antigo ( aproximadamente data do século XVIII). Todo este conxunto fai máis que recomendable o paseo dos aproximadamente 18 km ata chegar de novo a Xunqueiras. Despois de alimentar os sentidos, tocaba alimentar o corpo. Trasladámonos ata Ribadetea, onde nos esperaba un suculento cocido preparado polos membros da directiva da Asociación de Veciños desta parroquia de Ponteareas. Foi un auténtico pracer saborear, non só as carnes senón as verzas, as patacas e o viño, moi bo. E cando está servido con cariño e dedicación como neste caso todo sabe mellor. A continuación a sesión de baile amenizada polo formidable grupo “Os Soutiños” acompañados polo Çe e mais Judith. Mais tarde converteríanse nun coro de cánticos populares cos que rematou a xornada. A organización transmíteme o seu interese en que quede aquí rexistrado o agradecemento a cociñeiras, cociñeiros e camareiros no nome dos 85 comensais (non todos foron a andar eh?) polo trato cariñoso e a calidade do xantar. Ata a próxima.

Se queres ver as fotos preme aquí