O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

31 oct 2018

Camiño do mar (II): Xove - Viveiro


Alá polo mes de maio trasladámonos ata Ribadeo para comezar o Camiño do Norte ou Camiño da Costa coa intención de continuar co noso obxectivo de percorrer a costa galega. Despois de realizar as dúas primeiras etapas, esta fin de semana demos conta das dúas seguintes, dende o concello de Cervo ata o de Vicedo. A organización tivo problemas de comunicación co encargado do tempo e tocounos unha fin de semana propia de outono-inverno onde tivemos de todo: sol, chuvia, vento, sarabia, tronos... así que non nos podemos queixar.

Despois da longa viaxe en autobús chegamos a San Cibrao, concello de Cervo. Tomamos un cafeliño para entrar en calor e comezamos a andar no portiño de Morás. Como dixemos antes pasamos por todas as situacións climatolóxicas, e cando nos tocou sol puidemos gozar coas paisaxes típicas da zona. Rematamos na praia do Esteiro onde nos agardaba o autobús para levarnos ata Burela, ó hotel Nordés, onde quedamos aloxados. Por certo un hotel recomendable, boas instalacións e trato moi amable. Alí degustamos unha boa cea e logo de atrasar o reloxo fomos durmir. O domingo despois do almorzo, e como estaba bastante mal tempo, achegámonos xa ata Viveiro onde comezamos a segunda andaina. Fixemos un percorrido polas rúa desta bonita vila e seguimos pola excelente praia de Covas. De alí xa comezamos a subir para acadar o famoso Fociño do Porco.
Despois de contemplar as fermosas vistas, continuamos viaxe pola costa ata a praia de san Román, xa no concello do Vicedo. Alí estaba o autobús que agardou a que tomasemos un tentempé abrigados no restaurante, ó que agradecemos o trato recibido. Ben sequiños subimos ó autobús para coller camiño cara a Vigo. Sen embargo temos que lamentar un pequeno incidente, xa que se avariou o autobús e tivemos que esperar por outro que nos viñese rescatar. Hai que agradecer o comportamento cívico e paciente dos andaríns do Souto do Vello soportando as horas de espera, a pesar do mal tempo e das ganas que había de volver a casa. Con todo xa estamos desexando que veña a próxima saída.

Para ver as fotos fai clic aquí.