O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

25 jun 2017

Ruta dos Tres Ríos (Mondariz)


Remata a 15ª tempada de andainas do Souto do Vello, estamos atravesando unha vaga de calor africano…que mellor que buscar unha ruta á beira do río e rematar cunha festa nunha praia fluvial. Pois iso foi o que nos ofreceron. Unha ruta que se coñece como “Os tres ríos” (Tea, Xabriña e Aboal) polo concello de Mondariz e un fin de festa na praia fluvial de Mondariz Balneario. Pero faltaba algo polo medio, e foi un xantar campestre con empanadas e porco asado polo amigo Thiago e a súa dona que viñeron dende a veciña Valença. Unha ledicia para os sentidos!!!
Saímos a andar cando xa estaba comezando o porquiño a asar e o día ameazaba con “asarnos” a nós.
Fixemos unha pequena subida ata chegar ao carballo e mámoas da Armada.

O Carballo da Armada érguese no medio dunha área de lecer en Queimadelos. É un bo exemplar de carballo que xa ten algúns anos, din que varios centos. Segundo unha lenda foi plantado polo druída Lambrico, neto do fundador suevo de Mondariz, Mondrico.

Na mesma zona están as mámoas da Armada que foron construídas ao final do Neolítico (hai 4000 anos). Son de tamaño medio (12 metros de diámetro e menos de 1 de altura), e acollen no seu interior foxas ou sartegos de forma cadrada ou rectangular escavados na terra que, en ocasións, se presentan gorecidos baixo unha única tampa de pedra a modo de cuberta, o que fai que destaquen menos na paisaxe.
Despois pasamos a percorrer os tramos dos ríos Xabriña, xusto na desembocadura, continuamos pola beira do Tea, entre a pasarela de Merouces, praia de Riofrío, pontillón da Poeira e pasarela das Amolares. Un pouco máis tarde percorremos os 3 últimos quilómetros do río Aboal. Ao longo este tramo puidemos observar amieiros, salgueiros, abeleiras, bidueiros, carballos e acivros e gozar das ricas augas que baixan dende a parroquia de Festín.
Tamén houbo un grupo de andaríns que fixeron a súa pequerruta pola beira do Tea ata a ponte de Cernadela.
Cando chegamos de novo á praia fluvial de Mondariz xa o porco estaba case todo asado, e nós asados de todo. Tocou baño para arrefriar e logo degustar as viandas e as sobremesas coas que nos obsequiou o amigo Kico. Non faltou a sesta o baño e algunhas pezas dos Soutiños para botar uns bailes debaixo dos carballos.
Temos que agradecer as facilidades que nos deron desde o Concello de Mondariz para que todo saíse ben. E saíu. Foi unha xornada para gardar na memoria, un bo remate da 15ª tempada. Moitas grazas á organización. Felices vacacións e a preparar a primeira de setembro.



Para ver as fotos fai clic aquí.

1 jun 2017

Camiño dos Faros (Muxía - Fisterra)

Parece que aínda foi onte cando nos desprazamos ata Malpica para facer o Camiño dos Faros e por fin chegamos a Fisterra, despois de gozar das 8 etapas das que consta este proxecto.
O domingo tivo un momento moi emotivo cando chegamos ao faro de Fisterra, moi parecido como cando fas o Camiño de Santiago. A pesar dos malos ratos que se pasaron nas súbitas pendentes e os complicados descensos, quedan na retina as preciosas imaxes dos acantilados, desa costa agreste, do colorido e das diferentes paisaxes que vas atravesando con praias, bosques, castros, coídos, ... un auténtico agasallo para os sentidos que fan que o cansazo se esqueza enseguida. Para non repetirnos e explicar os lugares polos que andamos pódese visitar a páxina dos Traskis e ver o traballo completo: http://www.caminodosfaros.com/.


Se a isto engadimos que tivemos un tempo fabuloso (como non podía ser doutra maneira sabendo das boas relacións co encargado do tempo do noso organizador), que estivemos aloxados nun albergue/hostel fantástico como As Eiras en Lires, onde nos prepararon unha estupenda cea e que ademais tivemos a sorte de coincidir cun festival folk con Ses como estrela...que máis se pode pedir para unha fin de semana.
Sabemos que o grupo de turistas tamén o pasou ben con visitas a Muxía e á fervenza do Ézaro entre outros lugares da zona.


Despois desta preciosa experiencia quedamos convocados para o remate da tempada o día 18 de xuño polas terras de Mondariz con comida campestre e actuación dos Soutiños.







Para ver as fotos fai clic aquí.