O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

14 ene 2015

GR58 Sendeiro das Greas - (1ª etapa Soutomaior - Fornelos de Montes)






Cada vez que cambiamos de ano facemos unha chea de propósitos que moitas veces non levamos a cabo. Os andaríns do Souto do Vello, neste ano 2015, fixemos un propósito moi ambicioso que consiste en percorrer o Sendeiro das Greas, nada máis e nada menos que 247 km aproximadamente, e que estamos seguros que non imos fallar.
O GR58, chamado Sendeiro das Greas, é o máis longo dos sendeiros de Gran Percorrido en Galicia que pasa por todos os municipios da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. O nome de Greas fai referencia á cantidade de cabalos que podemos atopar nos montes polos que pasa (grea=conxunto de animais e catro patas que viven xuntos, especialmente cabalos). A riqueza e diversificación das paisaxes é o que mellor define a este sendeiro, pasando por zonas forestais, zonas baixas de paisaxe agraria ata tramos con vistas marítimas da Ría de Vigo. Sen esquecernos do patrimonio arquitectónico e etnográfico, así como os restos arqueolóxicos do neolítico. Pouco a pouco iremos debullando cada un destes apartados segundo vaiamos facendo as distintas etapas que nos teñen preparadas.
Para comezar, o pasado domingo, fixemos o tramo de Soutomaior a Fornelos de Montes. Un percorrido de gran beleza paisaxística de media montaña e de ribeira que puidemos gozar cun tempo realmente marabilloso.
Saímos da parte baixa do castelo de Soutomaior. Logo dunha pequena baixada cruzamos pola ponte medieval de Comboa, que atravesa o río Verduxo para logo volver cruzar pola ponte colgante, toda unha aventura... Continuamos ata o lugar de Carballa, unha aldea situada na aba do monte e chea de socalcos que conforman un precioso tapiz que remata nas ribeiras dos ríos Verduxo e Oitavén. A dura subidiña levounos ata un lugar onde puidemos contemplar o canón do río Oitavén, espazo fluvial único pola súa riqueza natural en especies de flora e fauna.
O percorrido continúa na parte alta do camiño por un sendeiro empedrado que nos leva ao lugar de Alén de Arriba e despois á parroquia de San Adrián de Calvos. Alí puxemos en práctica o experimento de “comer sen fame” e que resultou moi satisfactorio, xa que despois de facer a enquisa correspondente puidemos comprobar como a maioría levaba a metade do bocadillo sen comer e andaba máis lixeiro (aforramos e gañamos en saúde!).
Pouco despois de comer chegamos ao Monte da Cidade, o punto máis interesante desta etapa. Alí hai unhas ruínas dun poboado formado por pequenas casas de pedra cubertas de vexetación e un antigo acueducto, todo rodeado dun espléndido bosque de carballos que deitaron as follas no chan formando unha alfombra pola que dá gusto pisar.
Cruzamos o río Barragán, pasamos ao lugar de Oitavén e subimos por un monte desde onde se pode contemplar o encoro de Eiras. Continuando pola pista forestal chegamos ao centro de Fornelos de Montes. De aí continuamos ata a praia fluvial no río Oitavén onde rematamos esta primeira etapa degustando unhas riquísimas rosquillas da confitería ANCLA de Ponteareas, agasallo do noso amigo Kiko.
Volta para Matamá para marcar cun X a primeira das etapas deste GR que pensamos rematar onde comezamos.
Para ver máis fotos fai clic aquí.