O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

21 nov 2014

A ruta dos Tres Ríos - Touro




A ruta dos Tres Ríos é unha ruta deseñada para percorrer tramos a carón dos ríos Lañas, Beseño e o gran Ulla, todos dentro do concello de Touro, na provincia da Coruña. Esta foi a ruta elixida pola organización do Souto do Vello para facer a saída correspondente ao mes de novembro. Unha elección acertada, xa que nesta época do ano xúntase a coloración de outono da vexetación co nivel de augas que baixan polos rápidos e que fan moito máis atractivo este sendeiro.
En realidade trátase de dúas rutas, o PRG 121 ou Ruta dos Tres Ríos co PRG 93 chamado Ruta Ribeira do Ulla, que se poden facer de distintos xeitos. Nós comezamos na Área recreativa de Santaia, para, río abaixo, pasar polos muíños da Carballa, pola fervenza do Salto das Pombas, a ponte da Laña e a ponte Basebe, entre outros lugares de gran beleza. No percorrido imos pasando por prados, montes con vexetación autóctona (carballos, loureiros, castiñeiros…), bosques de ribeira e algún que outro eucalipto. Nalgunhas zonas imos saltando da provincia da Coruña á de Pontevedra, xa que tamén pisamos o concello de Vila de Cruces, unido co de Touro pola ponte Basebe. Hai zonas no sendeiro que salvan a súa dificultade con escaleiras e pasarelas de madeira.
Xa pasamos ao segundo tramo onde o protagonista é o río Ulla. Preciosos camiños de carro, grandes bosques de loureiros, espléndidas extensións de sobreiras, carballos, castiñeiros, piñeiros…fan desta senda un percorrido realmente precioso. Ademais engadimos restos de construcións como as ouriceiras, muros de pedra en forma de círculo que facían antigamente para gardar as castañas cos seus ourizos e así salvalas do xabaril. Tamén hai muíños, o pazo de San Cristovo, etc, sen esquecernos do lugar chamado Pozo do Pego, onde seguro que no verán se pode dar un bo baño nas ricas augas do Ulla. Desta volta non o fixemos porque non apetecía moito.
Aínda tivemos tempo de parar na localidade de Touro para tomar a arrancadeira e coller camiño de volta a Matamá, nun día que prometía moita chuvia e sen embargo respectounos case todo o día deixando que gozaramos desta bonita ruta.
Dende esta páxina queremos enviar un afectuoso saúdo ao noso compañeiro Carlos Miguel e desexarlle unha pronta recuperación. Coa túa fortaleza e o apoio de amigos e familia estamos seguros que pronto estarás con nós. Moito ánimo Carlos, os andaríns do Souto do Vello enviámosche toda a enerxía positiva que che faga falta para superar este momento!!

Para ver as fotos da saída pincha aquí.

NOTA: Como xa sabedes a maioría, acordamos mercar unha prenda cortaventos térmica (soft-shell) na tenda de deportes Carlos Miguel á que se lle pode poñer o logo do Souto do Vello e mais personalizala co voso nome. Os que esteades interesados pasade pola tenda para encargala.