O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 ene 2023

Pozas de Loureza e Alto da Pedrada

 


Dámoslle a benvida ó novo 2023 cunha saída polo Baixo Miño, máis concretamente en Loureza, unha parroquia do municipio de Oia.

Por aquí baixa o río Tamuxe que nace na Serra da Grova. As súas augas proporcionan unha serie de rápidos, fervenzas e pozas, que grazas ás chuvias dos últimos días forman un espectáculo marabilloso.

Comezamos a ruta ó pé do bar El Puente, en Loureza, dando un paseo pola localidade. Logo comezamos unha tendida subida cara a serra do Argallo aproveitando un cortalumes onde os e as sendeiristas amosaron o bo estado de forma que conservan a pesar dos excesos nas últimas festas. Chegamos ó alto da Pedrada desde onde gozamos dunhas preciosas vistas do Galiñeiro e do Val Miñor, así como por outra banda dos vales do Miño e o Rosal e mais da serra da Grova.

Seguidamente comezamos o descenso en busca do río Tamuxe. Pasamos por unas grandes plantacións de kiwis antes de chegar á Área Recreativa do Pozo do Arco e gozar do


espectáculo da auga nos saltos e canóns que forma o río. Cruzamos pola ponte de madeira para chegar á outra beira onde se atopa a zona recreativa e alí aproveitamos para comer. Despois continuamos a baixada á beira do río escoitando o son das augas ata chegar ó segundo punto de interese que son as pozas de Loureza. Neste momento están espectaculares. Seguimos o descenso aproveitando unha canle e chegamos á estrada para ver as outras pozas, as da Bugalleira...outro espectáculo.


Xa só quedaba continuar polo sendeiro para regresar ó punto de partida. Alí nos agardaba unha fresquiña cervexa acompañada duns manises.

Volta a casa despois de gozar dun día fantástico e agardando xa que chegue a seguinte, sobre todo pensando que toca cocido.

Para ver as fotos fai clic aquí.