O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

22 dic 2013

O Souto do Vello desexa Boas Festas

A organización do Souto do Vello berra, dende os cumes galegos polos que andamos, os bos desexos para que cheguen a todos os que pasades por aquí, e para os que non pasan mandádelles recado, por favor.

19 dic 2013

San Xurxo de Sacos - Sebil



Carballeira de San Xusto,
carballeira derramada, 
naquela carballeiriña 
perdín a miña navalla”… 
Non creo que os andaríns do Souto do Vello perderan a navalla o domingo pero si que estiveron nesta preciosa carballeira.
Carballeira de San Xusto
moitos arrodeos ten,
se non fora polos Santos
alá non ía ninguén.
Nós non fomos polos santos, pero si fomos pola beleza das súas paisaxes e como nos dicía  o amigo Telmo, que non nos puido acompañar: “un dos lugares con máis historia de Galicia: Campolameiro, a catedral da arte rupestre!! Impresionantes petróglifos de cervos, esceas de caza e outras representacións simbólicas vos esperan...”
Aí foi o punto de partida da saída do domingo 15 de decembro, última deste ano 13. Na parroquia de San Xurxo de Sacos, no concello de Cotobade, ademais da carballeira hai algúns pazos como o dos Bermúdez. Despois da foto na carballeira baixamos ata o río Lérez onde están os baños e fonte de San Xusto cunha auga recomendable para a pel e problemas dixestivos. Logo pasamos por Fentáns, unha aldeíña en costa onde debe amolar bastante esquecer o legón na casa cando vas á leira e ter que volver a buscalo. Seguindo ruta  pasamos polo medio e medio do parque arqueolóxico da arte rupestre Campo Lameiro. Alí puidemos contemplar parte das súas cerca de 100 rochas con gravados rupestres con motivos e temáticas características dos petróglifos de Galicia ciscadas por entre os bosques de carballos e piñeiros. Pasamos por Muimenta e Cequeril e despois de comer, nun saltiño puxémonos en Sebil, onde nos esperaba o autobús. Alí puidemos hidratarnos tal e como nos dixera o noso guía lendo unha noticia do xornal que recomendaban unha cervexa despois de camiñar para non ter problemas musculares.
A xornada foi moi bonita e tranquila, e iso que faltaba algunha xente importante...ou foi grazas a iso? Non sei. Esperamos contar con todos eles na próxima, que xa será o vindeiro ano. Felices e naturais festas para todas e todos  e vémonos no 14. Unha aperta desde O Souto do Vello.

 

Preme na foto para ver máis.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5959180571703748561