O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

24 abr 2015

Castro Laboreiro




Por fin chegou o día de asistir ó Santuario do Bacalhao e que mellor maneira de honralo que saír...do propio santuario. Así que alá nos fomos, co autobús máis cheo que nunca, ata Castro Laboreiro. O día, como sempre fai a “orjanisasión”, estaba pedido; prometía un precioso día de sol, limpo e sen demasiada calor. Comezamos a pateada (se se pode chamar así) sobre as dez da mañá desde a porta do restaurante Miracastro. Collemos dirección a Rodeiro por unhas pistas fáciles e agradables de andar con preciosas vistas cara a serra. Pasamos por Picotim, pola capela da senhora de Monserrate, Travessa-Coriscadas-Falagueiras-Adofreire-Senhora dos Remedios e Rodeiro. Aí paramos a tomar o bocata das “onse” pasadas as onse, aínda que o noso guía di que “as onse son as onse”. Despois continuamos pola ponte de Rodeiro, a costa da Cabrita... boeeeno costa, costa é un dicir. Moitos queixábanse de que na serra da Peneda a orjanisasión non nos metese por unha costa. Creo que están botados a perder porque isto non se parece a unha andaina para o Souto do Vello. Bonita si, hai que recoñecelo, pero de dificultade menos que baixa, case non facemos gana de comer o bacalhao. Pasada a costa da Cabrita pasamos por Formarigo, Portela e chegamos á altura do cemiterio de Castro Laboreiro. De alí collemos pola ponte de Castro para subir ao castelo. Feitas as fotos de equipo dende ese mirador natural fomos baixando ata o noso santuario. Como non podía ser menos, non defraudou o menú. Os da mesa 17 dicían que nunca comeran un
bacalhao e un cabrito tan rico, sen esquecer o caldinho e mais a sobremesa. Os da mesa do lado falaban ben da caña depois do café. O certo é que estivo moi ben, contando ademais coa excelente actuación dos Soutiños que animaron ó persoal para que saíse a botar uns bailes. Toda unha festa! Debeu ser grazas aos recordos que nos mandaron María Jesús e Antonio, que din que María Jesús está poñendo todo da súa parte para estar pronto con nós. Devolvémoslles eses recordos cheos de ánimos, así como a todos os que están en proceso de recuperación. Botámosvos de menos, ánimo! Os demais xa estamos preparándonos para unha estupenda fin de semana na Fonsagrada.