O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

23 dic 2015

Boas festas!!!

     Panxoliña do Nadal
I

Hai un vento cheo de frío

apousado nos camiños.
E no ar un asubío
todo cheo de aloumiños.
pero un vento milagreiro
nascerá pol-o Nadal.
Brilará coma un luceiro
pra alomear o portal.

II

Xa nas ponlas dun carballo

nasceu un vento ventiño;
ten doces versos de orballo
e azas de paxariño.
Ten azas de paxariño
e craridades de día,
que llas deu Jesús Neniño
e Santa Virxe María.


        Manuel María





    

16 dic 2015

Cortegada - Ribadavia


A organización deixou para final de ano unha andaina con poucas costas. Debeu pensar que para iso xa está xaneiro, aínda que para moita xente neste tempo as costas son todo o ano. O certo é que a ruta foi ben doada e chea de cor, de historia e de bo tempo…a pesar das ameazas.
Volveron acompañarnos un grupo dos amigos e amigas da Pedra Jallada que ademais estrearon uniforme.
Saímos da vila termal de Cortegada, onde acaban de inaugurar un balneario,  para ir pola beira do río Miño coas súas augas encoradas por mor do encoro de Frieira. Pasamos por carballeiras preciosas poboadas de carballos de boa altura que aínda conservan gran parte das súas follas.
Pasamos pola vella e importante aldea da Barca que foi abandoada pola construción do encoro. Esta aldea de gran valor etnográfico, foi no seu día centro de comunicación. Por ela pasaba o “Camiño real de Castela”, nese lugar cruzaban o Miño as barcas que transportaban persoas e mercadorías, de aí que houbese un gran dinamismo económico e cultural.
Seguimos ata Meréns, unha bonita aldea onde se encontran os pazos de Puga e o pazo dos Louredo. De aí continuamos ata a outra vila termal da zona, Arnoia, onde paramos a xantar.
Despois, nunha hora e 40 minutos chegamos a Ribadavia, entrando polo corazón do barrio xudeu, conxunto único en Galicia. Despois de dar un paseo e catar algún que outro viño, concentrámonos na fermosa Praza Maior para buscar o autobús e coller camiño de volta a Vigo.


Antes de rematar non queremos esquecernos daqueles que por culpa do pé ou dos ombros, ou do que sexa, faltaron a esta cita e que os botamos de menos. Dende aquí desexamos unha pronta recuperación para que nos poidan acompañar na seguinte saída.






Para ver as fotos preme aquí