O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

27 oct 2021

Ecovía do Río Vez-Brandas de Sistelo


 

Por fin puidemos facer a ruta despois de 2 anos. Unha vez por temporal e outra polo COVID tivemos que adiala, pero a espera pagou a pena.

O domingo fixemos a ruta por Sistelo, una das Sete Marabillas de Portugal na categoría de aldea rural, á que chaman “O pequeño Tibet” pola súa similitude paisaxística con ese precioso e afastado país.

Fixemos a saída na Ponte Medieval de Vilela. Unha ponte que disque existe dende o ano 1258 e que serve para atravesar o río Vez.

 Por aí pasa a Ecovía do río Vez, que nos levou ata Sistelo pasando por varias pasarelas de madeira contemplando as bonitas paisaxes que nos ofrece o río.



Seguindo a pista chegamos a Sistelo, precioso lugar coas súas casas tradicionais en pedra, a Igrexa Matriz, os lavadoiros, fonte, os espigueiros, así como o Castelo do Vizconde…núcleo de obrigada visita para quen non o coñeza.


De aí parten varios trilhos. Nós eliximos o que vai ata Padrao e ás branda do Alhal e do Río Covo.

A través de camiños empedrados fomos subindo e subindo contemplando diferentes perspectivas dos famosos socalcos que lle dan a sona que ten o lugar.

Despois do xantar, aínda nos quedaba unha das partes máis bonitas da ruta. As brandas, que son núcleos de asentamento temporal dos pastores que levaban o gando no verán. Algunas das chozas están rehabilitadas e en bo estado. Cruzamos un precioso bosque cheo de cogomelos e comezamos o descenso a carón da gran corga que nos levou de novo a Sistelo onde nos agardaba o autobús. Preciosa ruta.


Para ver máis fotos fai clic aquí.