O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

14 sept 2021

Barcia de Mera (Ruta do Alén e do Tea)

 Coa ruta que fixemos o pasado 12 de setembro de 2021 comezamos oficialmente a 20ª tempada do Souto do Vello. A pesar de continuar coas medidas COVID, a ilusión por retomar as xuntanzas dos domingos viaxeiros fixo que nos reuniramos un grupo ben numeroso, faltando poucos dos habituais e sumándose novos amigos e amigas que quixeron probar a camiñar con nós. Benvidas.

A ruta comezou na praza de Barcia de Mera, unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Covelo na comarca da Paradanta. Desde aí fomos baixando en busca do conxunto abacial de San Martiño de Barcia de Mera,  igrexa e casa rectoral de estilo barroco onde esta última ten influencia de culturas precolombianas.

Despois de apreciar as belezas dos adornos arquitectónicos, tomamos a senda do río Alén e pasando pola aldea de Caxil fomos subindo ata chegar a capela de San Xoán do Mosteiro. Capela reconstruída no século  XVIII, de San Xoán do Mosteiro que era por entón, a igrexa parroquial primixenia, do mosteiro cisterciense aí fundado, con constancia na zona desde o século XII e que era amparado polo de Melón na provincia de Ourense.

Aí comeza unha pequena ruta circular que nos leva por unha ponte medieval e a Fonte Santa, de augas moi apreciadas que manteñen a mesma temperatura ao longo das estacións.

Despois de depositar algunhas cruces, seguimos ruta ata os muíños de Portafurado. Unha pausa e tomamos a ruta polo río Tea, facendo parte da ruta da AQA que xa fixeramos enteira. Pasamos por diante da escola e capela en Redondo, construcións que foron doadas no ano 1928 por Agapito Serra Fernandes, industrial confiteiro que fixo fortuna en Lisboa.

Desde aquí apuramos un pouco o paso para chegar ó río Tea para que lles dese tempo ós máis ousados a tomar un baño antes de comer o bocata.

De volta a Barcia de Mera seguimos parte do camiño pola Vía Mariana,  un camiño de peregrinación que une os santuarios de devoción mariana tradicional, desde Braga ata Muxía, e que consta de 372 kilómetros en total. Parte desta vía foi ideada polo noso veciño Luis de Freixo.

Antes de coller o autobús puidemos refrescar o gañote cunha cervexiña no Pinzas, o santuario do chuletón.


Para ver máis fotos fai clic aquí.