O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

15 ene 2019

GR 58 - A Ramallosa - Matamá




A primeira saída oficial do Souto do Vello neste novo ano retoma o GR 58 – Sendeiro das Greas, que vimos facendo dende hai tempo e que xa estamos dando a volta para chegar ó punto de partida. Hoxe fixemos a etapa que sairía da Xunqueira da Ramallosa e chegaría á Garrida. Nós fixemos unha pequena adaptación e saímos da Xunqueira, pero a partir do monte Cepudo fixemos unha desviación para chegar andando a Matamá.
Como dicía iniciamos a andaina ó pé do río Miñor dirixíndonos cara a Vilariño e de aí a Parada, con visita á súa igrexa, única mostra de arte románica que se conserva no concello de Nigrán, e única tamén adicada ó Apóstolo Santiago. Dende Parada comezamos a subir ata o Monte dos Mouros, precioso miradoiro sobre o Val Miñor, Monte da Grova, Baiona, Praia América, Panxón, Monteferro e Illas Cíes. Este monte está relacionado con vellas lendas sobre mouros, seres
míticos que podían dar tesouros a cambio de desencantalos. Algúns no alto do bloque granítico e outros abaixo, nas mesas que hai polo lugar, aproveitamos para tomar o bocata e coller auga na súa fonte.
Xa coas forzas ben repostas, collemos dirección a Chandebrito pasando polo barrio de Rozadas. Aí temos outro excelente miradoiro, o Monte do Castro, que como indica o seu nome hai restos dun antigo castro celta. Na base, hai unha plantación e unha obra que lembra os terribles incendios que asolaron a zona, é o Bosque da Memoria. Un chamativo acueduto, construído polos veciños no ano 1939, leva a auga ata o muíño das Chans. Segundo dixo un paxariño, algún dos andaríns utilizou este acueduto para ducharse, despois de facer deporte, nos seus tempos mozos.
Dende ese punto comezamos a subida ata o Cepudo onde comemos agradablemente baixo o sol de xaneiro. Xa despois do xantar, e como se se tratase dunha montaña rusa, pasamos polo alto do Alba, Monte de Pozos e camiño a Matamá, onde rematamos esta bonita primeira andaina do 2019.






Para ver as fotos fai clic aquí.

1 ene 2019

Nadal 2018

Outro ano máis, os andaríns do Souto do Vello non fallan na súa tradición de celebrar o día de Nadal e o de Aninovo camiñando polos nosos montes. Este ano ademais contribuíron na "deseucaliptización" como podedes ver nas fotos.





Non esquezades que nos veremos o vindeiro domingo, día 13 de xaneiro, para unha nova andaina.