O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

19 jun 2018

Sta. Uxía - Aguiño


Rematamos unha tempada máis e, como non, tiña que ser con festa rachada. A organización preparounos unha fin de festa espectacular no lugar de Chazo en Cabo de Cruz (Boiro) pero antes había que cumprir co “preceuto” e facer unha pequena camiñada. Para iso levounos ata Sta. Uxía de Riveira. Dende o porto comezamos un paseo pola beira do mar ata a praia do Vilar, pasando por todas as pequenas praíñas que atopamos polo camiño, sen deixar de ver á nosa esquerda a illa de Sálvora e de fronte Corrubedo. Chegamos a Aguiño entrando pola súa impresionante praia e pasando logo ó pé dos restaurantes que preparan o mellor polbo do mundo (con permiso do Carballiño). 

Pasada a bonita vila de Aguiño atopámonos cos restos do porto fenicio da Covasa, que máis tarde sería restaurado polos cataláns para descarga da salazón dunha fábrica que tiñan na illa de Sálvora. Despois desta xoia vimos o lavadoiro da Penisqueira, curioso lavadoiro preto do mar aproveitando unha das poucas minas de auga doce que había pola zona. Seguimos por Punta Couso, un lugar moi bonito, para chegar á praia do Vilar
pasando por un lugar rico en restos castrexos como o de Castro Porto de Abaixo. Pegados á lagoa de Vixán chegamos ó aparcadoiro da praia do Vilar que é o principal areal do parque dunar de Corrubedo. Formada polas praias que están unidas como Anguieiro, O Vilar, A Lagoa, Río do Mar e a Ladeira, teñen unha lonxitude de 5 km. Saíndo da praia pasamos polo Centro de interpretación do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixan e dirixímonos á aldea do Castro para acceder ó Parque periurbano de San Roque, onde finalizamos a andaina deixándonos engaiolar polas fermosas vistas que hai dende o miradoiro.
Cos pés pedindo uns minutos de descanso e o estómago acusando a fame sabendo o que nos esperaba,  collemos o autobús e en media hora estabamos no Chazo, onde unha cuadrilla de valentes e desinteresados membros do grupo nos tiñan preparado mesa e mantel para degustar unha suculenta mexilloada, agasallo do amigo Óscar, e o mellor churrasco do mundo preparado por Ubaldo. Nin que dicir ten que para sobremesa tiñamos as familiares rosquillas e roscón de Ancla, agasallo do compañeiro Kico. Todo isto regado con Amandi e Barrantes a escoller. O que diciamos ó principo...unha festa rachada; xa que a continuación Os Soutiños, acompañados doutros excepcionais músicos, amenizaron a sobremesa ata a hora de marchar. Algúns non deixaron de dar un refrescante baño nas bonitas praias da Retorta e da Ladeira.
Queremos agradecer a todas aquelas persoas que colaboraron (poñendo mesas, lavando leitugas, cocendo mexillóns...) e como non, tanto a Óscar e Kico polos mexillóns e rosquillas achegadas.

Botáronse de menos algúns dos habituais e esperamos que pronto poidan estar con nós. Agora a descansar, a tomar o sol e non deixar de adestrar para a primeira andaina que xa está a preparar a organización. Bo verán!

Para ver as fotos fai clic aquí.