O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 sept 2012

Chandrexa de Queixa (O monte Seixo e o bidueiral de Montederramo)

Despois da celebración do 10º aniversario coa fabulosa cea-baile no Moisés, o Souto do Vello comeza a 11ª tempada de andainas, e faino con forza. Nada menos que a fin de semana do 22 e 23 de setembro en Chandrexa de Queixa para subir ao Seixo e mais percorrer o bidueiral de Montederramo. Este grupo tiña un traballo pendente dende xuño de 2004 por culpa dunhas balas que querían acabar cos xabarís da zona. Así que o amigo Garrido, que non lle gusta deixar as cousas a medias, propuxo repetir itinerario pero para rematalo, e así foi. O sábado ás 7 da mañá arrincaba o autobús dende Matamá para chegar sobre as 9,30 a casa Gerardo en Chandrexa de Queixa. Alí agardaba o amigo Gerardo para servir uns cafeliños ben quentes que darían o pulo necesario para comezar a subida ao monte Seixo. 800 m de desnivel positivo para acadar o cume a 1710 m de altitude. Foi unha subida continuada co grupo moi animado, demostrando que no verán practicaran algo. A paisaxe de montaña é preciosa e o día era perfecto para camiñar. A foto no cume foi un pouco ventada. A comida fíxose na aba do monte sentados ao sol sobre un campo de carrascos cheos de pulgas inofensivas. Aínda que máis de un pasou todo o tempo preocupado que non lle pasasen a zonas íntimas. A baixada foi máis prolongada e demostrou que había pouco fondo entre os andaríns. Era a primeira saída da tempada e algúns non fixeran ben os deberes no verán. Por fin chegamos a Chandrexa ben alimentados polas riquísimas moras do camiño. Xa na casa Gerardo, os andaríns foron distribuídos por grupos nas habitacións. Logo da ducha reparadora e da correspondente garimba, prepáranse para a cea (unha cea lixeira como acostuma o amigo Gerardo; non hai máis que ver as fotos do menú). Ó remate da cea, Garrido ofrece unha preciosa charla, que pode ser un adianto da que vai dar moi pronto en Matamá. Lembranzas, emocións contidas, aplausos...boa compaña. A continuación hora de baile, cantigas, algunha serenata e a durmir... quen puido ou a quen deixaron. O domingo, foi domingo de outono...vento e chuvia, que non nos impediron entrar no autobús despois do espléndido almorzo e acopio de bocatas para o xantar. Vendo como estaba o día, a organización tivo que deliberar e ao final decantáronse por continuar coa programación e levaron o grupo polo bidueiral de Montederramo. Trátase do bosque de bidueiros máis meridional de Europa, declarado LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) e en trámites para ser declarado Parque Natural. “Fragas caducifolias con especies autóctonas en zona de media montaña. É un dos bosques de bidueiro mellor conservados de Galicia, ademais de ter unha boa representación doutras especies arbóreas, con importancia fitoxeográfica por ser un dos exemplos de vexetación eurosiberiana máis meridionais de Galicia. A altitude do espazo varía entre os 959 m e os 1.600 m s.n.m., cunha altitude media de 1.310 m s.n.m. O estado de conservación deste LIC é bo. A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-portugués” Ata parece que vimos o sacauntos. Entre vento, chuvia, moras, arándanos...chegamos a Montederramo para comer o bocata no claustro do mosteiro. Entre esas pedras recuperáronse as forzas, e co cafeciño quente botouse fóra o frío e a humidade acumulada. Volta a casa, coma sempre con algo de cansazo pero ledos, despois de compartir unhas bonitas xornadas de montaña. Dende aquí queremos agradecer a Garrido e mais a Concha a súa disposición para acompañar ao Souto do Vello sempre que o precisa. De feito xa está preparando a seguinte saída.