O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

17 mar 2017

Ameijoeira - Outeiro do Castelo

Din que as persoas somos animais de costumes… pois os do Souto do Vello cumprimos co dito e un ano máis (e xa van doce) asistimos ao noso santuario do bacallau para dar boa conta das postas que nos ofrece o amigo Fernando. Pero antes hai que facer ganas e alá fomos ata a localidade de Ameijoeira, na
fronteira galaico portuguesa. Alí comezamos unha andaina que prometía dificultosa pola climatoloxía que nos acompañaba na viaxe pero que se converteu nunha das máis bonitas e agradables das que levamos feito ultimamente. Na saída saudamos na súa capela ao Señor da Boa Morte...polo que poida pasar...e despois de pasar por un forno comunitario comezamos a ascensión ao alto da serra como se comezan as andainas por esta zona de Portugal. Moi pronto nos atopamos cunha presa que había que cruzar e para iso o equipo de enxeñeiros que levabamos con nós fixeron posible que parase a auga para poder pasar sen problemas. A partir de aí e por sendeiros pechados e rodeados de carrascos, uces e algún toxo fomos cara o Outeiro do Castelo. A paisaxe que nos rodeaba era impresionante, espectacular... Despois dun complicado descenso chegamos á estrada, xa en terras galegas, que cruzamos
para coller rumbo á localidade de Pereira, no concello de Entrimo. Antes tivemos que cruzar unha valga que formaba un bosque encantado polo que discorrían as augas cristalinas do río Agro. Nun día chuvioso e con néboa pódese dicir que pasas por un bosque onde podes atopar fadas e mais rebecos choutando ledos por entre as árbores cubertas de musgo. Pasada alocalidade de A Pereira xa collemos ruta de volta cara o autobús. Dez minutos de viaxe e chegamos a Castro Laboreiro para degustar o bacallau e o cabrito riquísimo que deu paso a un magnífico festón amenizado polos nosos Soutiños, que desta volta contaron coa colaboración espontánea do acordeonista Fernando, e que fixeron as ledicias dos presentes. Non había ganas de voltar para Vigo, pero había que vir para ir
preparando as equipaxes que levaremos en busca do anticiclón das Azores. Unha xornada para lembrar.






Para ver as fotos fai clic aquí. Estade atentos que en breve se colgará un precioso vídeo da andaina.