O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

22 nov 2017

Ruta do contrabando (Nogueira de Ramuín)

Despois do bo sabor de boca que nos deixou a visita á comarca de Babia en León, retomamos as andainas pola nosa terra.
Como vén sendo habitual nos últimos outonos, non faltamos á visita da Ribeira Sacra para gozar das súas preciosas cores entre viñedos, carballeiras, soutos...
A asociación “Móvete por Nogueira” leva anos traballando na recuperación de vellos camiños polo concello de Nogueira de Ramuín, o que é de agradecer xa que nos permite gozar dunha zona espectacular en canto a paisaxe, etnografía, recuperación de usos e costumes...
A organización do Souto do Vello propúxonos esta ruta chamada “Ruta do Contrabando”; do contrabando da fariña que saía dos numerosos muíños que hai ó longo de todo o percorrido.

Nós comezamos a ruta na localidade de Penalba, unha viliña con preciosas vistas sobre o pai Miño. Dende alí comezamos unha prolongada subida para introducirnos no bosque entre soutos, carballeiras e fragas atopándonos con algún que outro lavadoiro, que pola situación na que están parece incrible que nalgún tempo tivesen actividade. Pasamos polas aldeas de Vilasuxá, Cinxeiro e Alcouza. Xa pronto vimos anunciado o “Miradoiro da Moura” ou da “Lampa” pasando pola aldea de Sobrado.
Dende o miradoiro temos unha bonita panorámica do río Sil, observando non moi lonxe o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

De aí pasamos a unha zona chea de penedos, todos eles con formas caprichosas e con nomes propios (“O Penedo do Trigo”, “Os penedos do Rufino”..), chegando ata a espectacular “Pedra Longa”, unha enorme rocha coa base moi estreita e que orgullosa contempla o paso do Sil. Por alí tamén se atopa o que chaman “O Castro da Moura”, conxunto de penedos que serve de miradoiro novamente sobre o canón do río.
Pasando polo punto máis elevado da ruta chegamos ata a localidade de Valdomir, moi preto de Luíntra. Despois do merecido refrixerio comezamos o descenso a través do sendeiro dos muíños, integrados nun precioso e misterioso bosque con albarizas, pontes, muros cheos de musgo, minas de auga e unha chea de trasnos que están agochados detrás das árbores agardando os días de brétema para saír ó encontro dos visitantes.

Despois de repartir apertas coas árbores, tal e como nos propoñen os amigos e amigas da asociación “Móvete por Nogueira”, finalizamos onde comezamos, en Penalba. Alí puidemos recuperarnos no local da asociación de veciños que xentilmente nos abriron as portas para poder tomar unhas cervexiñas.

Unha vez máis non defraudou a zona e aplaudimos o traballo destas mulleres e homes entusiastas, que sen moitas axudas están conseguindo que outros poidamos gozar de todos os recunchos da Ribeira Sacra.  




Para ver as fotos fai clic aquí.