O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

23 feb 2017

Circular por Avión (Ourense)

Os bugallos dos carballos, que tamén se chaman carrabouxos, cocas ou de calquera outro nome
segundo sexas dun lugar ou doutro, son unha reacción de defensa da árbore fronte a determinados insectos que deixan os seus ovos debaixo da casca nos gromos novos dos carballos.
Pois isto foi o que nos atopamos en abundancia nesta preciosa andaina que fixemos polos arredores de Avión, na provincia de Ourense. O pasado domingo, 19, saímos de Matamá en busca dun día soleado que nos permitiu gozar das diversas paisaxes predominando as carballeiras alfombradas con follas e carrabouxos que estoupaban ao paso dos camiñantes.

Comezamos a andar dende o centro de Avión cando na igrexa parroquial daban as badaladas das 10 da mañá. O sendeiro levounos, tras unha bonita subida,polos arredores do Castro de San
Vicente. Atravesando polas carballeiras pasamos por varios miradoiros onde puidemos ver o encoro de Albarellos, que aínda non recuperou a auga que precisa para chegar ao seu nivel. Máis tarde pasamos pola localidade de Beresmo, famosa polas eiras rodeadas de hórreos, moitos deles moi ben conservados. De aí baixamos en busca da praia fluvial do río Valderias onde comemos gozando do sol de febreiro. Logo continuamos pola senda para coller camiño de Avión onde nos esperaba unha cervexa reparadora. Volta para Vigo e pensando na próxima que será ao noso santuario do bacallau. Dende aquí queremos enviar os nosos parabéns e unha agarimosa aperta aos novos avós que perderon esta andaina por dar a benvida á neta. 


Para ver as fotos fai clic aquí.

Se fas clic na foto de grupo poderás ver o vídeo da nosa andaina.